A Fundación Barrié comeza a transferir parte do seu Fondo de Ciencia tras o control do Banco Santander

Esta fundación, depenente do Banco Pastor, logo do Banco Popular, e agora do Santander, anunciou que cede parte da súa transferencia científica.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 09/07/2019 | Actualizada ás 11:30

Comparte esta noticia

A Fundación Barrié transfire á Federación Española de Centros Tecnolóxicos (Fedit) a metodoloxía do seu Fondo de Ciencia para a transferencia de resultados científico-tecnolóxicos ao mercado. Unha decisión que chega logo da reorganización bancaria no Banco Pastor tras a compra polo Popular e, agora, polo Banco Santander.

Para iso, o presidente da Fundación Barrié, José María Arias Mosquera, e o seu homólogo da Federación Española de Centros Tecnolóxicos, Carlos Calvo Orosa, director xeral do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), asinaron este martes, na sede da Fundación Barrié na Coruña, un convenio polo cal a Fundación Barrié transfire a metodoloxía do seu Fondo de Ciencia.

Segundo informou a entidade, desta forma, os 32 centros tecnolóxicos que integran esta rede nacional de investigación privada "poderán beneficiarse dunha metodoloxía xa validada en Galicia".

O Fondo de Ciencia foi creado en 2011 e, explicaron, "é unha ferramenta para establecer unha metodoloxía e crear unha ponte para que a investigación excelente chegue ao mercado e que o mercado o retorne vía patentes, licenzas, contratos con empresas, etc.".

En palabras de José María Arias Mosquera, "o Fondo de Ciencia da Fundación Barrié, baseado na filosofía 'aprender-mellorar facendo', serviu como ferramenta para o deseño, desenvolvemento e a validación dunha metodoloxía contrastada desde a práctica que agora se pon a disposición a Federación Española de Centros Tecnolóxicos". "Con iso cumprimos plenamente co noso obxectivo de deseñar e modelizar novos camiños que poidan ser replicados por outros axentes", abundou.

Mentres, Carlos Calvo Orosa sinalou que "este convenio supón un paso máis no achegamento e posta en valor da función que os centros tecnolóxicos realizan na sociedade a través do I+D+i que desenvolven para as empresas e a súa contribución ao desenvolvemento económico do noso país".

"Grazas ao Fondo de Ciencia da Fundación Barrié, seremos aínda máis eficientes na transformación do coñecemento en valor para a sociedade", concluíu.

Acto de entrega das Bolsas da Fundación Barrié para estudos no estranxeiro. FUNDACIÓN BARRIÉ
Acto de entrega das Bolsas da Fundación Barrié para estudos no estranxeiro. FUNDACIÓN BARRIÉ

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

José María Arias (sobriño da Condesa de Fenosa) debera explicarlle aos galegos como fixo para VENDER as accións do Banco Pastor depositadas a PERPETUIDADE na Fundación Barrié ??? O resto que o meta no rabo !!! Pero os Sindicatos algún día deberan sentar no banquillo por COLABORACIONISTAS deste Roubo Flagrante a tódolos galegos !!!