A LOUG ou Lei do Solo pecou de regulamentística, complexa e embarullada, e por iso ineficaz e difícil de aplicar en tan maltreito territorio, tanto que temos que estar continuamente a parcheala para adaptala á nosa realidade social e territorial: con esta xa vaia a coarta reforma. Pero ademais foi unha tara e lastre para o desenvolvemento da rede de espazos naturais en Galicia, na procura desa complicidade tan difícil de acadar entre a administración promotora da protección e a poboación residente (os afectados de sempre), na procura dese complexo equilibrio entre desenvolvemento e conservación para a preservación dos nosos valores naturais máis senlleiros. Esta Lei dispón nos seus artigos 33.2 e 39.2 que trala declaración dun espacio protexido os solos rústicos pasan a ter de inmediato a consideración de solos rústicos de especial protección de espazos naturais, quedando prohibidas todas as instalacións e construccións agás as vencelladas coa actividade turística, científica ou educativa. Só a través do planos de ordenamento ou a costa de andar a facer malabarismos na interpretación xurídica da norma podíase superar malamente este bloqueo, por moito que na normativa ambiental se subliñe que esta debe prevalecer sobre calquera outro instrumento de ordenación territorial ou física.
En qué estaría cavilando o lexislador daquela Xunta do 2002 cando chantou semellante sentencia condenatoria contra a xente que vive nos espazos naturais galegos..., en Yellowstone?, en Iguazú?, na selva do Darién en Panamá...?, porque que nós saibamos en Galicia os homes e as mulleres do rural foron os protagonistas indiscutibles da paisaxe e do territorio, e foron eles coa súa actividade secular os que modelaron e crearon para nós os grandes escenarios, as paisaxes onde hoxe se move e come a fauna e a flora silvestres máis prezadas. E por iso tamén hai que preguntarse por qué cando se modificou o artigo 33.2 mediante a Lei 15/2004 incluíndo un novo apartado (o L), onde se “colaron” a plantas de acuicultura mariña para posibilitar a súa instalación na Rede Natura 2000, por qué digo non se fixo o mesmo coas instalacións e construccións asociadas as explotacións agropecuarias que son o pan noso de cada día? Ou é que solucionar aquel “problema” era máis importante que o desenvolvemento rural da Galicia interior irredenta e esmorecente que é a que mantivo e soportou estoicamente durante séculos para maior gloria de todos os galegos a meirande parte do inxente patrimonio natural galego...?
Acomodar esta Lei era un pequeno pero necesario paso, e inda que agora queda claro que serán os planos de ordenamento dos recursos naturais de cada espazo os que deben favorecer o desenvolvemento sustentado destes lugares, establecendo o marco normativo apropiado para os futuros planeamentos urbanísticos, non debemos esquecer o principio de cautela pois segue a prevalecer o compromiso de velar pola integridade dos seus hábitats e ecosistemas.
Aínda así sempre quedará o máis importante: que a sociedade galega debe recoñecer os beneficios ambientais que recibe da multifuncionalidade inherente á actividade das persoas que viven nos espacios protexidos galegos, e que o goberno que a representa ten que pagar por eses servizos, mellorando a súa calidade de vida, abríndolle novas oportunidades, porque iso é xustiza social, e porque é urxente e necesario pola fraxilidade e precariedade dese mundo que esborralla sen que ninguén o remedie, e non obstante é o que segue a gardar, teimuda e celosamente, os maiores tesouros do patrimonio natural galego.
X.Benito Reza
Se tes problemas ou suxerencias escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.
Sigue Considera que estes espazos poden sustentar novas actividades, construcións e poboación que a que sustentaron historicamente? Considera que a decisión sobre se deben ou non existir estas actividades e construcións novas debe ser tomada caso a caso, sen un estudo e análise integral do espazo e dos efectos sinérxicos que se producen? Quen a debe tomar, a administración local, a administración autonómica...?E finalmente, igual que no caso das piscifatorias ou os parques eólicos cal é a razón pola que non poden estar noutro sitio? Maior rendibilidade, menor custe de implantación.... o beneficio económico, de quen?... Galiza non se vende, pero os galegos vendémola por xunto ou en anaquiños pequenos.
A vixente Lei do Solo permite manter, reconstruír e rehabilitar as construcións tradicionais para uso residencial, turístico e equipamentos e permite manter e ampliar, incluso en volume independente as explotacións agropecuarias e serradoiros existentes nos espazos protexidos. Parécelle ao SR. ex director Xeral que isto non é suficiente para satisfacer as necesidades dos homes e das mulleres do rural que foron os protagonistas indiscutibles da paisaxe e do territorio, e que coa súa actividade secular modelaron e crearon para nós os grandes escenarios, as paisaxes onde hoxe se move e come a fauna e a flora silvestres máis prezadas?
Coñezo a Jose Benito desde os oitenta...chapeau como profesional, chapeau como intelectual...un luxo para Galiza este Enxeñeiro de Montes...este home, polas súas cualidades profesionais e humana...pode traballar con calquera goberno...é un técnico...mais sobre a súa lealdade a Galiza...se algún escuro iñorante dubida...pregunatádelle a Ferrín! ;-)
Sr.Teixugo, non sei porque lares pace vostede. Pero se cadra non moi lonxe de Allariz. Por onde anda o boi ben puidese andar o teixugo. Vostede escorna. No canto de ser máis obxectivo, prefire a estratexia do boi: trupar contra o valado.Así lles vai.O Sr. Reza estivo catro anos; catro anos que dan para ben pouco se o que se quere é facer un traballar ímprobo,de alcance, como el quería.O Sr.Reza ten méritos e coñecementos abondo, poderíame dicir se ten vostede ese patrimonio intelectual? Dáme que non. Pero siga trupando,home.
Por Teixugo: Pois estás completamente errado. Dende logo nin son de Allariz nin de Ourense. Tiven a "sorte" de coñecer a este señor na súa etapa de D.Xeral e reitérome: non fixo nada, rodeouse de inútiles e vagos. Se ten tantos méritos destáqueme un par deles veña, e explíqueme cómo os aplicou de D. Xeral. Qué fixo? fixo algo? ah! si, a lei da paisaxe: unha burda copia na que el escribiu a introducción, levoulle catro anos, xa pode estar ben. E catro anos non dan para darlle unha volta ao país en biodiversidade, claro está, pero para facer algo si. E o de patrimonio intelectual é curiosísimo, en Galicia, un tipo escribe 2 frases seguidas e xa é un intelectual. Qué pobreza.
Pero este homiño qué di? catro anos de director Xeral, para qué? para que agora veña a dicir o que hai que facer? tivo a súa oportunidade e fixo un desastre de continuísmo rodeado de inútiles e vagos. Se tivera un mínimo de dignidade, como mínimo, estaría caladiño.
Vaia, os pobres paisanos van poider por fin edificar sen problemas na enorme cantidade de espazos protexidos que dispomos. Non nos enganemos a reforma da lei do solo é unha involución en toda regla. Facilitaransde os trámites, dende logo que si, pero iso será para que os alcaldes dean permisos sen garantías ambientais, dentro de pouco, duns meses, seremos máis conscientes da "engañifa" da reforma da lei do solo. A min o señor Reza meréceme respeto pero iso non quere dicir que neste tema a súa opinión sexa acertada. Xa nos farán caer da burra as reivindicacións e modificacións que van dar a coñecer nos próximos meses tanto alcaldes como a Xunta de Galiza. Ollo ao piollo...
non olvides que tamén reza era político ata hai ben pouco aínda que é certo que ten boa pluma e sabe do que fala. Se lle deixaran facer antes as cousas podían ser ben distintas
Nace en Celanova en 1956. Ex Director Xeral de Conservación da Natureza 2005-2009, Xefe do Servizo de Medio Ambiente Natural (Ourense, 1988-1997), Director dos Parques Naturais “Baixa Limia-Serra do Xurés” e Invernadoiro (1995-1999) e Promotor das propostas de creación das Reservas da Biosfera do Río Eo e da Internacional Gerês-Xurés (UNESCO) 2009. Tamén é membro fundador do Padroado “Curros Enríquez”, secretario do grupo Histórico-Arqueológico “Larouco” – Lugo, secretario da Asociación “Amigos do Couto Mixto” – Ourense e Vocal da Asociación Álvaro das Casas - Ourense. Ten publicado varios libros, entre eles “O Macizo Central Ourensán” e as biografías de Curros Enríquez e Arturo Nogerol Buján.
Galicia Confidencial 2011 | Contacto | RSS | Legal | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | BLOG | Co apoio técnico de dinahosting