Represión anticomunista, o capital reaxe

O sistema, vítima da súa incapacidade para facer fronte a esta grave crise, nunha situación de colapso de facto, quere impedir por todos os medios que as maiorías sociais aproveiten o espazo de oportunidade desta conxuntura para alterar a vixente correlación de forzas que as somete. A represión intensificase e esténdense, coa mesma forza coa que agroman nas diferentes latitudes do mundo expresións firmes en favor dun cambio de sistema. Os sucesos en Copenhague son apenas o exemplo máis notorio e televisivo, dunha realidade que se sucede de xeito cotiá nos centros de traballo, nas vilas e cidades, tanto da periferia coma do centro do sistema.

Por Xabier P. Igrexas | Vigo | 26/12/2009

  • versión para imprimir

Imperialismo

O imperialismo volve sacar garra belicista. Sabedores de que a súa potencia radica na capacidade militar -xa que logo na capacidade de matar e destruír-, as potencias imperialistas, nomeadamente os EUA, baixo a carauta amábel de Obama (quen se está a demostrar continuamente como unha contradición programada e funcional ao propio sistema, e non como un síntoma da máis mínima esperanza), está a engraxar a súa maquinaria de guerra.

A posibilidade dunha invasión a Venezuela dende as bases colombianas, non é a esta altura ningún absurdo. Acrecéntanse o número de tropas invasoras no Afganistán, xa non só dos EUA senón tamén dos seus aliados (entre eles o Estado español, máis unha vez axeonllado ao Atlantismo), non só para librar unha guerra inconclusa contra uns centos de Talibáns senón sobre todo polo interese xeoestratéxico da zona. E a maquinaria diplomática, ao servizo do capital transnacional, acelera os seus traballos para cohesionar un único grande bloque de países aliñados co capitalismo, contando coa presunta desactivación do polo ruso e coa indiferenza chinesa.

E todo nun intre no que as incipientes alternativas articuladas, como o ALBA, inda non están en condicións, nin económicas, nin militares, de poder plantarlle cara ao inimigo, que coma ben advertía estes días Raúl Castro “está moi activo”. Os vaticinios dunha realidade global multipolar non contaban con que a crise provocaría contradicións tamén ás clases dominantes, que se ven premidas pola incapacidade de acrecentar na esfera produtiva a súa taxa de ganancia aos ritmos necesarios, e polo tanto radicalizarán a súa acción.

Persecución anticomunista

Neste contexto, está a perpetrarse unha durísima persecución contra das organizacións comunistas, pero tamén – e en maior medida- contra do propio corpus ideolóxico do marxismo e as súas conceptualizacións derivadas. A reimpresión de obras de Marx e Engels que tivo lugar nos inicios da crise, era asumíbel polo sistema como anécdota graciosa, porén, cando comeza a haber indicadores -inda que tímidos- de que socialmente está a calar nas clases populares (que representan a maioría do pobo) a necesidade dun cambio de sistema, a cousa convertese en perigosa e polo tanto en perseguíbel. Esa idea, a da urxente necesidade de construirmos un novo modelo socioeconómico -que supera o reformismo keynesiano- deixou de ser residual, como o foi durante os últimos 15 anos, para pasar a ser asumíbel por amplas capas sociais.

Só ese feito, o de que se está a fraguar unha potencial alteración na actual correlación de forzas, explica a belixerancia anticomunista dos últimos meses. Resolucións de diversos organismos e institucións europeas (entre elas a OSCE) equiparando comunismo e fascismo. Os fastos cos que celebraron a queda do Muro de Berlín. A prohibición da simboloxía comunista e a ilegalización de partidos en varios países de Europa (o último episodio ten que ver coa máis que probábel ilegalización do Partido Comunista de Bohemia e Moravia na República Checa). A invisibilización do papel fulcral da Unión Soviética na vitoria contra do nazismo na II Guerra Mundial. A posibilidade de que a Real Academia da Lingua Española se propoña definir comunismo como doutrina totalitaria. Ou a teimuda proxección das presuntas atrocidades do totalitarismo stalinista. Todos estes feitos, proxectados e amplificados polos grandes medios de comunicación de masas (dos que son propietarios), pretenden máis unha vez desactivar o paulatino rexurdir orgánico, pero sobre todo ideolóxico, do comunismo no plano internacional, a través da calumnia, da falsificación histórica, e mesmo da criminalización política e sobre todo xudicial.

O anticomunismo é hoxe unha expresión palpábel do carácter esencialmente reaccionario das clases dominantes dun sistema en quebra, que non van renunciar facilmente á pretensión de que a saída desta crise sexa a costela das traballadoras e traballadores, coa perda de dereitos sociais froito da conquista de varios séculos de loita, nunha nova volta de torca ao favor dos seus intereses como clase e en contra dos da maioría social.

De aí que reivindicarmos o comunismo como ideoloxía liberadora que aspira á superación da actual sociedade de clases, sexa un acto máis necesario se cadra ca nunca.

 

Xabier P. Igrexas




Comenta

Se tes problemas ou suxerencias escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe


Comentarios

24 comentarios
  • Páxinas
  • 1
  • 2
  • 3
  • 24

    Bolxevique

    Menuda panda de reaccionarios acomodaticios veñen comentar por estes lares. Recoméndolles as lecturas das investigacións de Grover Furr e Ludo Martens para varia-la actual empanada felicita-lo rapaz (co que non teño nada a ver como non sexa unha coincidencia en parámetros ideolóxicos)por este artigo. Pareceme positivo que salten unha restra de talibanciños do stablishement, pseudo-progres e colaboracionistas sen sabelo do exterminio, o auténtico exterminio de millóns de persoas nas máis de 25 intervencións militares xenocidas que levan os EEUU no século pasado e no que levamos deste.


    23

    Serodio

    Alucino con todo o texto deste rapaz que, para facerse pasar por maior do que é, déixase esa barbiña. Supoño que non aprobaría 2º de bacharelato a teor da ignorancia que manifesta e do atrevemento conseguinte.


    22

    jasusiño

    "a teimuda proxección das presuntas atrocidades do totalitarismo stalinista". e queda o tipo mais cheo...


    21

    E tí máis

    Seica coma fan en China, Corea,Cuba, ou facía o "presunto" asasino Stalin, eses sí respetan aos que non pensan coma eles. E si te fixas ben, o máis reprobable e criticable dos que se meten con este "alevín" é pola defensa deses "presuntos" asasinos. Imaxina que escrebe alguén algo pasando por riba das presuntas atrocidades de Pinochet e a necesidade dunha ideoloxía que supere a actual sociedade democrática.


    20

    demócrata coma ti

    Uf! Pode un compartir ou non o contido do artigo. Mais os democráticos comentarios que se fan son de luxo. Ou coincides co que penso ou es un burro, vendido, y no tienes ni p. idea. Menos mal que os críticos desta sección non teñen pistolas, que de seguro que as usaban co autor.


    19

    Xurxo

    Espero que non sexa o novo Lobeira ou Pontón.Dende logo se é a vangarda internauta da UPG mellor lle sería á UPG seguer con lapis e papel...


    18

    anonimo

    Xurxo, este non é un persoeiro, senón que aspira a selo. Tenta facer méritos, pero a este paso vaino ter moi cru.


    17

    Xurxo

    Non estou de acordo anónimo.Este señor é un "persoeiro" da UPG. Galicia Confidencial fai xa que logo moi ben amosándolle aos galegos o grao de degradación moral e intelectual ao que chegou este partido. Se un dirixente das Novas Xeracións do PP falase dos "presuntos crimes de Hitler ou de Franco ou de Mussolini" a min tamén interesaríame sabelo....


    16

    anonimo

    Claro, Xurxo, pero o problema é que temos que aturalas todos nós. Debería haber un mínimo control de calidade para non publicar os primeiros dislates que se lle veñen á cabeza a calquera moinante.


    15

    Xurxo

    Meu Deus,cantas tontadas hai que dicir para chegar a liberado da U.P.G.


  • Páxinas
  • 1
  • 2
  • 3
  • Xabier Pérez Igrexas

    Foi Secretario Xeral dos Comités Abertos de Estudantes, membro da Dirección Nacional de Galiza Nova e integrante de diversos organismos de dirección comarcal e local do BNG en Vigo. Na actualidade é vice responsábel comarcal de Galiza Nova en Vigo. É autor do blogue Contradiscurso