O seu propósito foi conservar a arquitectura tradicional galega nas etapas da vida cultural cun sentido de continuidade. O seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, que non puido pronunciar por prohibilo a autoridade gobernativa que se opuña a que as intervencións fosen en lingua galega, di: “Penso que isto é indispensable para que perdure a enxebreza que inspirou aos nosos devanceiros nas súas concepcións, e que servíu para que a nosa arquitectura tivese un destacado e singular valor no panorama xeral desta arte”.
O discurso arquitectónico de Gómez Román incardínase no da regaleguización do País pola que traballou e loitou mesmo na clandestinidade. Con anterioridade foron varios os ámbitos nos que se debateu esta preocupación pola conservación da nosa arquitectura. En 1918 a Asemblea Nacionalista celebrada en Monforte de Lemos declarou a “soberanía estética da Nación Galega”, que se exercerá, dicían “sobre as construcións urbás, ditándose unha lei que obrigue aos propietarios a axeitaren o estilo das súas construcións ao estilo xeral de cada vila”. Posteriormente, o Primeiro Congreso de Economía Galega celebrado en Lugo en 1925, volveu insistir no mesmo obxectivo, que logo continuou o Seminario de Estudos Galegos.
A preocupación das instancias culturais do galeguismo de preguerra non tiveron continuidade, abríndose un período de desfeitas tanto no noso rural como nas cidade e vilas. No rural, porque esnaquizaron o hábitat galego, derrubando as vellas casas no canto de reformalas, construíndo outras de mal gusto, que deron pé ao chamado “feismo”. Nas cidades e vilas, porque os concellos deron autorizacións para guindaren edificios de gran valor arquitectónico e reemprazalos por outros espantosos. Hai que lamentar que nos últimos trinta anos de concellos democráticos os gobernos municipais desaproveitasen a ocasión para planificar a organización territorial e protexer a nosa arquitectura tradicional.
Foise o tempo e con el as oportunidades de refacermos Galicia. Ocasións hóuboas. Pero desaproveitáronse para reconducir a situación. As novas tecnoloxías ofrécennos ferramentas como as infografías para facer reconstrucións ideais e divulgalas creando deste xeito modelos a imitar, e valéndonos da pedagoxía evitar os atentados continuados ao noso patrimonio arquitectónico. Gómez Román albiscaba esa pedagoxía con estas palabras: “Sería ben espertar nas xentes a sensibilidade; de aí sairían, sen dúbida, as normas para poder realizar a nosa aportación con signo propio e peculiar á Arquitectura moderna. Se tal acontecera estariamos no camiño de podermos facer que Galicia puidese aparecer con destacada e singular prestancia”.
O Foro E. Peinador e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, para recoñecer o legado arquitectónico e galeguista de Manuel Gómez Román, colocarán unha placa conmemorativa do 45º cabodano do seu pasamento nun dos edificios emblemáticos da rúa Montero Ríos de Vigo que el proxectou.
Boa iniciativa lembrar e honrar a Gómez Román, ilustre arquitecto de Vigo e destacado galeguista. Moi oportunha esta iniciativa cando en vigo parece que destruír o patrimonio arquitectónico é gusto de todos os partidos do concello. Este home debería escribir máis porque dice cousas interesanets. un saúdo celestino
Director da revista "Lingua e Dereito". Presidente da Fundación dos premios da Crítica de Galicia. É secretario da Asociación de Amigos do Couto Mixo. Colaborador da Enciclopedia Galega Universal e asesor literario da editorial Ir Indo. Fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e da Asociación de xuristas en galego. Fundador da Fundación "Galicia Empresa", entidade que persegue a normalización da lingua galega no ámbito socioeconómico. É, ademais, fundador da Fundación "Lois Peña Novo".
Galicia Confidencial 2009 | contacto | rss | legal | publicidade