Vender Ceuta e Melilla

Ante a situación de crise, antes de desmantelar a sanidade ou a educación, tal vez conviría pensar en fórmulas máis imaxinativas

Por Horacio Vixande | Vigo | 27/04/2012

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

Resulta divertido repasar a prensa da dereita e comprobar o seu desconcerto pola situación económica de España. “Que queren os mercados?”, pregúntase ante o acoso á nosa débeda e ás bolsas españolas, dispostos a satisfacer todas as súas peticións como o fai Mariano Rajoy. Ata o momento, aceptou a degradar aos traballadores ata unha situación laboral case inédita desde a revolución industrial, como tamén comezou a desmantelar a sanidade e a educación en pos dunha redución do déficit imposible.

“Que máis queren?”, din atónitos os mentideiros da caverna, que pensaban que toda a culpa era de Zapatero. Acaso non o saben? Pois todos os demais si o sabemos. Os mercados apostaron pola bancarrota de España para tirar réditos da nosa caída nunha manobra especulativa máis na que o Goberno alemán fai de mestre de cerimonias. Ante este estado das cousas, non dubidamos que cando o Goberno descubra cales son os seus desexos, proceda a cumprilos de contado.

Mais en tanto Rajoy non tira da cadea e todos marchamos polo sumidoiro para abaixo, uns e outros achegan as súas ideas para tratar de manter a nave a flote. Eu non son menos e propoño venderlle Ceuta e Melilla aos marroquís.

O negocio non pode ser mellor: venderlle a alguén algo que xa é seu. Certo é que nós dicímoslles que Ceuta e Melilla son nosas desde moito antes de existir Marrocos como Estado. É o que pasa con case todos os países africanos, que naceron despois de que os europeos rematásemos a súa ocupación, mais é que os colonialistas somos así de cínicos.

En calquera caso, seguro que os marroquís aceptan. Se agora David Cameron ofrécelle a Rajoy a venda de Xibraltar, o presidente di que si e dálle todo o ouro do Banco de España, a pinacoteca do Museo do Prado, a Cristiano Ronaldo e o brazo incorrupto de Tareixa de Xesús.

Os marroquís, que son moito máis listos e sensatos que nós, seguro que non nos pagan tanto. Pero si Repsol pide a Arxentina 8.000 millóns por uns pozos de petróleo que xa son dos arxentinos, Marrocos seguro que solta moito máis, pois as dúas cidades están en superficie e non hai furar.

A operación hai que facela axiña. Antes de que os marroquís descubran que só podemos defender eses dous enclaves coloniais con ondas e paus e non temos moitas gañas de facelo. Temos que coller o cheque e, como diría Federico Trillo, ao amencer e con vento de poñente, arriar a bandeira e proceder a unha honrosa retirada.

Nota do editor: publicamos tamén a carta aberta de Javier González (Melillense) en resposta ó artigo de Horacio.

Horacio Vixande



Horacio Vixande

Horácio Vixande, xornalista, traballou na correspondencia da TVG en Vigo nos 90, foi xefe de prensa do Real Club Náutico de Vigo e e durante máis dunha ducia de anos redactor d'A Nosa Terra. Na actualidade dirixe O Cartafol, a primeira revista en galego para Ipads e outras tabletas.