O alcalde de Santiago recibe ao actor Luís Zahera, pregoeiro do Apóstolo 2019

Bugallo critica ao goberno municipal anterior por "condicionar" a maior parte da programación das festas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/07/2019 | Actualizada ás 14:38

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, recibiu este venres no Concello ao pregoeiro das festas do Apóstolo 2019, o actor Luís Zahera, quen agradeceu ao rexedor compostelán "que se acorde del" para este labor, Convértese así na primeira persoa que repetirá como pregoeiro destas festas.

"É unha honra que o alcalde se acorde de min. Estou moi agradecido e moi ilusionado", indicou Zahera. Neste sentido, o compostelán galardoado cun Goya chanceou co feito de subirse ao balcón do Pazo de Raxoi e sinalou que lle "impresiona" estar aí pero que "lle vai ben neles". "Vou de balcón en balcón", ironizou.

Pola súa banda, o alcalde de Santiago destacou que se trata do único caso no que se repite o pregoeiro. Así mesmo, tamén sinalou a "situación de excepción" que se viviu este ano con respecto á celebración das festas.

Conforme a isto, Bugallo criticou a xestión do anterior alcalde, Martiño Noriega, acusándoo de "condicionar" esta festividade. "Había bastantes contratos que xa estaban asinados previamente, como é o caso do grupo La M.O.D.A. No entanto, este non contaba con ningún soporte orzamentario polo que eu mesmo tiven que asinar o levantamento do reparo suspensivo da intervención --suspensión da tramitación do expediente por falta de crédito--", lamentou.

Así, o socialista asegurou que "non existía nin dotación nin previsión orzamentaria para todo o relativo á produción e promoción dunha chea de actividades". Por iso, o goberno local afirmou que "ao final se conseguiron 340.000 euros suplementarios para as festas, un 50% dos orzamentos totais".

ORZAMENTOS

Ante a acusación de Compostela Aberta de que os orzamentos anunciados o pasado 18 de xullo chegaron ao resto de grupos "demasiado tarde", Bugallo afirmou que estes se anuncian e se presentan con tempo "dabondo". "Non había ningunha obrigación de polos a disposición dos grupos ata que non se presentase a convocatoria da Comisión Informativa de Facenda, que está prevista para o próximo 30 de xullo", aseverou.

Así mesmo, o Alcalde de Santiago asegura que se están cumprindo "todos os prazos legais" e critica ao goberno de Martiño Noriega de non facilitar a aprobación dos orzamentos na última reunión de portavoces do pasado xoves 18.

Por mor disto, o socialista indicou que se "podería esperar un pouco máis de xenerosidade pero non a houbo", en relación á xestión do anterior grupo político ao mando da capital galega. "Independentemente dos 8,6 millóns de euros de cuestións novas que deben de ser programadas nos orzamentos, 8,2 millóns de euros son herdanza directa de Compostela Aberta" indicou Bugallo.

Mentres tanto, o Concello aseverou que manterá as datas previstas na axenda. Deste xeito, o día 30 de xullo reunirase a Comisión de Facenda para ditaminar os orzamentos e o pleno celebrarase "previsiblemente" o 9 de agosto.

O actor Luís Zahera xunto ao alcalde de Santiago.
O actor Luís Zahera xunto ao alcalde de Santiago. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta