"Desequilibrio", novo e intenso videoclip de Baldosa Amarilla

Realizado por Tomás Martínez, este excelente traballo, que leva mil visitas nos últimos tres días, recolle as esencias da nenez que habita en tod@s e cada un/unha de nós.

Por Paco Gallego | O Porriño (Pontevedra) | 29/03/2012

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

Baldosa Amarilla é unha banda de pop-rock alternativo que nace no Porriño (Pontevedra) tras subirse por vez primeira a un escenario en 2006, durante o festival universitario Leonardo DaVinci. A facilidade coa que comezan a ir compoñendo magníficos temas propios, de letras profundamente sinxelas e absolutamente descorazonadoras, anímaos a preparar, sen produción algunha, a súa primeira maqueta: "Palabra Exacta". É O Porriño lugar de boa música e boas bandas, como os xa veteranos e insuficientemente admirados El Cubo. Prometemos achegarnos a eles pronto. 

Baldosa Amarilla -en referencia ao camiño que conduce á Cidade Esmeralda, máis aló do arco da vella da enigmática obra "O mago de Oz"- está constituída por Frus (Voz), Jose Núñez (Guitarra), Iago Bastos (Guitarra), Gatsby (Guitarra e Coros), Alex Crende (Baixo e Coros) e Moses (Batería), que percorren ese camiño de volta a casa, de procura da realidade, por moi hostil que esta se nos apareza. 

Comezan 2008 gravando o seu primeiro videoclip "Laberinto", producido por Cucoclock Creaciones, que foi presentado en numerosos festivais tales como o Festival de Cans ou o Brincadeira 08. Este ano culmina cunha nominación a "Mellor maqueta" de 2008 nos premios Maketón Estrella Galicia, recibindo moi boas criticas polos medios e emisoras locais, e coa que alcanzan a final do concurso 100 Pippers Music. O camiño percórrese longo, suave e tranquilo, como un río inzado de seixos de cores que imos pisando con certo temor infantil.

En 2009 presentaron a súa segunda maqueta, "Alquimia", autoproducida e gravada en Océano Estudos por Javier Abreu, produtor de Los Piratas, Boikot, Sinistro Total e Sugarless. O grupo consegue importantes premios con el, como o de mellor banda da Universidade de Vigo na categoría pop-rock. É este un traballo de transición desde os primeiros compases ata a madurez electrónica e amargamente pop do seu último e espectacular traballo, o que con toda seguridade provocará o alargamento do camiño e o achegamento aos lugares do teu/meu cerebro que adoitamos confundir, tan doadamente, co motor cardiovascular que procuraba aquel pobre home de folla de lata do conto de Oz.

Unha imaxe de Baldosa Amarilla no Pau Gatos de Melide o pasado decembro. Foto Axitpop

Auto-editado en outubro de 2011 e titulado "La colisión invisible y otras historias del paseo por el interior de uno mismo", este seu último traballo ten a peculiaridade de estar feito exclusivamente con amigos. A Colisión Invisible levounos a unha segunda nominación a mellor maqueta nos premios MKEG dos 40 Principales en Decembro de 2011, asinar con Un Buen Día Produciones en Febreiro de 2012, teloneando á banda de Aranda de Duero (Burgos) Yani Como, e mentres tanto xirar polas capitais galegas e traballar neste videoclip fantástico que hoxe vos presentamos, "Desequilibrio", dirixido por Tomás Martínez, o cal, como o resto do seu traballo, volveron realizar exclusivamente coa colaboración dos seus amigos. Pequenos e pícaros amigos.

Ollo ao papel dos nenos. Que levante a man quen non se sinta identificado con algún deles, quen non teña xogado cos amigos, que non teña caído, provocado feridas e, unha vez sufrido, erguer a cabeza con calma e armados dun sorriso. A cercanía, sinxeleza e a emocionada caricia sonora que caracteriza a esta banda de Porriño quedan absolutamente retratadas nas imaxes deste traballo. 

 Estes son algúns dos seus próximos concertos. Aproveitade a oportunidade e achegádevos:

12 de Abril 2012 La Casa de Arriba (Vigo)

11 de Maio 2012 Sala Baranda (O Barco de Valdeorras)

08 de xuño 2012 La Iguana (Vigo)

15 de xuño 2012 Pub Gatos (Melide)

Podedes escoitar e mesmo descargar o seu EP, con algunha sorpresa máis como a marabillosa "Entre las ramas de la imaginación", que nos sobrecolleu desde o instante en que a escoitamos executar nun dos seus directos. Só o seu comezo golpeounos de tal forma na boca do estómago que nos fixo caer de xeonllos, rendidos: "Preguntan que si soy feliz, si escribo para acercarme a ti...". Maldita maldita realidade.

Myspace Baldosa Amarilla

Facebook Baldosa Amarilla

@Baldosa Amarilla

En canto a nós, contactade (ou non) en tendencias@galiciaconfidencial.com ou seguídenos en @GcTendencias...ata o infinito centesimal e máis aló...moito moito máis aló. Sen volver a vista atrás.

A TÚA ACHEGA FAI QUE GC POIDA PUBLICAR NOVAS COMA ESTA. SÓ DEPENDEMOS DE TI.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe


Comentarios

1 comentario
1

O Porriño

Fermoso video e interesante grupo. O Porriño sempre deu bos músicos.


multiple image
 
quen somos button
introgcplus button