O derradeiro paso estámolo a dar no trato xenófobo aos inmigrantes. E todo como consecuencia de que a un alto cargo da Policía, concretamente O Comisario Xeral de Estranxeiría e Fronteiras, emite unha Circular, que di de obrigado cumprimento, na que fai unha interpretación da Lei de Estranxeiría e da de Protección da Seguridade Cidadá restritiva dos dereitos civís dos cidadáns e perigosa para o seu cumprimento por parte dos policías.
Con ilo estase a facer unha interpretación fraudulenta da Lei e inducindo aos policías, que cumpran a Circular, a cometer detencións ilegais sancionadas con penas de cárcere e expulsión da Policía. Non lles importa asumir o custo que pode supoñer a perda duns cantos policías nesta situación, en tanto consigan centos de detidos para presentar nas estatísticas, que lle servirá para enchelo uniforme de condecoracións.
Queren aplicar indistintamente dúas leis para supostos distintos. E fano a pesar de que a xurisprudencia neste senso é dunha claridade meridiana. O tribunal Supremo di que non se pode proceder a identificación dun cidadá sen cumprirse determinados requisitos. Pero van moito máis alá xa que dispoñen as detencións “preventivas” en contra da xurisprudencia do Tribunal Constitucional.
E mentres o propio Presidente do Goberno critica a actitude que respecto aos inmigrantes amosa o Goberno de Berlusconi, ou defende o seu empadroamento para que teñan dereito á sanidade e á educación, a policía do seu país, que obedece a ordes do seu goberno, fai redadas en comedores sociais onde os inmigrantes van a comer porque teñen fame, como pasou recentemente en Tenerife; ou os esperan a saída do metro, ou van as escolas a detelos, diante dos seus fillos.
Ante unha Circular que propugna as identificacións masivas e indiscriminadas na vía pública (o derradeiro ano identificáronse en Madrid a 445.000 cidadáns españois e estranxeiros), atentando contra os dereitos civís dos cidadáns e poñendo en risco a seguridade xurídica dos funcionarios policiais, compre unha intervención urxente e contundente de institucións como a do Defensor do Pobo e, sobre todo, do Ministerio do Interior, para que se retire esta Circular.
E namentres, dende as organizacións sindicais recomendamos aos compañeiros encargados de cumprila que actúen dende a legalidade, evitando deste xeito posibles sancións penais e disciplinarias.
Canto cinismo e hipocrisía política. Cada vez parecémonos máis a Italia.
José Freire
Se tes problemas ou suxerencias escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.
Funcionario do Corpo Nacional de Policía dende septembro de 1976, entón Policía Armada. Estivo destinado en Pamplona, Bilbao e na actualidade en Pontevedra. En 1981 formou parte da 1ª Xestora do Comité Local de Pontevedra do Sindicato Unificado de Policía na clandestinidade, ata a súa legalización no ano 1986. Desenvolveu os cargos de Secretario Local e Provincial de Pontevedra, de Organización do Comité Federal de Galicia, e dende o ano 2002 Secretario Xeral do S.U.P. en Galicia.
Galicia Confidencial 2011 | Contacto | RSS | Legal | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | BLOG | Co apoio técnico de dinahosting