A mensaxe que espallaron foi outra ben distinta: proclamar o orgullo de seren galegos na única acepción que ten a palabra, sen perversas reviravoltas. A oportunidade escollida para a súa publicación coincide coa agresión que o noso patrimonio cultural está a sufrir dun tempo a esta parte.
A empresa mondarizana recupera deste xeito o espírito que lle dera no primeiro terzo do século pasado a familia Peinador, nomeadamente Enrique Peinador Lines, o “Cónsul do romanticismo” como o chamara Xoán Carballeira. Entón, coma hoxe, a cultura galega tiña inimigos que tentaban desprestixiala e coutala. Ante aqueles desaforados ataques, Enrique Peinador, manifestaba nunha entrevista que lle facían en xullo de 1934 no xornal vasco “El Día”: “o galeguismo malia os inimigos que aínda ten a súa doutrina, inspira como falanxe intelectual o respeto dos máis encarnizados inimigos”. Tal coma hoxe; pasou o tempo pero perviven o autoodio e os inimigos da nosa cultura. Por iso é de louvar a actitude da dirección actual de “Aguas de Mondariz” publicando ese anuncio que estamos a comentar na defensa da nosa identidade.
“Aguas de Mondariz” súmase ao ronsel de empresas que en Galicia están incorporando a lingua galega ás súas actividades, na etiquetaxe e publicidade, nomeadamente, como están a facer as cento setenta adegas galegas que xa rotulan os seus envases na nosa lingua. O seu exemplo racha con tódolas argalladas e prexuízos lingüísticos que manifestan algúns; argumentan que a lingua galega é unha limitación para poderen colocar os seus produtos nos mercados internacionais. A realidade é outra ben desemellante: nos mellores restaurantes de París, Xapón, Londres, New York ou Sidney podemos atopar viño etiquetado no noso idioma onde gozan de enorme prestixio pola súa calidade. O mesmo estáno a facer moitas empresas de produtos agroalimentarios.
Dicía recentemente Ferrán Adriá, o reputado cociñeiro catalán, que Galicia ten os mellores produtos, pero que os galegos non sabemos vendelos. ¡Canta razón ten! Non somos quen de manifestarmos con orixinalidade e con orgullo de pertenza a unha terra con acusada personalidade de seu. Moitos empresarios aínda seguen a ocultar ou menosprezaren a lingua galega, un dos sinais máis preclaros da nosa identidade, na que se escribíu a mellor lírica medieval tan admirada polos paises cultos do mundo.
O Foro E. Peinador, que vén traballando arreo pola galeguización da nosa economía, está a constatar a permeabilidade dun amplo sector do empresariado ao discurso da galeguidade, feito que os consumidores deben apoiar. Sobre todo esa franxa social máis sensible ao feito diferencial galego. A eles, ás institucións públicas e entidades privadas -partidos, sindicados, asociacións culturais, etc…- que os representan, diriximos o noso chamamento apelando á responsabilidade de todos para que presten o apoio que lle cómpre a este proceso de reencontro entre a empresa e a lingua. E para que isto aconteza é preciso que os consumidores fagan uso responsable do principio de “a igual calidade, preferenza polos produtos etiquetados en galego”.Eis o reto. A regaleguización de Galicia é un obxectivo no que os fabricantes e os consumidores débense apoiar recíprocamente.
Xosé Glez.
Se tes problemas ou suxerencias escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.
pepe, non dubido da valía e o esforzo pero tamén facendo unha crítica honesta sodes un pouco pechados sempre os mesmos, como narciso enamorado de si mismo xa sabes que al bicarse afogouse. Sempre os mesmos, donde están as empresas do principio, as mulleres, pode parecer unha fermosa forma de caciquismo, eu o fago eu o tomo. Varela, Ledo, ti, mondariz balneario, o seu alcalde, o fillo do alcalde, Academia de ourense, algún xove avogado, empresarias que estiveron con vos, esquecicheas, por què o amor sempre os mesmos?
Por non importa: Creo que esta opinión está un pouco desnortada...aconsello que vexa a páxina "galeguizargalicia" para saber o alcance de todo o traballo que se está a facer desde distintos frontes e en distintos ámbitos. Xa non son os que di Vde. hai moita máis xente, novas incorporacións empresariais, novos membros na Irmandade Xurídica, novos proxectos de galeguización que engloban a un número importante, aínda pequeno, de persoas e entidades a prol da normalización efectiva e normal da nosa lingua na sociedade. ¡ese é o verdadeiro traballo! ese é o logro.
Recoñezo que o traballo de Pepe de Redondela é ímprobo e merecedor de toda louvanza. As empresas sumaranse pouco a pouco en canto vexan que os consumidores galegos optamos por galeguizar os nosos pedidos (non esquezamos que o empresario é un ser pragmático), e que mellor ocasión para amosárllelo que os 25 de xullo despois das manifestacións da Patria, os 17 de maio das nosas Letras, ou o Nadal consumindo produtos galegos, etiquetados en galego e feitos con orgullo de país.
Moi bo traballo o que realizades e moi importante a concienciación nas empresas galegas pero boto en falla un maior compromiso das empresas galegas coa nosa cultura, a nosa universidade ou os nosos medios, por exemplo, cos pequenos proxectos como este confidencial.
Director da revista "Lingua e Dereito". Presidente da Fundación dos premios da Crítica de Galicia. É secretario da Asociación de Amigos do Couto Mixo. Colaborador da Enciclopedia Galega Universal e asesor literario da editorial Ir Indo. Fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e da Asociación de xuristas en galego. Fundador da Fundación "Galicia Empresa", entidade que persegue a normalización da lingua galega no ámbito socioeconómico. É, ademais, fundador da Fundación "Lois Peña Novo".
Galicia Confidencial 2011 | Contacto | RSS | Legal | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | BLOG | Co apoio técnico de dinahosting