Galicia necesita un Novo Proxecto Común

Nos últimos 20 anos cambiou de forma significativa o xeito no que a xente entende a actividade política e a forma en que perciben a acción institucional desenvolvida polas organizacións tradicionais.

Por Óscar Lomba | Vigo | 12/04/2012

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

Marta Harnecker, no seu libro “A esquerda no limiar do século XXI. Facendo posible o imposible”, identifica os dous principais elementos que dificultan unha redefinición alternativa da esquerda. Por unha banda, a tendencia a adoptar unha práctica política moi pouco diferenciada da que despregan os partidos tradicionais (afastamento da sociedade civil, pouca transparencia e escasa participación, numerosos casos de corrupción...), o que ademais se produce nun contexto de crecente escepticismo social en relación coa política e os políticos. Pola outra, un progresivo baleirado de contido do discurso da esquerda e unha descarada usurpación pola dereita de parte da linguaxe e os termos da esquerda, o que ademais de producir confusión social incrementa a impresión de que todos son o mesmo. Crise orgánica, para rematar, porque se bota en falta unha organización e un funcionamento acordes coa realidade social e cultural existentes.

 
Un feito chave, pois, para potenciar un novo proxecto común é transmitir unha mensaxe vinculada a unha práctica política diferenciada. A recuperación da confianza só será posible mudando o concepto social tradicional do “político/a”, que debe ser visto como un cidadán máis, non como unha persoa privilexiada.
 
Penso que o movemento indignado, supuxo un elemento aglutinador desas ideas alternativas que, ao mesmo tempo que concentrou e visualizou as críticas sociais nesa dirección, posibilitou tamén unha vía de achegamento ou de superación da situación ao reivindicar a actuación política desde un punto de vista distinto.
 
Estou convencido de que a esquerda está pasando por unha grave crise teórica e programática e iso porque as organizacións tradicionais foron incapaces de dotarse dun pensamento propio e dunha estratexia específica de loita polo socialismo, axustada á realidade histórico-social concreta de cada territorio e ámbito cultural e xeográfico. Ademais, na actualidade a esquerda galega (e europea) revelou ter importantes eivas e dificultades para definir unha proposta coherente e alternativa, unha política de alianzas capaz de tomar nota e dar resposta axeitada aos novos retos emanados do actual contesto de crise sistémica.
 
A esquerda galega carece dunha liña de actuación coherente e vinculada aos movementos de masas. É imprescindible que o novo proxecto común teña como obxectivo prioritario a vertebración da maioría social galega e iso só pode alcanzarse inserindo o novo espazo político no armazón asociativo cidadán (mobilización, participación e articulación social).
 
Calquera proxecto político ten, cando menos, cinco compoñentes esenciais, sen os cales é moi difícil lograr, ademais da hexemonía, a capacidade de ter apoio social.
 
1. Unha dimensión ideolóxica, que é o que achega ao proxecto os seus obxectivos morais, éticos, os seus obxectivos valorativos, a súa filosofía e o seu sentido máis humano e, ao tempo, intanxible.
 
2. Un programa. É o que achega o obxectivo ou obxectivos políticos do proxecto, é dicir, aqueles elementos máis concretos e vinculados ao lugar e as persoas que son obxecto e suxeito do proxecto.
 
3. Unha base social. Un proxecto político é algo que corresponde a unha pretensión democrática, e, xa que logo, requirirá unha serie de persoas, grupos, segmentos ou clases, cuxas perspectiva de vida e intereses poidan ser unidos detrás duns obxectivos políticos e morais.
 
4. Os instrumentos para a acción política directa. Estes son, basicamente, os partidos políticos e o Estado. Os partidos políticos son os órganos que trasladan as necesidades sociais a decisións políticas ou a formulacións programáticas para a acción, para o cambio. Pero os partidos teñen que actuar, en última instancia, coas institucións democráticas, os poderes públicos elixidos democraticamente, elixidos polos cidadáns e lexitimados para impor, se é necesario, unha decisión. De todos os xeitos, sempre se deberá ter en conta a exploración de novos ámbitos de democracia directa.
 
5. Unha estratexia. A estratexia é aquilo que ordena a ideoloxía, o programa, a base social e os instrumentos políticos de acción nun tempo concreto, cuns determinados aliados e cunha idea da oportunidade e do momento para a consecución dunha hexemonía política.
 
Consecuentemente, un novo proxecto común debe perseguir:
 
1. Demandar unha renovación do proxecto de construción nacional galego e modernizar a dimensión político-ideolóxica para edificar as columnas sobre as que se cimentará a futura sociedade socialista. Eses alicerces deben ser un mecanismo lexítimo de poder do conxunto da sociedade e un parapeto fronte ao “discurso único” despregado por outros poderes, especialmente o económico-especulativo.
 
2. Transmitir un programa plural, aberto e asumible por amplos segmentos da sociedade civil galega. Ese programa debe vertebrar á maioría social de Galicia. O novo proxecto común debe ser radicalmente democrático, trasladando socialmente os mecanismos de decisión internos e apoiando medidas que incrementen o poder de decisión da sociedade.
 
3. Habémonos de dirixir á nosa base social. O novo proxecto común é unha esixencia actual e democrática, e, xa que logo, requirirá a configuración dun novo bloque histórico que pivotará sobre diversos segmentos e clases populares cuxa perspectiva vital e intereses converxan cara ao obxectivo da plena emancipación social e nacional de Galicia. Con todo o cambio de valores sociais debe apoiarse na libre participación, na autónoma toma de decisións e a inesgotable renovación dos modos de intervención social que se basearán no acompañamento soberano e non no trazado imperativo.
 
4. O novo artefacto organizativo xerado polo novo proxecto común será un instrumento deseñado para realizar operacións políticas incesantes e directas. Esta nova organización social actuará en todas as vertentes nas que poida inmiscirse e dotarase de todos os órganos que poidan: a) proxectar as necesidades sociais cara a ámbitos de decisión política ou b) xerar formulacións programáticas para a transformación e o cambio. Pero ese movemento non só debe actuar nas institucións democráticas. A acción política deberá desenvolverse desde os poderes públicos elixidos democraticamente, elixidos polos cidadáns e lexitimados polas urnas, pero tamén deberán articularse novos mecanismos de participación cidadá que poidan construír novos espazos de democracia directa.
 
O alicerce da actuación política terá que ser, pois, a preocupación polos verdadeiros problemas da xente. A futura organización ten que ser útil para a cidadanía e medir as consecuencias das súas decisións ou das posibles inhibicións políticas.
 
5. Finalmente, este novo proxecto común deberá apoiarse nunha estratexia que ordene o proxecto nacionalista, o programa unitario xurdido do novo espazo, a maioría social, e a nova organización que agrome da converxencia dos distintos grupos, confluíndo con todos aqueloutros aliados que nos apoien, circunstancialmente, coa idea da oportunidade e da conxuntura idónea para a consecución dunha hexemonía política que nos conduza, chegado o momento, á liberación nacional e social de Galicia.

Óscar Lomba




Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe


Comentarios

43 comentarios
  • Páxinas
  • 1
  • 2
  • 3
  • 4
  • 31

    XOCO

    Lomba, non aportas nada novo. Non sexa tan personalista e pensa no futuro de Galiza. O BNG é o único proxecto común.


    30

    Camaleón

    Este tipo é un socialdemócrata e vai de revolucionario...De coña! Busquei na rede e atopei isto: http://www.galiciahoxe.com/portada/...


    29

    criticón

    Creo que a clave está en analizar o porqué da defensa ambigua e viscosa que determinados “progres” e “galeguistas” fan desa ideoloxía segregada pola socialdemocracia e que actualmente impera na cuestión dereita/esquerda. O artigo está interesante e creo que establece tantas matizacións e precisións, que non cabe dúbida de que contribúe moi potentemente a avivar o debate sobre ese NPC. De todolos xeitos paréceme un pouco pretencioso.


    28

    Antía da Rinxela

    O concepto de esquerda política refírese a un segmento do espectro político que considera prioritario o progresismo e a consecución da igualdade social por medio dos dereitos colectivos (sociais) circunstancialmente denominados dereitos civís, fronte a intereses netamente individuais (privados) e a unha visión tradicional da sociedade, representados pola dereita política. En xeral, tende a defender unha sociedade aconfesional ou laica, progresista, igualitaria e intercultural. En función do equilibrio entre todos estes factores, a esquerda política divídese en multitude de ramas ideolóxicas. En Galicia e en Occidente e en particular naqueles países onde o sistema político pode considerarse unha democracia liberal, normalmente tanto a esquerda como a dereita son versións liberais e democráticas, na medida en que non propugnan sistema político alternativo ningún. Que procurará o novo proxecto común?. Unha socialdemocracia avanzada ou un experimento estraño?


    27

    DANTON

    MÁIS MODESTO, LOMBA ! A NPC ten que ir a tono cun Home Novo en cores pasteis con coñecementos avanzados de pilates. So deste xeito a NPC será uropea e alántica. Que a Marta esa non se leva nen nos picos dos paraugas.


    26

    Marcos Valcarcel

    Sonche sincero. Non lin todo o artigo. Cheguei á metade. Fun vendo os puntos por riba e vexo que te faltou o máis importante. O punto 1 sería o da fauna humana soberanista. Os nacionalistas do BNG escindíronse con non sei cantas sensibilidades diferentes que xa tinhan de velho pero agora vai resultar que son todos amigos e vanse xuntar de novo con outras correntes de amigos que son 4 gatos, pero, por exemplo, o ecogaleguismo mola mazo para presentarte como colectivo "guai".Iso sí, cadaquén co seu logotipo (xa que algúns estudiaron marketing). Así que estamos nas mesmas ou pior que antes das escisións. Os independentistas están en caminho de se converter de novo en forzas residuais. Coa FPG non é de extranhar xa que provenhen da posguerra. Pero cos demais é un trauma que só se pode explicar que non son xente madura. En resumo, que son uns berzas. Así que faltouche citar a fauna humana no teu artigo.


    25

    Tato

    O novo nacionalismo galego debería ser un movemento social, político e ideolóxico que se conformase desde posicións de identidade nacional aberta e plural e non enfrontada a ningún aparello de estado. Non debería ser propiamente un nacionalismo irredentista: a única reivindicación territorial identificada como “nacional” debería ser a de territorios coas areas galegas de Zamora, León e Asturias; o resto das reivindicacións territoriais deberíanse centrarse en identidades culturalistas lingüísticas e de amizade con outros pobos (como os portugueses) Tampouco conviría que o nacionalismo galego fose un nacionalismo centrípeto (que pretendese unificar comunidades de galegos sometidas a outras soberanías), pero si debería preocupar o nacemento de localismos periféricos coruñesistas ou viguistas que, desde os últimos anos, funcionaron como movementos localistas centrífugos (que pretenden a conformación de identidades de poder localista alternativas).


    24

    Roi

    Parvadas e "chorradas"...O artigo paréceme malísimo e pouco claro. Non se percibe a idea que pretende transmitir. Quizais nin sabe ben o que quere dicer. Eu o teño claro!. O unico proxecto común está no BNG.


    23

    Lois

    Dixéronme que o tal Lomba anda cuns do PSOE montando un novo partido: Unidade da Esquerda Galega. Ese NPC é unha suma de grupúsculos e lle chaman NOVO proxecto común...Sen comentarios...


    22

    Alberte da Frente

    Deixádevos de Proxectos Extraños (que de novos non teñen nada) e apoiade ao BNG, pois non hai mais nacionalismo que o que representa o BNG e a UPG.


  • Páxinas
  • 1
  • 2
  • 3
  • 4
  • Óscar Lomba

    Óscar Lomba Álvarez (Vigo 1966) Licenciado en Dereito-Económico pola Universidade de Vigo e Diplomado en Maxisterio pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi colaborador de Radio Piratona. Ex-vicepresidente da Cooperativa Árbore. Ten colaborado cos seguintes medios: Coiote, Diario 16 de Galicia, A Nosa Terra, A Peneira, Kalaikia, Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, A Trabe de Ouro, La Voz de Galicia, Atlántico Diario, El Foro Metropolitano, Pensamiento Crítico e Tribuna Socialista. Actualmente traballa como P.S.X. na Xerencia de Atención Primaria do SERGAS en Vigo. É asesor xurídico da Plataforma de Afectados pola Hipoteca – stop desafiuzamentos.