Debe ser así porque na medida que melloran e existen aquelas, hai máis posibilidades de instalación de empresas, de posibilidades para os emprendedores e, en definitiva, de creación de emprego, que é o realmente importante. Non esquezamos a necesidade de recursos humanos preparados e de outras condicións que vou obviar neste pequeno comentario.
Non é menos certo que estamos a vivir un momento de incertidume económica que trae “de cabeza” a todos aqueles que nos preocupamos e ocupamos do noso entorno social, por devoción ou por obrigación. As cifras do paro, o número de empresas que pechan, ou a mesma falta de confianza dos consumidores son datos negativos que temos a necesidade de resolver.
Pero aí é onde está a nosa esperanza. O Sr. Ministro de Fomento puxo en marcha o sábado un novo treito da autovía Lugo-Santiago, co que o 70% da mesma está en obras. Esta autovía é importante non só porque nos une coa capital de Galicia, senón tamén porque cohesiona o interior da Provincia e á Galicia interior e nos pon máis preto da fronteira, se é que existe a fronteira, portuguesa. Creo na euro-rexión Galicia-Norte de Portugal, pero deso xa falaremos noutra ocasión.
E tamén o venres se puxo en marcha no Concello de Lugo a folla de ruta para a nova estación intermodal, con un acordo de tres administracións. É moi importante o acordo porque significa que o Tren de Alta Velocidade chegará a Lugo no prazo previsto e para iso temos que ter preparada esa estación na que coincidan os trens e os autobuses.
Polo tanto dentro da incertidume temos suficientes datos para a esperanza e para crer no noso futuro. Non podemos caer no triunfalismo fácil pero tampouco na desilusión ou no que é peor, na resignación. Vivimos en Lugo uns momentos de traballo en común, de poñer o importante por riba do urxente, do acordo institucional, público e privado, que nos faga crer en nós e nas nosas posibilidades. Eu creo nelas e por elas traballo.
José L. Orozco
Se tes problemas ou suxerencias escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.
naceu nunha familia humilde e traballadora. Marchou estudar Filosofía e Letras a Salamanca e fixo os cursos de doutoramento na Universidade de Santiago. Está casado e ten dúas fillas.
Di que os seus amigos lle chaman Pepe, os alumnos (é profesor en excedencia no instituto lugués Lucus Augusti) chamábanlle Aristóteles. E debe ser porque é moi bo orador. E falador tamén, se lle pides que se defina nunha soa palabra, emprega tres. Considera que é bo amigo (os seus amigos confirman este dato), traballador (tamén confirmado) e un namorado de Lugo. Isto último queda patente se falas dous minutos con el.
No seu tempo libre pasea pola cidade, é doado atopalo pola Praza Maior ou na Praza do Campo, di que esa é unha zona que lle trae moi bos recordos, por alí saía cos amigos.
Orozco é un home sinxelo, tal e como aparenta. Os que o critican, din que é populista e para el é un orgullo que o consideren defensor dos intereses e aspiracións do pobo. Estar coa xente e traballar conxuntamente por mellorar a súa cidade, Lugo, é o seu soño. Cando Lugo mellora el é feliz.
Por iso recoñece que está contento e tranquilo, traballa no que lle gusta e iso manteno ilusionado na política.
Di que a súa maior preocupación neste momento é a difícil situación económica que atravesamos a nivel mundial, polo que non deixa de traballar para conseguir que os lucenses perciban o menos posible os efectos desa crise.
Para o Alcalde de Lugo a cidade mellorou en múltiples aspectos e iso, di, débese ao traballo conxunto de todos os lucenses.
Orozco ademais é un amante das novas tecnoloxías, o ordenador e calquera medio de comunicación coa xente da rúa é benvido no seu día a día. É un amante da liberdade de expresión, quere que a xente diga sempre o que pensa, esa é unha regra inamovible na súa vida.
Ri e chora coa mesma facilidade e vive a política coa relaxación que lle da a experiencia. O que non entende é que algúns políticos empreguen a estratexia da mentira para desprestixiar ao contrario. Di que el nunca foi así, sempre tratou de atopar algo bo na oposición.
Gústalle que a xente o vexa como unha persoa próxima, así é el, e di que só promete aquelo que pode facer, por iso fai o que promete.
"Non está todo feito" -repite sen parar- "por iso traballo sempre con ilusión, para seguir avanzando nun Lugo mellor, moderno e con igualdade de oportunidades para todos os seus veciños e veciñas". Forza e ilusión non lle faltan. O seu blog
Galicia Confidencial 2011 | Contacto | RSS | Legal | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | BLOG | Co apoio técnico de dinahosting