The Huffington Post: xornalismo líquido para a sociedade neoliberal

PRISA lanzará en xuño a versión española de The Huffington Post, o popular sitio web estadounidense creado en 2005 pola nova gurú das empresas informativas: Arianna Huffington. A xornalista da SER Montserrat Domínguez será quen dirixa a edición española do agregador de blogs e opinións.

Por Alberto Quian | Madrid | 18/03/2012 | Actualizada ás 11:39

Comparte esta noticia

El País en España, Le Monde en Francia e o grupo italiano L'Espresso –editor do diario La Repubblica e a revista L’Espresso– chegaron nos últimos meses a acordos de colaboración con Arianna Huffington para lanzar cadansúas versións rexionais do agregador norteamericano. The Huffington Post vai consolidando así a súa estratexia de botar as súas gadoupas aos grandes grupos mediáticos europeos para dominar o mercado da información en Occidente. Un modelo moi discutíbel que vou explicar a continuación para ver en mans de quen están deixando os diarios europeos o seu destino.

None

grafica GC

The Huffington Post é un produto da confrontación entre os chamados medios tradicionais de masas e os denominados novos medios sociais, e da tensión entre o vello modelo xornalístico e o novo modelo de produción, distribución e agregación de información. The Huffington Post é o paradigma de modelo de negocio de éxito no novo ecosistema mediático e a realidade líquida que adiantou Ziygmunt Bauman. A súa estratexia sostense en tres puntos clave:

  • Crear unha estrutura empresarial flexible e líquida, de costos reducidos e integrada nun conglomerado mediático transnacional: AOL.
  • Integrar na estrutura xornalística un repositorio global de blogs, cuxos autores reciben como remuneración visibilidade e atención.
  • Desenvolver unha estratexia SEO que supedita os contidos aos algoritmos de Google e demais buscadores para estar no máis alto do ranking de visibilidade.

É así como se produce o que considero o paradoxo da longa cola nunha nova lóxica económica: o medio na cabeza do mercado é nutrido pola longa cola de blogs; ou dito doutra maneira: a longa cola de nichos especializados mantén o vello modelo de masas na cima da curva da demanda. Nesta nova lóxica, o dador espera a cambio unha gratificación en forma de estímulo, o dunha droga aínda máis dura que o diñeiro na era das masas creadoras e da saturación informativa: a visibilidade e a atención a través da súa exposición nun medio global. Un modelo de baixos custos e altos rendementos económicos para o editor que se sustenta na economía da atención, a longa cola e o paradoxo do control en internet. Vexamos como funciona este modelo.

Na nosa sociedade dun novo benestar (simbólico) estase facendo popular clasificar os ingresos da atención por enriba dos ingresos de diñeiro. Como xa sinalou Georg Franck en 1999, a atención dos outros é a máis irresitíbel das drogas. "Por iso a gloria excede ao poder e por iso a riqueza é ensombrecida pola preeminencia. O indiscutíbel común denominador das elites é a preeminencia, que non é senón o estado de lograr a maior atención. Por iso chegar a ser popular e atraer a atención é máis importante que a riqueza económica” (Franck, 1999). Así é como se favorece un modelo de baixo custo e alto rendemento económico para o medio global, baseado principalmente na dación de contidos dos cidadáns a cambio de atención e na tiranía algorítmica de Google. 

No libro 'A estratexia de Sherezade' (2011), o francés Christian Salmon inicia o seu ensaio con esta sentenza: "A vida das sociedades neoliberais preséntase como unha inmensa acumulación de historias». The Huffington Post representa moi ben o modelo líquido da inmensa acumulación de relatos fugaces das sociedades neoliberais, nas que o acto de comunicar-informar converteuse en puro entretemento, ou pasatempo. A propia Arianna Huffington explicábao recentemente nunha entrevista en El País (as negriñas son miñas):

"Somos unha plataforma na que ofrecemos distribución a miles de persoas que superen un listón de calidade. Non lla deixamos a calquera. Pero se tes ese nivel, sexas ou non coñecido, podes estar na plataforma de The Huffington Post. Así podes chegar a unha gran audiencia, no noso caso enorme grazas á unión con AOL. Os comentarios son moderados previamente, co que entras nunha conversación de calidade. Se queren ou non bloguear é a súa opción. Ninguén vai chamarlles para dicirlles que blogueen, non se crean expectativas, non hai prazos. Hai moita xente que non o entende porque é un novo modelo, non comprenden por que hai persoas que bloguean gratis, ou por que actualizan a Wikipedia sen cobrar, ou o seu muro de Facebook. Comunicar é o novo entretemento da xente. É unha nova fonte de autorrealización. Ninguén se pregunta por que hai xente que se pasa horas vendo mala televisión gratis. Aínda non nos axustamos á nova realidade de como a xente quere vivir as súas vidas. En canto á agregación, aínda que tivese un orzamento ilimitado seguiría facéndoo. É un servizo aos meus lectores. Se o meu compromiso é mostrar o mellor, algunhas historias producirémolas nós e outras as escolleremos, filtrarémolas doutros sitios”.

Un modelo que se viraliza e infecta xa a Le Monde en Francia, a El País en España e ao grupo L’Espresso en Italia, que clonarán o exitoso modelo de negocio de Arianna Huffington. Éxito que exclúe as variables cualitativas e que se mide exclusivamente en cantidades. É o triunfo do modelo informativo neoliberal, “baseado na abundancia de contido de baixo custo, coa opinión, a suma de contido alleo e a optimización en buscadores (SEO) para conseguir o máximo de tráfico” (Varela, 2011).

É, en definitiva, o modelo de pasatempo informativo, da banalización do xornalismo, a expansión de áreas de novas brandas, a produción de información como hobby, o seu consumo como entretemento, a anécdota sobrevalorada e o clímax da superioridade do opinionsharing sobre o newsharing (a opinión prima, tanto, que semella o único motor que sostén internet; velaí a clave: todos queren opinar, todos queren influír, todos queren gobernar). E o banal narcotiza. Paul Lazarsfeld e Robert Merton introducíronnos a mediados do século pasado nas consecuencias que producen os medios cando saturan ás audiencias con contidos intrascendentes, afastándoas das problemáticas sociais de importancia e converténdoas en meros espectadores dun mundo ocioso, superficial e trivial. Agora prodúcese un aggiornamento da disfunción narcotizante cara á que nos empurra a inmensa acumulación de relatos e o novo modelo de sobreabundancia de intereses persoais agregados en espazos de acceso masivo na rede.

Se o modelo The Huffington Post é o paradigma, parece, pois, que os medios de información de masas deixarán progresivamente de ser produtores de información e tenderán a converterse en agregadores de contidos de medios persoais especializados, con novas temáticas e novas formas de pensar, producir, distribuír e filtrar a información. É, polo menos ata agora, o modelo de éxito en internet, onde ningunha das grandes corporacións que dominan o ciberespazo é creadora de contidos, senón que se nutren e mantéñense na cima da curva de demanda masiva grazas á longa cola: "Unha característica económica fundamental da Web 2.0 é a distribución da produción en mans de moitos e a concentración dos beneficios económicos en mans duns poucos” (Carr, 2006). É dicir, o proceso de democratización na produción e distribución de contidos está intervido polo paradoxo do control en internet: a liberdade de expresión e creación dixital grazas ás novas ferramentas tecnolóxicas aumenta os creadores e as obras, pero o control da comercialización e o rendemento económico concéntrase cada vez máis en menos mans a través dunha recentralización.

Así, mentres na longa cola centos de millóns de usuarios nutren a rede con contidos a cambio das ferramentas para producilos e distribuílos, e son gratificados pola visibilidade e atención que reciben, a cabeza da rede acapara os recursos e beneficios económicos e se fortalece, de maneira que os resortes de internet van sendo concentrados polo oligopolio de Google, Facebook, Amazon, Apple, Microsoft, etc. Unha estratexia que está a ser adaptada no sector xornalístico, que parece apostar polo novo modelo de negocio da agregación a gran escala –nunha escala web– e a baixo custo de contribucións xeradas polos prosumidores, como única vía para converter en lucrativo o negocio. The Huffington Post é, no sector xornalístico, o máximo expoñente deste modelo no que os novos autores contribúen con novos relatos e versións a estirar unha longa cola que, paradoxalmente, nutre á cabeza do mercado e contribúe a manter estruturas de dominio e poder.

The Huffington Post é a mensaxe (ou a masaxe) en sentido mcluhiano. Non importan tanto os contidos, como a súa suma e xerarquización; non importa tanto a relevancia e envergadura das palabras e imaxes xornalísticas como a acumulación continua de múltiples relatos, o seu consumo masivo, desenfreado e incesante, e os efectos que a nova estrutura de produción, distribución e consumo causa nos usuarios; non importa tanto a transcendencia dos relatos, que se suceden a un ritmo endiañado, como o medio que os vehicula e o uso que os cidadáns fan das ferramentas que lles ofrecen.

Mais a pesar das cantidades que a priori avalan o modelo HuffPost (37 millóns de usuarios únicos ao mes), un estudo recente do Pew Research Center de Estados Unidos sobre a campaña política de cara ás eleccións presidenciais do próximo mes de novembro, demostra que o impacto real do proxecto de Arianna Huffington é moito menor do que insinúan as cifras. Sitios populares de orientación política como o Huffington Post e Drudge Report apenas son consultados polo 2% das persoas que buscan en internet novas da campaña política. Estes datos cuestionan o modelo Huffington, baseado na cantidade e non tanto na calidade e o rigor xornalístico, a través da estratexia de engadir masivamente contidos, fundamentalmente de blogs e opinións.

En Europa, El País, Le Monde e o grupo italiano L’Espresso deberán tomar boa nota destes datos logo de ser seducidos por Arianna Huffington e asinar acordos de colaboración co xornal de AOL. Os resultados da enquisa realizada polo Pew Research Center demostran que o modelo de medio de información que representa o Huffington Post non conta coa confianza dos cidadáns que buscan na rede información política que lles aporte algo substancioso.

A aposta pola cantidade, o baixo custo e a información como espectáculo fugaz, en detrimento da calidade e a profundidade, pon en serio perigo a existencia do xornalismo, cando menos na súa idea romántica, e cuestiona a importancia que teñen para calquera sociedade os feitos e datos noticiosos e verificados, a información relevante, consistente e de interese xeral, que nada ten que ver co modelo de proliferación do anecdótico, o curioso, o suxestivo, o opinativo, e da realidade líquida, mutable, voluble, transitoria, fugaz.

Alberto Quian

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 7 comentarios

6 Abraxas

Cito: "o modelo de proliferación do anecdótico, o curioso, o suxestivo, o opinativo, e da realidade líquida, mutable, voluble, transitoria, fugaz" crea unha incerteza continua que tende a atraer ao público cara estes novísimos vendedores de fume cuspidiños aos dos anos 20.

5 Abraxas

Dos mellores artigos que teño lido no GC, moi ao pesar das noxentas babas que algún liberado do PP cuspe, e que demostra a melloría que está a ter este medio escrito en galego. O xornalismo está na maior crise da súa historia por que dous fenómenos contrapostos reprodúcense ata a extenuación: 1) comunicar é unha mostra máis de onanismo, dun onanimismo que as elites promocionan e seleccionan. Calquera persoa sen ningún vencello laboral coa empresa pode converterse nun profesional da comunicación. 2) Ao mesmo tempo, existe unha hipermercantilización das relacións interpersoais por que agora para calquera nimiedade é preciso contar cun experto que, por suposto, é seleccionado por unha corporación privada e non como anteriormente por organismos públicos.

4 Paco Gallego

Moi interesante este artigo. Sabía desta señora, posta como modelo de medio fóra do sistema de medios tradicionais. Isto pode ser algo semellante ao fenómeno da prensa gratuíta ao que se apuntaron alguns. Ao final...quebra!!!!!

3 eeg

En resumen: el unico blog/web/periódico/relato que deberia permtirse existir y publicar es Galicia Confidencial. todo lo demas es banalidaz neoliveral. Rañade, rañade, se tanto vos proe, LOL

1 gdssegg

Eres tontol'haba, neno, non me estranaría que foses un alto cargo da Xunta.

2 gdssg

Seguro que los fachogalegueiros que publicais esta mierda de panfleto de internet al servicio del target fachogalegueiro podreis convencer a las masas trabajadoras que GaliciaConfidencial es la BERDAZ y todos DEBEN comprarlo o subvencionarlo. Adelante, hasta la extinción, antineoliberales! juasjuasjuas