O actual líder do PPdG experimentou unha primeira derrota coa negativa de X.L. Baltar á proposta de repetir outro mandato na dirección provincial. E agora pode sufrir unha segunda desfeita de categoría superlativa:o clan baltariano pretende impedir que o alcalde de Verín acade os avais necesarios para ser candidato formal na batalla do 30 de Xaneiro.Ou sexa:conseguir unha vitoria sen prisioneiros.Co estilo búlgaro que tanto lle gusta ao inquilino –ou propietario?- da Deputación de Ourense –ou de Sicilia?
Igual que o algodón, Baltar non engana.Practica dentro do partido o que fixo sempre na sociedade. A estas alturas non vai cambiar e moito menos se está o seu fillo polo medio porque como afirmou recentemente:”a familia é a familia”.E Feijoo? Que pedagoxía creativa vai mostrar neste proceso electoral interno? Porque se a democracia que el defende reduce a súa sustancia á contabilidade aritmética dos apoios de cada candidato, Baltar&Baltar non precisan de ningunha caste de adoutrinamento ditado dende Montepío. Ate o momento non sabemos as novas ideas coas que o candidato de Núñez Feijoo quere seducir á militancia provincial. Se do que se trata é de substituír o nome da persoa que realizará, no futuro inmediato, as propostas que ningún afiliado poderá rexeitar, o presidente da Xunta vai ficar –cando remate esta batalla- sen barcos e sen honra.
Xosé Manuel Baltar ten claro cal é o seu sinal identitario:”Temos unha conciencia moi forte, mais que de galegos, de ourensáns”.Feijoo, nado nos Peares, non dá atopado a pedra filosofal para ser profeta nunha provincia que ven sendo o alfa e omega da política galega. Mentres, algúns seguiremos buscando –utópicamente?-a democracia non aritmética, a que merecen protagonizar persoas con algún pensamento propio e sen depender dos favores do mediocre dirixente de turno.
Xesús Veiga
Se tes problemas ou suxerencias escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.
Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar. Dende 1993 é membro do Consello Nacional do BNG.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.
Galicia Confidencial 2011 | Contacto | RSS | Legal | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | BLOG | Co apoio técnico de dinahosting