Nunha libraría de libros de segunda man de Zagreb, procurando libros sobre a resistencia ao nazismo e a guerra serbocroata, comentáralle ao dono que o conflicto fora moi seguido no seu día en España. Nunha lacónica resposta limitouse a preguntar ¿e non tiñades outra cousa mellor que facer? O rapaz non comungaba co nacionalismo etnicista do goberno, botaba de menos moitas cousas da Iugoslavia dos anos 80 e amosaba na conversación todo o trauma da guerra, cuxos efectos marcan a paisaxe do país aínda hoxendía.
Dende a capital croata deica a cidade dálmata de Zadar cruzamos a rexión da Krajina, franxa na fronteira entre Croacia e Bosnia. Habitada dende o século XVII por colonos serbios, labregos-soldados que defendían o limes do Imperio Austro-Húngaro do Grande Turco. Esta obsesión atópase na base mesma do nacionalismo croata. Incluso nas guías de viaxes sinálase o sentido orgullo nacional lembrando os lugares das batallas contra os otomanos, o papel de Croacia como baluarte da Europa cristiá (o Vaticano foi o primeiro país en recoñecer o novo Estado). O mesmo acontece co nacionalismo serbio e a súa querencia polo Kosovo perdido trala derrota cos turcos. A paisaxe da Krajina está inzada de casas ametralladas, de igrexas ortodoxas destruídas, aldeas abandonadas que nunca foran reconstruídas. Escenarios da limpeza étnica. Os novos asentamentos érguense ao carón dos vellos pobos ocupados polos serbios expulsados, coa axuda da Unión Europea, sobre todo de Alemaña. A ofensiva do Exército iugoslavo e das milicias chetniks tentou dividir o país en dous, aillando Dalmacia do N do país. En cada pequena vila un memorial lembra aos mozos que morreron por Deus e por Croacia na reconquista da Krajina en 1995. Incluso nunha área recreativa recórdase a loita nacional cunha bandeira monumental e un tanque coroando a rotonda. Nunha curva calquera, nunha xoguetería, o viaxeiro pode atopar un cartaz homenaxeando ao xeneral Ante Gotovina (detido en Tenerife) e a outros heroes nacionais autores de recoñecidas masacres e buscados polo Tribunal da Haia. Educación para a cidadanía. Algúns dos monumentos que homenaxean a loita guerrilleira de 1941-1945 son froito da aldraxe anticomunista; os seguidores de Tito, outrora heroes nacionais, son agora vistos como bolcheviques que remataron co soño da nación croata. Toda a historia trumática do século XX está presente en calquer aldea de Centroeuropa.
A visión nacionalista croata (impagable o Museo de Historia do Pobo Croata) alicerza a súa lexitimidade no ataque do Exército iugoslavo e as milicias serbias en 1991-1992. As matanzas de Vukovar en Eslavonia Oriental, o bombardeo de Zagreb e o sitio de Dubrovnik abondaban para que xurdise unha solidariedade internacional coa república secesionista croata. Este discurso monopoliza o Museo de Historia da Cidade de Zagreb, cunha visita que remata co bombardeo do Parlamento croata e a redentora visita do Papa polaco en 1995, todo un fito histórico e un referente simbólico para a soberanía do país. Loxicamente a historia oficial obvia a actuación croata na Krajina e en Bosnia, onde as milicias e o Exército croata compartiron as mesmas miserias que a Armija bosnia ou os militares serbobosnios. O día que marchamos de Croacia, tres militares serbios eran condanados polo tribunal da Haia a 15 anos de prisión pola matanza do hospital de Vukovar. O mesmo día, en Sky News, unha reportaxe amosaba o labor dunha asociación de Belgrado defendendo que a multiculturalidade era a grande base potencial para construír un novo país. Unha velliña, testemuña dos bombardeos nazis de Belgrado en 1941, chamaba a superar o chauvinismo herdado do rexime asasino de Milosevic, en nome da súa Asociación para a Descontaminación Cultural.
En 1994, recén chegado de estudante a Compostela, topei na praza da Acibechería cun home que pedía esmola. Chamábase Miroslav e viña da Krajina. Era un desertor que se negaba a combater contra os seus veciños de toda a vida. Daquela, o goberno serbio comezara a reclutar mulleres para escarnio dos desertores. Miroslav choraba porque un mal compañeiro portugués lle roubara a carteira co único retrato que tiña da súa muller e do seu fillo. Como único recordo, conservaba unha foto esvaída da súa época en Split, xogando unha pachanga de colegas con Kukoc e Pavisevic, estrelas da Yugoplástika de Split, coas que adoitaba tomar unhas cervexas polo casco histórico da vella Spalatum. Dramáticas historias coma esta inzan a experiencia vital de xeracións de mozos e mozas da ex-Iugoslavia, unha esperiencia que non se pode abstraer dese pasado de guerra e violencia. A polémica película de Kusturica Underground (1995) é un bo reflexo desa historia complexa, dun trauma exorcizado pola delirante, estrambótica e apaixoada música posta en escena pola No Smoking Orchestra.
Xurxo Ayán é arqueólogo e investigador do Laboratorio de Arqueoloxía da Paisaxe do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC).http://neixon.blogspot.com/
Estreamos sistema de comentarios. Agora tamén podes respostar directamente ás opinións de outras persoas. Buscamos un sistema social no que poidas expresarte máis naturalmente. Se tes problemas ou suxerencias, escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.
Durante a guerra, a Iugoplastika nin ningún equipo da zona podía xogar no seu país os partidos da Liga Europea de baloncesto. O Pop 84 ou Slobodna Dalmacia, que era como se chamaba a Jugoplastika daquela, escollera A Coruña para xoga-los seus partidos coma local, así coma o Partizan foi a Fuenlabrada e algún máis.
Un auténtico equipazo o que xogara no Coliseum, cos Radja, Ivanovic... e a cidade volcouse con eles. Hai pouco o Deportivo xogou en Split co Hajduk e déronlle unha placa como agradecemento á cidade que os acolleu.
Redacción
Galicia Confidencial 2009 | contacto | rss | legal | publicidade clocwatches.com