O BNG aplaude a demanda para a recuperación do Pazo pero asegura que "puido facerse moito antes"

A portavoz nacional do BNG considera que a demanda interposta por parte do goberno de Sánchez é "un paso importante, pero non o definitivo para restituír a memoria". Pola súa banda, Néstor Rego recoñeceu o traballo propio do BNG, "que presentou as primeiras iniciativas".

Por Uxía Iglesias | Santiago de Compostela | 12/07/2019 | Actualizada ás 14:01

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón destacou a satisfacción do BNG por que se formalizara a demanda para a recuperación pública do Pazo de Meirás que se iniciou este xoves por parte do goberno de Sánchez. Así o deu a coñecer na rolda de prensa que tivo lugar este venres e onde estivo acompañada da portavoz municipal do BNG en Santiago, Goretti Sanmartín, e do membro da executiva nacional, Néstor Rego. Na rolda tamén estivo presente unha representación dos 19 de Meirás, respecto dos que recordou que "aínda hai unha demanda interposta cara a eles pola Fundación Franco". 

Pazo de Meirás (Sada) na Coruña propiedade dos herdeiros de Francisco Franco. EUROPA PRESS - Arquivo
Pazo de Meirás (Sada) na Coruña propiedade dos herdeiros de Francisco Franco. EUROPA PRESS - Arquivo

"PASO IMPORTANTE, PERO NON DEFINITIVO"

"Este é un paso importante, pero non o definitivo para restituír a memoria e a impunidade do Franquismo", asegurou Pontón, que quixo recoñecer o traballo que se leva feito dende Galicia por esta causa. Con todo, descatou tamén todo o que queda por facer: "están pendentes as estatuas e a Casa Cornide, coa que se levou a cabo o mesmo modus operandi ca co Pazo". Fronte a isto, a portavoz reiterou o compromiso claro do BNG para que "todos os bens roubados se nos devolvan. É de xustiza para as vítimas pero tamén un acto democrático". Deste xeito, comentou que a presión política e social non vai ceder "para que isto non quede en nada".

Nestor Rego fixo súas as palabras de Pontón e describiu a demanda como unha "vitoria" do conxunto de persoas e entidades que ao longo de décadas levan traballando na recuperación da Memoria Histórica. "A recuperación do Pazo non é cuestión patrimonial, é cuestión dun fondo calado político e demotrático". Rego comezou a súa intervención "recoñecendo" o traballo do propio BNG, que "presentou as primeiras iniciativas". Así pois, recordou o acordo unánime ao que chegara o Parlamento Galego hai agora xusto un ano. Con todo, considera que esta demanda debe tomarse con "precaución", e coida que "se é froito da presión, cremos que hai que mantela para que vaia adiante". 

Pola súa banda, Goretti Sanmartín aplaudiu ter superado o debate entre "roubo e doazón" e destacou a investigación de Carlos Babío e Manuel Pérez como chave no caso por popularizalo e permitir "o acceso documentado a todo un proceso de extorsión". Respecto da demanda interposta agora polo goberno central, a portavoz municipal asegura que é unha "fiestra necesaria para comezar a respirar", pero que puido terse feito moito antes. "Toda a base desta demanda estaba feita dende hai un ano co informe de Xavier Ferreira. Puido facerse antes", asegura. Do mesmo xeito ca Pontón e Rego, Sanmartín ten presente que "fica moito por facer".

RECOÑECEMENTO POLO LABOR FEITO DENDE GALICIA

Ana Pontón aproveitou para dar o seu recoñecemento polo labor feito nas últimas décadas a todos os colectivos que fixeron posible esta demanda. "Sen todo o traballo colectivo non sería realidade". En primeiro lugar, agradeceu ao movemento de Recuperación da Memoria Histórica da Coruña a loita contra o espolio da familia Franco, e a Carlos Babío e Manuel Pérez a súa investigación recompilada no libro "Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio" que "abriu a vía para a demanda". "Xa apuntaba que a venda do pazo fora simulación, fraude de lei", comenta. Tamén agradeceu o traballo de Goretti Sanmartín por ser a "impulsora" do proceso. Dos 19 de Meirás, Ana Pontón recordou a "acción simbólica, valente e clave que puxo no debate público a nivel estatal e internacional" a consecución do Pazo de Meirás.

A XUNTA PERSONARASE NA CAUSA

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ratificou este venres a intención do Executivo galego de personarse no proceso xudicial para reclamar o Pazo de Meirás como patrimonio público.

"Estivemos a consultar este xoves aos servizos xurídicos da Xunta de Galicia a posibilidade de personarnos. A resposta provisional é positiva. Se se converte en definitiva, a Xunta será unha das partes que se personará no xuízo para reclamar o que entendemos que é patrimonio público, o Pazo de Meirás", subliñou Feijóo este venres tras o acto de entrega de 81 vehículos a axentes ambientais e vixiantes de recursos naturais.

Así, o presidente galego destacou o "traballo con responsabilidade" que desde o Goberno autonómico e o Parlamento de Galicia se levou a cabo e mostrou a súa "alegría" de que, "un ano despois se estea en condicións de presentar unha acción reivindicativa da propiedade".

"Cremos que a propiedade do Pazo lle pertence aos cidadáns e non a ningún propietario en concreto", apostilou Núñez Feijóo, quen celebrou que "o Parlamento de Galicia e o Goberno galego fosen útiles para que o Goberno de España por fin tome a iniciativa de presentar esta demanda para o beneficio dos cidadáns".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta