O Mosteiro de San Martiño Pinario recibe 625.000 euros para a súa conservación e promoción no Ano Santo

O investimento destinarase a obras de rehabilitación das instalacións, aumento da oferta cultural e a mellora das visitas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/07/2019 | Actualizada ás 13:17

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia e o Mosteiro de San Martiño Pinario asinaron un convenio de colaboración cun orzamento de 625.000 euros para a conservación, posta en valor e a promoción do inmoble no Ano Santo 2021.

O pacto foi ratificado este mércores entre o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o reitor do Seminario Maior do mosteiro, Carlos Álvarez, na sancristía da igrexa de San Martiño Pinario.

Tras a subscripción do acordo, Román Rodríguez destacou as accións principais que levarán a cabo con este investimento --que se enmarca dentro do Plan Estratéxico do Xacobeo 2021--, entre as que se atopan "obras de rehabilitación das instalacións", a creación dun programa de "actividades musicais e culturais" e a "mellora da atención dos visitantes".

Neste sentido, a Xunta ten o "dobre obxectivo" de "pór en valor un espazo tan emblemático" como é o mosteiro e "reducir a presión turística" que poida darse na catedral en momentos determinados, segundo explicou o conselleiro.

Desta maneira, Rodríguez sinalou que este proxecto exalta o "patrimonio monumental" santiagués e destaca ao "gran descoñecido" da cidade, xa que San Martiño Pinario é "o segundo edificio relixioso máis grande de España", despois do Escorial, e conta cunha "gran riqueza artística e histórica".

OPORTUNIDADES E COMPETENCIAS CULTURAIS

Por outra banda, o reitor do Seminario Maior do mosteiro engadiu que traballar na conservación do monumento constitúe unha "oportunidade" para "diversificar a oferta cultural e de lecer da cidade".

Así mesmo, Carlos Álvarez tamén lembrou que a función principal de San Martiño Pinario é a de centro de formación eclesiástico, pero tamén aposta por outorgarlle competencias culturais como lugar de celebración de "exposicións e concertos". Este labor xa o desempeña desde 2017 e prevé seguir facéndoo a través deste plan encarado ao Ano Santo.

Por tanto, o presente convenio colocará o Mosteiro de San Martiño Pinario como unha "peza fundamental" do Xacobeo 2021 e destacará a súa "singularidade, importancia e transcendencia" a través duns fondos que se traspasarán de forma paulatina, segundo manifestou Rodríguez.

MISA DO 25 DE XULLO

Igualmente, o conselleiro lembrou que será na igrexa do mosteiro onde se celebrará a misa do Día do Apóstolo, debido ás obras que se están acometendo na nave central da Catedral de Santiago.

Todo o acto foi clausurado pola actuación de ópera dos artistas do espectáculo 'Barbero de Sevilla', un concerto que se celebrará no mosteiro o 14 e 17 de agosto e que se encadra dentro do seu programa de actividades culturais.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o reitor do Seminario Maior de San Martín Pinario, Carlos Álvarez, asinan un convenio de colaboración para o Ano Santo
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o reitor do Seminario Maior de San Martín Pinario, Carlos Álvarez, asinan un convenio de colaboración para o Ano Santo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta