Fernández Lores: "Non damos carnés de nacionalistas, pero o nacionalismo está no BNG"

Lores reivindica que o nacionalismo galego "está no BNG" e non en organizacións que "chegan a acordos con outras forzas a nivel estado". Con todo, di que está aberto a pactos con oturas formacións. Cre que Ence seguirá usando "todos os mecanismos" na súa man para que "o cancro" da pasteira non abandone a ría de Pontevedra. Tamén cre que a restrición ao tráfico en Madrid chegou "tarde" e ve un "erro" a súa supresión.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 14/07/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Cumpridas dúas décadas da súa chegada á Alcaldía de Pontevedra, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores (Vilalonga, 1954) está convencido de que "o mellor está por vir" para un modelo de cidade "recoñecido internacionalmente" no que brillan as medidas adoptadas contra o tráfico de vehículos no perímetro urbano para facer do centro da capital provincial "un espazo pensado para as persoas".

César Mosquera, Carmela Silva, Miguel Anxo Fernández Lores e Carlos Font na firma dun convenio
César Mosquera, Carmela Silva, Miguel Anxo Fernández Lores e Carlos Font na firma dun convenio | Fonte: Deputación de Pontevedra

A falta dun ano para a cita coas urnas, ve á súa formación, o BNG, "moito mellor" que hai anos. "Hai un novo pulso, novos dirixentes. A portavoz nacional (Ana Pontón) é unha persoa con iniciativa, con capacidade política. A min persoalmente represéntame. E represéntame ben", sentenza.

Superados os peores días dunha formación que tocou fondo fai catro anos, o gran alcalde do que denominan o 'modelo BNG', reivindica que o nacionalismo galego ten no Bloque a súa expresión política. "Non damos carnés de nacionalistas. Pero eu entendo que o nacionalismo está no BNG. A título colectivo, o nacionalismo está no BNG. Porque organizacións que chegan a acordos con outras forzas a nivel de Estado, pois, deus perdóeme, pero para min non o son (nacionalistas)", di Lores nunha mensaxe velada a Anova, partido xurdido da ruptura do Bloque baixo o impulso de Xosé Manuel Beiras.

Por tanto, non ve no horizonte unha hipotética reunificación do nacionalismo que non pase porque "persoas a título individual" ou "colectivo" se queiran sumar ao proxecto do BNG. "Somos nacionalistas porque somos do país. E podemos chegar a acordos (con outras forzas) pero non mesturados nin revoltos".

"As persoas que cren que vai vir de fóra remedio e esperanza, esa persoa é nacionalista daquela maneira. [...] Se entendemos que non, que son máis importantes uns señores doutro sitio porque son moi guais, pois me parece moi ben, pero non é nacionalismo", chancea Lores.

VE A "PORTA ABERTA" Á SAÍDA DE ENCE

Nunha entrevista en Europa Press, Miguel Anxo Fernández Lores ve unha "porta aberta" para a saída da planta de Ence da Ría de Pontevedra, un dos seus 'cabalos de batalla' nas dúas décadas que leva á fronte do consistorio pontevedrés.

Así, considera que a postura adoptada pola Avogacía do Estado tras a chegada do PSOE á Moncloa supón "un cambio substancial" que apoia o recurso presentado polo goberno municipal, a APDR e Greenpeace contra a ampliación da concesión para que a pasteira continúe outros 60 anos en Lourizán, outorgada polo goberno en funcións do pontevedrés Mariano Rajoy (PP) en 2016.

Pero, a pesar de que valora o paso dado polo Executivo porque "abre unha porta" que "ata agora non había", reclama ao Partido Socialista que vaia máis aló. "A prórroga que se concedeu era legal? Non, pois que se suspenda administrativamente e acabouse. Iso é o que non se está facendo", apunta o alcalde, que avanza que o seu goberno seguirá usando "todos os mecanismos" na súa man para que "o cancro" da pasteira abandone a ría de Pontevedra.

"Non sabemos cal é o dereito de pernada de Ence, por que temos que regalar os terreos e auga de todos os pontevedreses e aínda por encima estéannos contaminando; ademais do impacto ambiental e estético", incide Fernández Lores, que revalidou o seu goberno por quinta vez nunha campaña na que cobrou protagonismo a mobilización dos traballadores da pasteira despois da decisión da Avogacía do Estado.

As enquisas previas á cita coas urnas do pasado 26 de maio apuntaban a posibilidade de que o BNG obtivese a primeira maioría absoluta da súa historia nas cidades galegas. Con todo, os nacionalistas non só non alcanzaron o limiar de 13 edís que fixa a maioría absoluta na corporación pontevedresa senón que perderon un concelleiro respecto de 2015, pasando de doce a once.

Finalmente, Lores retivo o bastón de mando ao alcanzar un pacto de goberno de coalición co PSOE. Unhas negociacións que o nacionalista desliga da formación de goberno na Deputación de Pontevedra e encadra na "idea global en toda Galicia" de propiciar que existan "gobernos alternativos" ao PP.

Cuestionado sobre se cre que a situación de Ence prexudicou á formación frontista na cita electoral, Fernández Lores evita entrar ao debate e limítase a comentar que "sempre é o mesmo" no conflito coa pasteira. "En entrevistas privadas (con Ence) trasladáronnos o seguinte: preferimos investir en cambiar a opinión pública, léase, comprar vontades, que en trasladar a fábrica porque está moi ben aí".

VE POSIBILIDADES DE QUE O PP PERDA A XUNTA

Ence, recoñece Lores, non será un dos temas a tratar na reunión que terá o vindeiro mércores 17 de xullo co presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, con quen as relacións "xa foron moito peores" do que son na actualidade. Afea ao mandatario autonómico a "falta de impulso" na acción dun goberno "esgotado" que está á fronte de "un país con tremendas posibilidades" como é Galicia e no que, a pesar diso, "a xente segue tendo que emigrar".

Para o rexedor nacionalista, segundo apunta nunha entrevista Europa Press, existe a posibilidade de que o PP de Núñez Feijóo perda a Xunta nas eleccións autonómicas previstas para dentro dun ano porque aprecia que os populares "están á baixa" como demostra, ao seu xuízo, os resultados das eleccións municipais nas que non lograron alcaldías nas cidades e "perderon unha importante porcentaxe de voto".

MADRID CENTRAL

No medio do debate sobre o papel dos coches nas cidades aberto a nivel estatal coa intención do alcalde madrileño, José Luís Martínez-Almeida, de suprimir 'Madrid Central', o rexedor pontevedrés sinala nunha entrevista con Europa Press que acabar coa restrición ao tráfico rodado no centro da capital española "é un erro" posto que é "inevitable" que as urbes, especialmente as máis grandes, avancen nesa dirección.

Fernández Lores pensa que a medida do goberno de Manuela Carmena chegou "tarde", o que, ao seu xuízo, impediu que os efectos positivos fosen percibidos polos veciños. "Os cidadáns necesitan gozar das melloras, cando non dá tempo a gozalas pode haber unha volta atrás", sentenza.

Lembra que as "medidas máis importantes" do seu goberno, entre elas a peonalización do centro histórico, tomáronse "no primeiro mes" tras asumir o bastón de mando --no ano 1999-- e que, a pesar da oposición inicial, hoxe en día a restrición ao tráfico é "moi ben percibida" pola cidadanía porque redunda "en beneficio do interese xeral".

Por iso, e a pesar de que considera 'Madrid Central' como un modelo "tímido", ve un erro a súa eliminación porque "é inevitable" que as grandes urbes reduzan o tráfico e adopten medidas "para reducir a contaminación". "Son cidades inhabitables, expulsan aos cidadáns", subliña o rexedor, para quen o tráfico urbano "debe ser o básico e imprescindible para que a cidade funcione".

Segundo o único alcalde do BNG na Galicia urbana, os coches "necesarios" para unha cidade son "moitos menos dos que se pensa" porque as rúas "non son estradas" e deben estar pensadas "para as persoas" e os desprazamentos a pé. "A min gústame conducir. É un utensilio necesario, imprescindible. Pero son para as estradas", remarca.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha entrevista en Europa Press
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha entrevista en Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Casaldorado

Este o que ten é o carné caducado de tantos anos que leva no poder. Da mesma caste que Francisco Vázquez e Abel Caballero

1 Xoaninha

Coñezo xente do PP máis galeguista que xente do PSOE. E xente de Podemos máis españolista que xente de VOX. E xente do BNG que lles fala ós fillos en español. É certo que o BNG é o único ñartido nacionalista galego pero coidado con quen se pacta ou a quen se lle abre a porta...