Tosar, Fernández e a lingua galega

Estase a falar moito estes días sobre o acontecido na gala dos premios Goya, un foro plural con proxección internacional, onde o actor Luís Tosar se expresou na nosa lingua. Outro dos galardoados fíxoo en inglés.E ninguén puxo o berro no ceo. Un mes antes, noutro acto semellante, co gallo da entrega dos premios Josep María Forqué, Luís Tosar recolleu o premio e agradeceuno en castelán. Daquela o que utilizou o galego foi Xulio Fernández, director xeral de Filmax, que sorprendeu a uns e outros cando no noso idioma dixo: “Dedícollelo premio aos meus veciños da Fonsagrada que non teñen sala de cine, pero que fan uns butelos de película”. Intervencións deste teor transcenden á anécdota para convertérense en fórmulas eficaces para fomentar a diversidade lingüística.

Por Xosé Glez. | Redondela | 20/02/2010

  • versión para imprimir

Os exemplos de Xulio Fernández e Luís Tosar teñen moitos precedentes na historia. A min gustaríame lembrar un deles: a actitude de Antón Beiras, médico especialista en oftamoloxía, inventor do Vigoscopio, un enxeño tecnolóxico deseñado para corrixir o estravismo. A reputación de Antón Beiras chegou a ser de tal natureza que era invitado  a participar en moitísimos congresos médicos internacionais para que explicase os seus achados científicos. E sempre o facía en galego. O seu argumento era contundente: “se eu tiven que estudar varios idiomas para poder profundar nas miñas investigacións, xusto é que agora as publique en galego, a miña lingua, que os demais deberan aprender para coñecer as miñas aportacións”.

Xulio Fernández, Luís Tosar, Antón Beiras e moitos outros galegos que tiñan confianza en si mesmos ofrécennos a posibilidade de corrixirmos e superarmos os complexos lingüísticos. Despois de moitos boureos colonizadores, os galegos chegamos a interiorizar  este sumiso comportamento: para estarmos no mundo temos que renunciar á nosa lingua. Tal actitude denota unha falta de autoestima, que se manifesta a cotío mesmo nas relacións entre moitos galegos. Reparen nesta situación que repite con frecuencia: están catro a falaren  galego entre eles, chega un quinto que o fai en castelán, e tódolos demais pásanse ao idioma deste. O máis lóxico é que, entendéndose, cadaquén fale no seu idioma sen ter que renunciar a el.

Ao fío do dito, a min ocórrenseme algunhas medidas correctoras. Cómpre aproveitar tódalas ocasións para fomentar a pedagoxía da convivencia das pluralidades. Hai que derrubar o mito das limitacións da nosa lingua para poder ser utilizada noutros ámbitos territoriais. Non coutar a nosa expresión lingüística baseada no perverso principio de identificar a boa educación coa renunciando á utilización da nosa lingua a favor da do noso interlocutor.

A Constitución española, que dispón que  “a riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España será obxecto de especial respeto e protección” debería desenvolver este precepto legal con tódalas medidas pedagóxicas necesarias para alcanzar esa finalidade. Os medios de comunicación públicos deberían ser os instrumentos axeitados para mudar receos e ir creando novas pautas de comportamentos para acadar o respecto á pluralidade cultural e lingüística do Estado.

Xosé Glez.




Comenta

Se tes problemas ou suxerencias escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe


Comentarios

2 comentarios
2

Instituto de Celanova

O Instituto de Celanova seguirá no Mosteiro. Por que lle destes hai algúns anos o Premio "Lois Peña Novo" ao Concello de Celanova que ten toda a sinaléctica en castellano (véxanse todos os rótulos de Ayuntamiento de Celanova. Garaje. Licencia Municipal nº...)? Axudade a Plataforma polo Ensino Público no Mosteiro de Celanova. Feijoo, Baltar, alcalde de Celanova, o traballador do concello Sr. Antonio Piñeiro, queren destruir o Instituto e facer un hotel inviábel, privatizando un edificio público.


1

Carlos

Tosar deu exemplo do que significa o galego; un idoma que pode ser utilizado en España e no mundo sen negún problema


Xosé González Martínez

Director da revista "Lingua e Dereito". Presidente da Fundación dos premios da Crítica de Galicia. É secretario da Asociación de Amigos do Couto Mixo. Colaborador da Enciclopedia Galega Universal e asesor literario da editorial Ir Indo. Fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e da Asociación de xuristas en galego. Fundador da Fundación "Galicia Empresa", entidade que persegue a normalización da lingua galega no ámbito socioeconómico. É, ademais, fundador da Fundación "Lois Peña Novo".