Os populares galegos piden que se prohiba a publicidade do xogo 'en liña' e presencial na TVG e na Radio Galega

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/07/2019 | Actualizada ás 13:22

Comparte esta noticia

O grupo parlamentario Popular rexistrou unha proposición non de lei a través da cal se insta á Xunta a prohibir "totalmente" a publicidade do xogo 'en liña' e presencial na radio e a televisión pública de Galicia, "independentemente do horario ou a concreta programación de que se trate".

A viceportavoz popular, Paula Prado, lembrou que o programa electoral co que o PPdeG se presentou ás eleccións autonómicas de 2016 "recollía o compromiso de elaborar unha nova Lei do xogo de Galicia", un compromiso que o Goberno galego "está a cumprir", xa que na actualidade "a lei vixente está en proceso de actualización e reforma" e xa está aprobada no Consello da Xunta un anteproxecto de lei reguladora dos xogos.

Neste sentido, Prado destacou que este novo texto legal "está a elaborarse con consenso, contactos e reunións cos distintos sectores afectados para coñecer as demandas e intereses". Ademais de abordar os novos formatos emerxentes no ámbito do xogo, a nova lei "permitirá regular a publicidade no ámbito competencial da Comunidade galega", coa intención de protexer aos menores e sensibilizar á mocidade, "eliminando calquera posibilidade de uso de técnicas de incitación ao xogo en relación cos sectores da poboación máis vulnerable"

Lotaría
Lotaría

PUBLICIDADE

"Máis en concreto, preténdese regular a publicidade establecendo restricións á súa recepción por parte dos menores, proporcionando unha adecuada percepción do xogo como actividade complexa e de risco potencial para os consumidores, prever a xeración de condutas de xogo irreflexivo ou compulsivo, e garantir que a información que se traslada é veraz e suficiente para formarse unha idea certa e non distorsionada do que implica o xogo", explicou Paula Prado.

Así mesmo, a viceportavoz popular demandou "unha atención preferente á publicidade sobre o xogo e as apostas en liña, xa que se fai en calquera canle e a calquera hora, especialmente antes, durante e despois dos eventos deportivos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta