GC

As bágoas de Baltar

O líder do PP ourensán ofreceu unha nova clase maxistral de comunicación política co seu anuncio de que abandona a presidencia do partido nesta provincia.

Por Alberto Leyenda | Nigrán | 18/12/2009

  • versión para imprimir

Xosé Luis Baltar púxose diante de cámaras, micros, gravadoras e un feixe de xornalistas para dicir o que Núñez Feijóo sempre quixo escoitar. Xusto cando o presidente galego non o quería escoitar. “Feij009, chegou o momento” podía lerse no cartel que servía de fondo irónico da comparecencia. Toda unha demostración de manexo milimétrico dos tempos.

As semanas previas mantivo a tensión dramática. Nin un so xornal pasou da especulación, ninguén sabía o que ía a facer. E se o sabía non ousou  publicalo, que para a cuestión que nos atinxe é o mesmo. De feito, o propio día do anuncio os medios facían un grande despregue informativo para contar que esa mañá había unha rolda de prensa convocada. Baltar, un xenio do suspense, un Hitchcock.

Dicía o director inglés, para argumentar a súa predilección polo suspense fronte a sorpresa, que esta última consistía nunha bomba estourada no medio dunha conversa anódina sen que nin o público nin as personaxes tivesen constancia da ameaza.

En cambio, o suspense lógrase se os espectadores si coñecen que o artefacto está debaixo dos despreocupados protagonistas. “A mesma conversa anódina vólvese de súpeto moi interesante, porque o público participa na escena”, concluía Hithcock. Ese é o achédego de Baltar, facer que Rueda, Feijóo, Rogelio Martínez, etc., tivesen a ilusión de seren participantes de excepción, coa súa gotiña de suor e o seu ritmo cardíaco acelerado.

A dereita sentimental


Xa durante a súa intervención, foi directo á hora de expresar o que quería transmitir. A esa rotundidade engadiu unha pátina de sentimentalismo, que sempre axuda a involucrar ao espectador e a trasladar a mensaxe. As bágoas cando agradecía os apoios recibidos constitúen un momento cume, un punto álxido.

Deste xeito, o político ourensán incorpórase a unha nova corrente que, parece, está a agromar no conservadurismo español. Esta dereita sentimental que inaugurou Feijóo co seu entrecortado discurso de investidura e seguiu co pranto de Ricardo Costa na reunión na que lle cortaron a cabeza. E é que, inda que ás veces non o pareza, esta xentiña tan maligna que nos amosa o Grupo Prisa tamén ten os seus sentimentos.

Pese á contundencia mostrada e o seu ton de barra de bar, foi calculadamente ambiguo, de forma que ninguén poida acusalo de desdicirse no caso querer volver. Remarcou que está á disposición do Partido (a maiúscula é para tentar trasladar á escrita a énfase ca que pronunciou esta palabra), para o que sexa. Así que se o Partido quere que volva, cómo vai el a dicirlle que non? Outra xogada mestra. Ademais, non especificou a que partido se refería, se ao PPdeG ou ao PPdeBA. Extraordinario.

Cando lle preguntaron pola súa posición ante a candidatura do seu fillo respondeu espelido: “neutralidade!”, e xusto despois argumentou como inevitable o seu apoio á solución dinástica. “Son quen son e os meus vínculos familiares non os podo romper”. Claro que non, home, o nepotismo é unha cousa fea, pero esa explicación é irrefutable, a familia ante todo. Ademais, Baltar Jr. é un home do seu tempo, ten blog (http://www.manuelbaltar.com/) e todo. Quén vai afirmar que este traspaso de poder é de carácter premoderno?

Son só uns poucos exemplos da súa mestría. Inda que, en verdade, este artigo é un exercicio bastante estéril. Desculpen os lectores por non telo advertido antes. Mellor sería ter posto o enlace ao vídeo (http://www.youtube.com/watch?v=d4ufjuxBFVw) sen máis. Hai cousas que non teñen explicación, ou que se explican por si mesmas.

Comentarios

4 comentarios
4

ccccccc

OS DEZ MANDAMENTOS QUE INCULCA FEIJÓO AO SEU EQUIPO: 1_ Estos del PSOE son unos hijos de P... 2_ Estos del BLOQUE son unos hijos de P... 3_ "O das o te dan" 4_ El amor no existe 5_ A los amigos se les coge en la calle y se les deja en la calle 6_ Hay vida después de la muerte 7_ Estos de la cultura son unos ROJOS DE MIER... 8_ La Universidad no es más que una panda de vagos 9_ Cuidado con éste¡¡, cuidado con aquel, (etc) 10_Estos del gallego son unos retrógrados. No entiendo qué quiere la gente ésta.

3

queguay

dende a ps3 tamen podo comentar

2

bobesponxa

...GOEBBELS: A propaganda debe limitarse a un número pequeno de ideas e repetilas incansablemente, si unha mentira se repite mil veces acaba sendo verdade (Audi)...A propaganda debe ser popular e adaptada ao nivel dos menos intelixentes. A capacidade de comprensión das masas é limitada e esquece rápido (Imposición)...Cargar sobre o rival os proprios erros ou defectos (Despilfarro)

1

chuaa

Seguramente ten vostede razón en todo excepto en integrar a Feijóo na dereita sentimental. ¿Feijóo un sentimental?. Escacho coa risa só de imaxinalo. ¿Feijóo un sentimental?. Ai meu rei, se vostede soubera... Para Feijóo unha bágoa é un líquido salgado que hai que apartar non vaia ser que lle manche o seu impóluto traxe. ¿sentimental?. Para Feijóo os sentimentais son seres débiles, acaso inadaptados, persoas con escasa "eficacia emocional". Non vé que él segue os postulados de RAJOY: Non sentir, non padecer; os postulados de ROMAY: Falar sempre cunha certa dosis de ambigüidade calculada; os postulados de...

Comenta

¿Que palabra aparece na imaxe?

captcha

¡Non entendo a palabra!: cambiar imaxe



Alberto Leyenda

Alberto Leyenda é xornalista e integrante do grupo de pop-rock ragdog