Nepotismo municipal

O nepotismo municipal é o apoio, favor ou privilexio de que gozan os parentes e amigos de determinados políticos, cunha relaxada ética, que ocupan cargos públicos nunha corporación local, como alcalde, concelleiro ou calquera outro.

Por Óscar Lomba | Vigo | 01/12/2013

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
Na nosa cidade este mal está profundamente enraizado e, indubidabelmente, é causa ou motivo de moitos dos problemas que afectan ao sector público, porque, xeralmente, os parentes e amigos dos devanditos políticos válense da influencia ou da intervención directa destes para obter prerrogativas, privilexios, prebendas, empregos e demais beneficios, o que redunda en corrupción e abuso de poder.
 
Baixo o nepotismo, o que impera son os vínculos de sangue, de afinidade ou de amizade, e non o mérito, a excelencia e a honorabilidade. Logo, quen obteñen os contratos, as concesións, os postos, os favores e as vantaxes non son os que teñen a capacidade, a experiencia, a aptitude, o talento, o coñecemento e a ética, senón os que teñen o privilexio de ser parentes, amigos ou achegados ao político influinte ou con poder.
 
Vemos, entón, como os cónxuxes, fillos, irmáns, pais, curmáns, tíos, sobriños, fillos putativos, fillastros, afillados, xenros, cuñados e resto da familia ou amizades, dos políticos que acceden ao poder local (Concellos, deputacións, empresas municipais, contratas...) son os primeiros en ocupar cargos importantes, en obter substanciosos contratos e concesións, en participar de escuras e amañadas negociacións e en ter acceso a información privilexiada que lles permite lucrarse con vantaxes incomparábeis.
 
Moitos «clans» entronízanse no seo dos propios partidos por mor deste sistema tan pouco transparente e pola escasa democracia interna coa que contan as organizacións clásicas que monopolizan, desde hai anos, o poder dos concellos (Partido Popular, PSOE e BNG). Distribúen entre os membros da camarilla os postos nas candidaturas que mellor serven aos intereses do fato de membros da «elite» e, se chegan ao poder, repártense as mellores talladas da torta ou do pastel municipal.
 
O obxectivo destas «camarillas» é a rapina e o desfalco a base da cousa pública, mais tamén procuran a súa auto-perpetuación. E iso conségueno tras apoderarse do aparello do partido grazas á caterva de «lacaios» e «militantes incondicionais» que sempre os apoian, probabelmente buscando algunha migalla sobrante. O obxectivo de todos eles é aproveitarse, sacar tallada e enriquecerse ao máximo e no menor tempo posíbel. Impórtalles un pemento o interese xeral e o ben común. Só queren encher os petos.
 
En fin, caen como praga sobre as arcas da corporación e, nun chiscar de ollos, escangallan a cidade logo de fartarse de chuchar, como vampiros, o erario municipal.
 
Ao que os critica ou os denuncia terminan marxinándoo, denigrándoo ou intimidándoo, a el ou á súa familia. Confunden a institución municipal coa súa propia casa e os recursos públicos co seu propio patrimonio. Compran vontades e votos, pero non poderán mercar nunca a dignidade das persoas honradas e decentes.

Óscar Lomba




Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe


Comentarios

3 comentarios
3

Procesión por dentro

En honor á verdá entre o exercito de asesores que contratou Yolanda Procesiones cando remodelou o despacho e se subiu o soldo en Ferrol non había parentes dela que se saiba. Iso non foi estritamente nepotismo. O de IU en Bankia Caja Madrid tampouco


2

Ben falado meu

Moi bo artigo sobre como todos son iguales xa sabemos que si que todos son iguais os ladróns e os que non rouban. Pero se che esqueceu unha cousiña de nada mecachis. Ti estas en AGE non? Por que non falaches do nepotismo de Ferrín na Academia? Aínda seguen a filla e o xenro ou marcharon con el? E que opinas das negociacions polo escano dinamarqués e o asunto de Carmiña? Ti tamén querías falar de todo isto pero non che deu tempo verdade.


1

Roberto Camacho

Moi bo artigo. Totalmente de acordo. Chuchan todos os cartos do veciños e logo reparten as mellores talladas entre eles. Son peor que dracula.


Óscar Lomba

Óscar Lomba Álvarez (Vigo 1966) Licenciado en Dereito-Económico pola Universidade de Vigo e Diplomado en Maxisterio pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi colaborador de Radio Piratona. Ex-vicepresidente da Cooperativa Árbore. Ten colaborado cos seguintes medios: Coiote, Diario 16 de Galicia, A Nosa Terra, A Peneira, Kalaikia, Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, A Trabe de Ouro, La Voz de Galicia, Atlántico Diario, El Foro Metropolitano, Pensamiento Crítico e Tribuna Socialista. Actualmente traballa como P.S.X. na Xerencia de Atención Primaria do SERGAS en Vigo. É asesor xurídico da Plataforma de Afectados pola Hipoteca – stop desafiuzamentos.