A actitude coherente e firme do BNG sobre o papel das Deputacións provocou reaccións que, por fin, abren un importante debate sobre a arquitectura administrativa deste país.
Neste último mes o BNG, unha vez máis, impulsou medidas alternativas diferenciadas para poñer couto a todo o que produciu esta crise económica. Trala decisión do Goberno Central de limitar, por Decreto, a capacidade de endebedamento dos concellos e, polo tanto, de deixalos en xaque, suscitouse o debate arredor da redución da administración para eliminar gastos. Nese contexto xorde a polémica sobre o papel das Deputacións. A iniciativa do BNG, de novo, pon riba da mesa a necesidade de suprimir tan obsoletas institucións e ir cara outra estrutura administrativa moderna e máis eficaz.
O noso discurso foi respondido con berros de incoherentes por PP e PSOE xa que estamos a gobernar en dúas e pedimos a súa disolución.
Xustamente aí é onde está a coherencia absoluta. Non por gobernalas (e ben, creo) imos abdicar da nosa posición sobre o asunto. Mágoa que a coherencia non sexa un valor en alza nos tempos que corren.
Os outros: uns a velas vir, uns a mangonealas
O debate subiu de amperios cando cargos socialistas (suponse que de alcurnia interna), tamén puxeron en dúbida a necesidade das Deputacións. Os socialistas que as presiden, pola contra, dixeron que nin tocalas. Isto si é incoherencia. Unicamente demostra que o PSOE avala nas súas posturas políticas segundo o vento, fundamentalmente por que xa hai tempo que as súas teses políticas deixan demasiados interrogantes abertos por aquilo de “haber que pasa”, e esa indefinición non é razoable en ningunha forza política.
O Partido Popular si segue ao seu. Co ánimo incombustible de seguir mangoneando as que gobernan e conseguir as que non. Iso si, isto non é por proxecto de país, beneficio de cidadáns ou outras benevolencias políticas. Non. É por que para o PP as Deputacións son feudos onde construír as súas “baronías” internas, e nelas facerse fortes utilizándoas sectaria e partidariamente, sobre todo en beneficio do presidente que toque. Véxanse os casos de Ourense e Pontevedra ou a ansiedade do presidente do PP lucense que ve que se non consegue afortalarse na Deputación de Lugo non conseguirá facerse forte dentro do seu partido, e iso no PP págase caro.
Outro edificio para administración local
Debemos camiñar cara unha maior racionalidade e eficacia, de tal maneira que as competencias, a titularidade de bens e a prestación de servizos que na actualidade exercen as Deputacións sexan transferidas, segundo os casos, á Xunta de Galiza ou aos Concellos e entidades supramunicipais (Comarcas, Mancomunidades, Áreas Metropolitanas). Ese debe ser un obxectivo fundamental do Pacto Local e non consolidar realidades anquilosadas e inútiles para os cidadáns e as entidades locais como son hoxe en día as Deputacións Provinciais.
As Deputacións veñen cumprindo un papel de simples intermediarios, xerando custos e complexidades que prexudican aos cidadáns e ás entidades locais.
Non deberían participar no Fondo de Cooperación Local, detraendo así os recursos destinados pola Xunta aos concellos, e tampouco asumir a prestación de máis servizos. Isto sería un despropósito e un anacronismo indefendíbel a estas alturas.
As Deputacións na actual configuración do Estado e na realidade política e territorial galega son institucións innecesarias que só terían certa xustificación como órganos de asistencia e asesoramento aos Concellos. Por iso, insisto en que as melloras no modelo de financiamento e as medidas de descentralización en materia administrativa e de servizos deben formularse, con racionalidade, entre a Xunta e os Concellos e comarcas e sen as Deputacións como intermediarias, coa interlocución da entidade representativa do municipalismo galego, a FEGAMP, e como lugar de análise, debate e aprobación o Parlamento galego, respondendo así á realidade do País e garantindo os principios de eficacia, eficiencia e calidade na prestación de servizos públicos aos que aquí habitamos.
Mentres tanto
Mentres este debate non desemboque onde debe: na definitiva supresión destes entes e a asunción doutro esquema administrativo situado no século XXI; transitoriamente deben executarse reformas que hai moito tempo se pensaron e nunca ninguén ousou acometer. A posta en vigor da Lei de Coordinación das Deputacións, parada no Parlamento Galego dende hai décadas e o Plano Único de Obras e Servizos tamén no mesmo estado. Só con estes dous instrumentos, estariamos evitando duplicar esforzos, gastos e competencias e dariamos un magnífico exemplo de coherencia, sobre todo os que se chaman a si mesmos todos os días “austeros”.
No BNG ímolo seguir intentando, con coherencia.
Antón Bao
Se tes problemas ou suxerencias escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.
O que dis da utilización partidista das Deputacións por parte dos baróns para o reparto de dividendos entre os concellos é completamente certo. E iso interesalle tanto ao PP coma ao PSOE. Agora ben, NUNCA esquezas que somos de esquerdas. ¿Que dixo Churchill cando o comezo da II Guerra Mundial? Que, de entre Hitler e o demo, quedaba co demo. Eu teño claro, na política actual, quen representa a Hitler e quen ao demo. Adiante, sempre adiante (pero con sentidiño), que Bóveda nos observa.
Con tanta COHERENCIA que a túa presenza é puramente CONTRADICTORIA! Facer política non é botar a lingua a pacer, Antón. Xa te pareces ao Pepiño Blanco que vai sacar ao controladores a ostias mentras mete a o exército a facer tarefas civís...! Coherencia é outra cousa!
Por fin, desde logo. A ver se desaparecen dunha vez. Por certo, entre os que critican esta proposta (ou entre os que critican a quen pide a súa desaparición) non escoitei ningún argumento a favor da súa permanencia.
Xa tiñan que ter desaparecido hai moito tempo. Aínda que o problema para ti é outro.O BNG coa tua candidatura e a axuda inestimabel da segunda da túa lista,Paz Abraira,vai baixar dous ou tres concelleiros e ti vas ficar sen posto, bo, ti e os outros que te acompañan nesa brillante, por ausencia, xestión á fronte da cultura provincial. Quo vadis?
Por Suso: Vaia, dicir que non houbo xestión da cultura provincial... ¿Onde estiveches este tempo? ¿Hibernando?
y si tan coherente eres, xq no renuncias a tu acta de diputado provincial o al sueldo que se te otorga?? xq eso de destruir desde dentro, me parece una pantomina de cuidad
Por Gamela: totalmente de acordo Emilio... este alucina de carallo... moita COHERENCIA pero para mañá pola mañá... non vaia a ser o demo... Vaia morro teñen algúns !!!
Casado con dous fillos.
Viviu na súa infancia e xuventude en Cruzul (Becerreá). Afincado en Lugo dende os anos 90.
Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa pola USC. Profesor de Ensino Medio.
Comeza a súa andadura política en 1999 cando encabeza a lista do BNG na candidatura de Becerreá. Concelleiro dende 1999 a 2007.
Formou parte da candidatura do BNG ao Parlamento Galego no ano 2001
No 2004 é elixido candidato número un para as eleccións ás Cortes Xerais pola provincia de Lugo.
Portavoz do BNG na Deputación de Lugo dende o 2005 ao 2007.
No 2007 forma parte da candidatura do BNG nas eleccións municipais no Concello de Lugo. Tras as eleccións obtén acta de concelleiro en Lugo e é elixido Deputado Provincial. Accede ao goberno da Deputación de Lugo como Vicepresidente Primeiro.
Dende o ano 2007 é tamén responsable Comarcal do BNG de Lugo e membro do Consello Nacional, máximo órgano de dirección do Bloque.
Galicia Confidencial 2011 | Contacto | RSS | Legal | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | BLOG | Co apoio técnico de dinahosting