O Concello de Monterrei calcula en máis de 1,5 millóns os danos polas "intensas" tormentas

O alcalde da localidade explicou que a eses gastos deben sumarse "os gastos en limpeza e retirada de restos de pedras que foron arrastrados pola corrente de auga, con todos os medios humanos e maquinaria destinados a estes fins".

Por E.P. | OURENSE | 10/07/2019 | Actualizada ás 16:44

Comparte esta noticia

Os danos  acasionados en infraestruturas públicas no concello ourensán de Monterrei por mor das "intensas" choivas e  granizadas rexistradas o pasado luns, 8 de xullo, "ascenden, de entrada, a máis de 1.500.000 euros" , segundo explicou o alcalde da localidade, José Luis Suárez, no pleno extraordinario celebrado este mércores.

Enchenta en Albarellos ( Monterrei)
Enchenta en Albarellos ( Monterrei) | Fonte: Diario do Támega

O motivo deste pleno foi o de solicitar a declaración da zona de emerxencia para o municipio. Entre as localidades que se viron afectadas polas fortes tormentas destacan Infesta,  Albarellos, Vilaza,  Guimarei, A  Caridade e a  Salgueira.

Entre os danos incluídos na cifra inicial dun millón e medio de euros atópanse, segundo numerou o rexedor, "mobiliario urbano, estradas, camiños rurais, pistas forestais, redes de abastecemento, saneamento e depuración, iluminación pública e zonas verdes". Ademais, José Luis Suárez tamén explicou que a eses gastos deben sumarse "os gastos en limpeza e retirada de restos de pedras que foron arrastrados pola corrente de auga, con todos os medios humanos e maquinaria destinados a estes fins".

DANOS AGRÍCOLAS

Por outra banda, o alcalde subliñou "os cuantiosos" danos agrícolas nas  viñas con "numerosos galpóns e cultivos en hortas e invernadoiros quedaron esnaquizados, contabilizándose incluso a morte de varios animais". "Non podemos esquecer que as viñas son a principal actividade económica do noso municipio", manifestou o rexedor #ante o pleno da corporación.

Tamén se fixo mención por parte do grupo de goberno do Partido Popular dos danos nas propiedades dos veciños, cuxo importe é "aínda imposible de valorar" ao estar aínda os veciños facendo o reconto das perdas antes de comunicarllo ao Concello. As choivas produciron a inundación de baixos e a consecuente desfeita de mobiliario e  electromésticos, dado que moitas edificacións teñen a planta baixa habilitada como vivenda. Ademais, tamén afectou a vehículos e maquinaria.

ACORDO POR UNANIMIDADE

Deste xeito, os once membros da corporación acordaron por unanimidade instar á Xunta de Galicia, por medio da Xefatura Territorial de Medio Rural, a unha avaliación técnica dos danos producidos nos viñedos e hortas. En segundo termo, piden ao Goberno central a declaración oficial de zona de emerxencia con carácter de urxencia.

Tamén acordaron "solicitar axudas e  financiamiento á Xunta de Galicia e á Deputación Provincial de Ourense para contrarrestar os danos e o impacto ocasionados polas tormentas e a reposición de infraestruturas básicas". Así como ao "estudo de posibles medidas de apoio á actividade vitivinícola". Por último, insistiron en urxir á Confederación  Hidrográfica do Douro a que realice a limpeza, rozamento e mantemento dos ríos, regachos e canles do municipio de Monterrei.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta