A Xunta inviste 2,4 millóns para a renovación de "máis do 80%" dos vehículos dos axentes ambientais

Feijóo subliña que prender lume é "un atentado inxustificable" e indica que o 42% dos turistas "visitan Galicia pola súa paisaxe".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/07/2019 | Actualizada ás 15:15

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, participou este venres na entrega de 81 vehículos para a renovación de "máis do 80%" da frota dos axentes ambientais e vixiantes de recursos naturais de Galicia, nos que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda investiu 2,4 millóns de euros.

O presidente da Xunta participa no acto de entrega dos novos vehículos a axentes ambientais
O presidente da Xunta participa no acto de entrega dos novos vehículos a axentes ambientais | Fonte: Europa Press

Feijóo sinalou que estes novos todoterreos servirán para "seguir traballando" por unha Galicia "máis verde" na próxima década. "É misión de todos os galegos coidar, conservar, manter e, se é posible, incrementar o noso patrimonio, contribuír a facer cada día, se cabe, unha Comunidade máis verde", indicou.

Neste sentido, Feijóo subliñou que "hai que convencer" aos cidadáns que prender lume é un "atentado inxustificado e imperdoable", polo que agradeceu "o traballo e esforzo" dos axentes ambientais.

Durante o acto, ao que asistiron case un cento de vixiantes e axentes e a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, o presidente galego confirmou o "compromiso" da Xunta para que estes traballadores "desempeñen o seu traballo nas mellores condicións", polo que destacou o pacto de melloras laborais alcanzado o outubro pasado, o plan de renovación do parque móbil e a aprobación este mes dun incremento de catro novas prazas de axentes ambientais destinados ao Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Na súa intervención, o titular do Executivo autonómico asegurou que a Xunta "seguirá apostando por unha xestión e ordenación eficiente dos espazos naturais", polo que indicou que os parques naturais do Invernadeiro e da Serra da Enciña da Lastra contarán este ano cos seus plans reitores de uso e xestión (PRUX).

Tamén subliñou que o Goberno galego está a traballar nos PRUX dos restantes parques naturais e, de feito, "xa están moi avanzados o de Monte Aloia e o do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán", co obxectivo de que poidan ser aprobados este ano.

MARCO NORMATIVO

Así mesmo, Núñez Feijóo indicou o obxectivo de contar este mes cunha nova Lei de Patrimonio Natural, "que servirá para realizar unha protección total da riqueza natural". "E remitiremos ao Parlamento a nova Lei de Pesca Continental, unha normativa que recollerá aspectos importantes, como a promoción da pesca sen morte ou a pesca fluvial sustentable", engadiu.

Feijóo concluíu reivindicando que todas as novidades están dirixidas a garantir o máximo respecto polo medioambiente, "sen que isto sexa incompatible cunha explotación racional do mesmo". Desta maneira, subliñou que máis do 42% das persoas que visitaron Galicia o ano pasado fixérono pola natureza, a cultura e a paisaxe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 uu1

Concordo, prender lume é um atentado injustificável, ter uma política florestal que promove espécies forasteiras que servem de combustível também!