As dúas españas

Severino era da quinta do 33 e aínda así mandárono para a fronte, a Asturias, ao comezo da guerra. O seu irmao quedara en Madrid do bando republicano e seica se pasou a guerra de correo-enlace do xeneral Miajas, percorrendo a cidade nunha moto italiana. Ao pouco de estar na guerra, o Severino mandou unha carta á casa.

Por Xurxo Ayán | Santiago | 12/03/2010

  • versión para imprimir

Todo o correo estaba intervido polos nacionais e un parágrafo do texto chamou a atención dos revisores:

_Aguardo me concedan permiso de aquí a un poco. Mirad por el Roxo, a ver si le puede al Marelo.

A carta chegou a Guntín e xa non foi parar ás maos do carteiro, senón que marchou á aldea de Severino canda o capitán da Garda Civil e dous homes armados. Na parroquia non se esquencera a denuncia do crego que levou á morte a catro veciños, asasinados e soterrados no Agro da Mamoela. Algún suposto desaparecido, que fora reclamado para a guerra, debía de estar agochado, axudado por xente de ben. Os falanxistas de Sarria e Monforte andaban coa mosca trala orella.
Os gardas civís -tricornios mouros polo que esvaraba a xeada da noite- petaron na grande portada da casa petrucia.
-Quen vai?
-Abran a la Guardia Civil.
O vello librou as contras e deixou pasar á Benemérita. O capitán, que era da parte deViveiro, non andou con andrómenas.
-Ten vostede bois?
-Teño.
-Cantos?
-Dous. O roxo e mailo Marelo.
O vello sentía un estarrío polas costas. Recordaba os primeiros días da guerra, cando os falanxistas requisaban porque si e porque non. Se lle levaban os bois –a guerra xa lle levara dosu fillos- a ruína pacería pola corte da vella casa.
-E cal pode? Preguntou o capitán despois de botar ao chao o pitelo, esmagándoo coa bota rechamante, limpa, fachendosa
_O Marelo
O capitán sacou da faltriqueira a carta do Severino, deulla ao vello e marchou cun retórico e solemne Buenas Noches.
Un ano despois, o Severino, na fronte de Madrid pasábase para o outro bando, combatindo ao carón do seu irmao deica a fin da guerra. Os nacionais dérano por morto daquela. Unha tarde de abril do 39 o Severino apareceu na aldea. A súa mai esbagoaba apreixada ao peito do fillo, do seu único fillo, xa que o outro morrera na Ciudad Universitaria.
O vello non dera pasado o inverno. Morrera na noite de Reis. Nas cortes e na leira, o Roxo xa podía co Marelo.

Xurxo Ayán




Comenta

Se tes problemas ou suxerencias escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe


Comentarios

2 comentarios
2

Xosé Manuel Calvo

Desde que te descubrin, neste recanto, non perdo ningún artigo teu. Algúns son dignos dun premio Fdez del Riego ... polo menos. Alégrome moitísimo do ben que segues a medrar. Noraboa!!!


1

Antonio González

Precioso. Digno dunha curta como a de Chano Piñeiro (Mamasunción). Grazas, don Xurxo.


Xurxo Ayán

Xurxo M. Ayán Vila (Lugo, 1976) é arqueólogo e investigador do CSIC.