O PSdeG apela á "responsabilidade" para a investidura e non contempla novas eleccións

Gonzalo Caballero ve "de vital importancia" que a gobernabilidade do Estado quede resolta antes de que remate xullo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/07/2019 | Actualizada ás 15:13

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, apelou á "responsabilidade" do resto de forzas políticas, tanto do ámbito da esquerda como da dereita, no debate de investidura convocado para dentro de dúas semanas e lembrou que nas pasadas eleccións xerais os cidadáns "só puxeron unha opción sobre a mesa" para a Presidencia do Goberno: o líder do PSOE, Pedro Sánchez.

Abel Caballero, Pedro Sánchez e Gonzalo Caballero
Abel Caballero, Pedro Sánchez e Gonzalo Caballero | Fonte: © Miguel Núñez

"Non hai ningún outro candidato que poida dar un goberno estable e acorde ao mandato das eleccións", subliñou Caballero, que ve "de vital importancia" que a gobernabilidade do Estado quede resolta antes do final do presente mes de xullo.

Nesta liña, incidiu en que "os cidadáns falaron en abril con claridade meridiana" e "só puxeron unha opción sobre a mesa para gobernar", polo que critica a "estratexia" do bloque da dereita de "dificultar" a investidura de Sánchez e insta o "resto de formacións de esquerda" a "entender que ten que haber un goberno".

Ademais, considera que a repetición de eleccións é un "escenario" que non se debe "contemplar", pois "nada garante que se se repiten as eleccións vaia haber unha mellor repartición" de apoios. "Os caneos en curto non levan a un resultado mellor", apostilou.

"Hai que deixar os deberes feitos no verán e permitir que o que gañou as eleccións con claridade poida asumir a presidencia e constituír goberno", remarcou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta