200 anos da Pepa

Hai moitas e variadas razóns polas que a Constitución de 1812 é merecedora da homenaxe da que foi obxecto recentemente, coincidindo co bicentenario da súa proclama.

Por X.M. Barreiro | Lugo | 27/03/2012

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

Que fora a nosa primeira Carta Magna é unha delas, aínda que este fito, importante de seu, vese reforzada polo súa influencia. Ó fin, converteuse en referente das constitucións europeas posteriores e sobre todo das dos países americanos, inmersos daquela nun incipiente proceso de independencia.

Foi unha das máis liberais do seu tempo e estableceu unha nova orde política que implicaba unha clara ruptura co antigo réxime e o absolutismo: instaurou a soberanía popular, a monarquía constitucional, a separación de poderes…, mesmo modificou a organización territorial, alzando as provincias á categoría de entidade administrativa.

Recoñecía tamén principios fundamentais. Xa garantía dereitos individuais, incuestionables hoxe, como a liberdade de prensa, imprenta e expresión, a inviolabilidade do domicilio, a liberdade individual, a igualdade de todos os cidadáns ante a lei…

Certo é que presentaba algunha carencia (correxida en constitucións posteriores) como non recoñecerlle ningún dereito, nin sequera o de cidadanía, ás mulleres.

Non son menos importantes para contextualizar a súa relevancia as circunstancias adversas nas que a Pepa foi aprobada. Crise económica en Europa, España inmersa na Guerra da Independencia e a cidade de Cádiz sitiada… e, pese a todos os pesares, a coraxe dos redactores, a súa disposición a acadar o consenso, de establecer certo equilibrio, fixo posible o nacemento da nosa primeira Carta Magna, de efímera e intermitente vixencia si, pero punto de partida incuestionable para as redaccións posteriores.

Homenaxear á Constitución de 1812 é agasallar a nosa historia, á visión precursora da que fixeron gala os nosos primeiros deputados. De cando en vez non é malo voltar a vista atrás e empregar este exemplo como modelo que nos guíe no exercicio da acción política.

X.M. Barreiro



Xosé Manuel Barreiro

Foi conselleiro de Medio Ambiente e vicepresidente da Xunta de Galicia no último goberno de Manuel Fraga. Actualmente é o presidente do PP de Lugo e membro da dirección do PPdeG. O seu blog blog