GC

Diplomacia abisimia

O Estado etíope, da mao do ditador encuberto Meles, armou recentemente toda unha manobra publicística para amosar ao mundo o renacemento da vella nación abisinia, aproveitando o rebufo da chegada do novo milenio (segundo o calendario do vello cristianismo etíope). Malia que no noso pais aínda se asimile Etiopía coa grande fame de mediados dos anos 80, o devalar xeoestratéxico da Sobremodernidade trocou o curso dos acontecementos. O rexime abisinio é un fidel aliado dos U.S.A. no Corno de África, conta cun dos mellores exércitos do continente, e garante unha paz e estabilidade que escorrentou a pantasma dunha guerra civil dende a finalización do último conflicto en 1991. Trala tentativa de modernización fallida durante o goberno comunista (1974-1991), o verdadeiro “progreso” vén agora da mao de China, artífice de equipamentos, estradas e da formación de técnicos do país. A propaganda oficial déixase levar e espalla aos catro ventos a boa nova do renacemento etíope. Unha simple visita ao aeroporto de Bole en Addis Ababa amosa ben ás claras esta manobra, con carteis que bendicen a reposición do obelisco roubado por Mussolini ou publicitan a compra por Ethiopian Airlines de 10 avións de luxo, como o que vén de esfragarse nas costas do Líbano.

Por Xurxo Ayán | Santiago | 04/02/2010

  • versión para imprimir

Dentro deste contexto ideolóxico, Addis Ababa (A Nova Flor) recupera o glamour e o seu carácter de referente simbólico para a causa africanista, algo polo que loitou o negus Haile Selassie durante todo o seu reinado trala súa reposición no trono polos británicos en 1941. Este megalómano personaxe adicou os seus folgos á diplomacia e ás relacións internacionais, mentres condanaba ao seu pobo a padecer un anacrónico Estado teocrático e feudal. Quen queira coñecer de cerca esa realidade cruel e decadente da Abisina do Ras Tafari debe ler esa xoia literaria de Kapuscinski chamada “Emperador”. O gusto polo boato e a cerimonia deste emperador pequeno, fol de veleno, viña xa de antigo, como deixou tamén testemuñado o xornalista e novelista británico Evelyn Waugh en “The Times: Remote people” (1931, edición en castelán en DeBolsillo, 2009), a súa crónica da coroación do negus en 1930. Un familiar meu aínda recorda a visita oficial de Haile Selassie en abril de 1971 a Madrid, ocasión que aproveitou a casposa propaganda tardofranquista para encher a capital de pancartas sinalando o feito de que un Emperador viña rendir honores ao Caudillo, africanista coma o negus, onde vai parar.

Sexa como for, os anceios internacionalistas deste home esmiuzado adorado en Xamaica acadaron para a capital etíope o feito de se converter na sé da Organización para a Unión Africana, antecedente da actual Unión Africana que non casualmente vén de celebrar o seu XIV cumio na Nova Flor. Lonxe do glamour exótico doutros tempos, Etiopía é un destino pouco apetecible para o corpo diplomático. Tomado polos embaixadores e embaixadoras como un breve rito de paso cara a outras prazas máis suxerentes perto do Poder, as embaixadas de Addis reflicten como ningunha outra arquitectura a realidade  internacional. Así por exemplo, a sen-Estado Somalia mantén un modesto edificio abandonado, ao xeito de chalet en primeira liña de costa que van derrubar por orde xudicial. Pola contra, a embaixada española conta cunha ampla propiedade arborada, persoal etíocubano que fala español e notables medidas de seguridade. Segue o modelo desas embaixadas occidentais, verdadeiros búnkers á marxe da contorna, dos que saen os nenos e nenas para ir ao Liceo francés ou escolas de faranji (guiris). Mentres, a clase diplomática monta os seus “saraos” dentro dun circuito exclusivo na noite da capital.
 

A esta realidade achegouse o presidente de España estes días para participar no Cumio antedito da Unión Africana, sempre amosando boas intencións (Mauritania, Somalia) de difícil execución práctica. O que arrepía é ver ao dirixente do Estado español compartir mesa e saúdo afectuoso co libio Gadaffi, un megalómano que se considera o sucesor do negus como líder africano por excelencia e que lonxe de combater a fame do continente ou mellorar a calidade de vida dos seus habitantes, só pretende investir en exércitos, moedas únicas, e fastos no Sheraton. Grazas á tradicional diplomacia abisinia, este dictador non acadou renovar o seu liderado á fronte da Unión Africana. Pero dá igual, como bo seminómade irá coa “jaima” a outro sitio a seguir amosando a insoportable levedade do Poder. Show must go on.

Comentarios

5 comentarios
5

lura

na equipa xa temos piratas arxentinos ,piratas suecos, piratas brasileiros.....mais somali non sei se teremos nas categorias inferiores..

4

Laporta

Señor Ayán: Na túa próxima viaxe ben poderías traer algún xogador para probar no equipo. Ti ben sabes que un club tan internacional como o Barça necesita expandirse no mercado Africano. Polo tanto, un pirata somalí coa camiseta do Barça é o futuro.. Saúdos cordiais

3

anónimo

A verdade que son os artigos máis interesantes e ben escritos deste galiciaconfidencial. Noraboa

2

www.anxo.info

Mira que é mala sorte a miña, mecachis no decreto ese do galego! Non dar ata hoxe cos artigos de Xurxo, o que me estaba eu perdendo. Coa cantidade de borralla que lemos todos os días nos xornais. Había moito tempo que non mo pasaba tan ben lendo uns textos. Que valorización de Cereixa e dos seus, tan ben engarzada cos mundos máis afastados e diferentes! Canta cultura e canto humor! ata me atrevo a dicir que Camba e Cunqueiro lle quedan... Non hai máis que ler estes artigos para ver o errado que está sr. Consejero de Cultura niso do ensimesmamento... Pois non teño máis remedio ca poñerte nos favoritos. Parabéns, Xurxo!!! e ghraciñas!!!

1

otra arqueóloga

Que buenos artículos haces Xurxo. Cuando te sale la vena literaria no hay quien te pare. Sigue así

Comenta

¿Que palabra aparece na imaxe?

captcha

¡Non entendo a palabra!: cambiar imaxe



Xurxo Ayán

Xurxo M. Ayán Vila (Lugo, 1976) é arqueólogo e investigador do Laboratorio de Arqueoloxía da Paisaxe do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC-Xunta de Galicia) de Santiago de Compostela.