Por Brais Nogueira | A CORUÑA | 16/07/2019 | Actualizada ás 14:28
En 1969, un Francisco Franco nos últimos estertores da súa vida designaba a Juan Carlos de Borbón como o seu sucesor na xefatura de Estado pola súa propia iniciativa. 50 anos despois, o actual Rei Emérito segue a ser unha das figuras que máis polarización causa na sociedade: Salvador da democracia ou continuador do Réxime? Alguén a quen agradecer os seus actos ou unha persoa totalmente integrada no establishment? Aínda despois de saír da vida pública tras a súa abdicación segue a crear polémica e o seu nome xera reaccións enfrontadas.
Para o sociólogo Manuel Monge, Juan Carlos é un digno sucesor de Franco: “Xurou fidelidade ao Caudillo, a conexión entre Franco e Juan Carlos é directa. Non se lle coñece ningunha declaración a prol da democracia nesa época e é máis, a día de hoxe nunca condenou a ditadura. Por outra banda, está documentado que non é que salvara á democracia durante o 23-F, e que foi o principal impulsor”. Monge considera que en torno ao Rei Emérito “creouse unha biografía contada artificialmente que tapou toda a historia real”.
Ivan Rodríguez, portavoz de Espiral-Mocidade Republicana Galega considera que o agora Rei Emérito “representa totalmente o Réxime do 78” e engade que “para a mocidade, Juan Carlos non representa nada. Hai unha ruptura xeracional moi grande respecto ao que pensan os nosos maiores debido a que nós non vivimos nin o 23-F nin esa cousa que venden como algo idílico e pactado que chaman Transición”.
Rodríguez explica que a crise foi un gran dinamitador para a ruptura coa monarquía por parte dos máis novos: “Para nós, ese relato non existe porque todas esas figuras demostraron ser unha elite corrupta. Nese momento, todas as expectativas que nos venderon esfumáronse. Realmente se lles caeu a careta que tiñan posta”. Ademais considera que o 15M foi un punto de inflexión: “Levounos a unha saída do conflito nun sentido democrático e iso confronta totalmente coa monarquía”.
Respecto á manipulación mediática, Monge indica que hai declaracións de “grandes xornalistas” que admiten haber mellorado a imaxe de Juan Carlos I: “Xente como Iñaki Gabilondo admite que estiveron difundindo unha milonga, os medios sabían que había corrupción e negocios ilícitos por parte da coroa, pero estaban silenciados. O resultado foi a creación dunha aureola artificial ao redor da súa figura”.
REPÚBLICA E DEREITO A DECIDIR
Para Monge, é fundamental recuperar algúns dos valores que se defenderon e mantiveron durante a Segunda República. “Queremos un Estado laico. Que actualmente se teña vixente un concordato coa Santa Sede é impresentable. Ademais, é fundamental unha educación totalmente pública”.
Rodríguez sinala que a cuestión “non é só votar”, senón que é necesario por enriba da mesa a cuestión territorial. “Os galegos debemos ter dereito a decidir sen ningunha inxerencia, ademais de ter garantidos certos dereitos materiais que nestes momento non desfrutamos”. Monge está de acordo con este punto: “Deben respectarse os dereitos dos pobos, é indispensable que se poda exercer o dereito de autodeterminación”.
“O que pase despois, depende do mandato popular”, continúa. “O desexo de cambio pode cristalizarse nunha república federal, confederal ou independente, aínda que teña relacións cos outros pobos do Estado por unha cuestión histórica”. Para el, o camiño ata a república pasa por “un proceso de acumulación de forza para o que hai que ter paciencia e que esconde moito traballo”.
"A MONARQUÍA PARLAMENTARIA EMANA DO POBO”
Pola contra, o presidente e fundador da Unión Monárquica de España, Joaquín Corominas, considera a Juan Carlos I unha figura fundamental para a historia do Estado: “O máis importante é que trouxo a democracia a España, ademais foi capaz de superar a Transición e conseguiu que dentro da Constitución entrara a monarquía”, asegura.
Para Corominas, a monarquía parlamentaria é o mellor modelo para a organización do Estado “porque emana do pobo”. Ademais, considera que o seu maior valor é o xa vivido. “Dentro do Reino de España, este modelo ten a experiencia que as repúblicas non tiveron, xa que non aguantaron practicamente nada de tempo e foron gobernos moi inestables”
Respecto á ruptura xeracional, esta situación considera que se debe a un déficit de formación por parte da mocidade: “A xente dunha certa idade é monárquica porque entende a figura do Rei e coñece a súa historia. Os novos non saben nin que función cumpre o Rei, pero cando lle explicas todo comezan a apoialo”.
Tamén culpa aos medios de comunicación pero ao contrario que Monge ou Rodríguez, para el a figura de Juan Carlos é menos popular pola súa culpa: “Sacan informacións interesadas, terxiversadas ou directamente falsas para enturbar a imaxe da coroa. Eu ríome moitas veces cando falan porque nós temos unha relación moi estreita coa Casa Real e cústanos acceder a certa información da que se fala con moita facilidade”, explica Corominas.
Dende o seu punto de vista, o famoso suceso do rei cazando elefantes en África foi un exemplo de manipulación informativa. Segundo o fundador de Unión Monárquica de España, o incidente ocorreu un mes antes de cando se publicou. “Saíu á luz mentres o Rei Emérito estaba en Arabia Saudí negociando para que nos financiaran para saír da crise. A min me parece que interesaba máis que outro se colgase esa medalla”, aventura.
REFERENDO
Dende a plataforma de recente configuración da que forma parte Monge, Galiza pola República e polo Dereito a Decidir, tense pensado organizar diversas accións para espallar o pensamento republicano comezando por unha concentración o día 23 de xullo na Coruña debido ao 50 aniversario da designación de Juan Carlos I.
Ademais, durante o mes de setembro teñen preparados diferentes actos, tales como unha mesa redonda con historiadores e unha consulta popular na que se elixa entre monarquía e república na comarca coruñesa. “Irémolo facendo dun xeito graduado: Barrio por barrio, municipio por municipio”. Tamén queren presentar no Concello unha moción que reclame a república como modelo para a organización do Estado. “Temos o precedente de Pamplona que xa aprobou unha similar”, apunta Monge.
Respecto ao referendo popular, destaca o que se levou a cabo nas universidades galegas hai uns meses cunha participación de máis de 6.000 persoas. Miguel García, unha das persoas que o coordinou na USC, considera que a iniciativa foi moi satisfactoria: “Estivo bastante ben tanto polos números como pola implicación durante as semanas anteriores. Fixéronse charlas informativas, que era un dos momentos máis claves do proceso: Crear un espazo de debate para o ámbito estudantil”.
García comenta que o proxecto non tivo continuidade pola fugacidade do propio movemento ao circular ao redor de convocar un acto como fin, pero considera que o debate suscitado foi positivo. “Pode levarse a outros espazos partindo xa dunha base, como pode ser precisamente a consulta que se vai a realizar na Coruña”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.