O fiscal don Benito Montero

O Concello de Poio vén de nomear Fillo Adoptivo ao fiscal da Audiencia Provincial de Pontevedra, don Benito Montero Prego. Unha distinción que amais de oportuna téna ben merecida.

Por Xosé Glez. | Redondela | 01/07/2010

  • versión para imprimir

A acta que recolle o acordo plenario recoñécelle o seu deciviso labor para mellorar a situación da lingua galega no ámbito do Dereito, e nomeadamente no da Xustiza. Un eido no que están chantados os prexuízos lingüísticos que teñen as súas orixes nas facultades de Dereito nas que os futuros xuristas non teñen a oportunidade de coñeceren a historia dunha tradición xurídica que ten as súas raiceiras no século XVIII con personalidades tan sobranceiras como Villa-Amil e Castro, López de Lago, Pérez Porto, Fuenmaior ou Herbella de Puga, que fora Fiscal de Penas da Cámara e Intendenza e Relator da Real Audiencia, e que continúa, séculos despois, con Alfredo Brañas, Porteiro Garea, Peña Novo, González Pastoriza, Bouza Brey…unha escola que se moveu, no devalar do tempo, entre a defensa do dereito propio de Galicia e a lingua galega, que tiveron como sobranceiros valedores a Xoán Manuel Pintos e Portela Valladares, tamén fiscais.

Don Benito  Montero, que se autoproclama  herdeiro desa tradición xurídica galega, ten dedicado nos últimos vintecinco anos os seus esforzos a crear un movemento de xuristas comprometidos coa lingua galega; unha escola no sentido grecolatino da palabra,  que ten na Irmandade Xurídica Galega, da que el é un dos máximos dirixentes, a expresión máis xenuina desa escola.

Grazas ao seu exemplo hoxe son moitos os xuíces, fiscais e avogados, que se están a sumar á galeguización da actividade xudicial. A súa semente non caeu en ermo. Velaí como unha nova fornada de xuristas seguidores do seu exemplo está a agromar no País. Admiran de don Benito Montero ese profundo coñecemento que ten da antropoloxía galega tan necesaria para entender mellor as actitudes humanas sobre as que debe aplicarse a lei. Eses coñecementos servíronlle  para revisar o proceso penal a Curros Enriquez, magnificamente exposto nun orixinal relatorio que presentou no Congreso convocado polo Consello da Cultura Galega no ano 2000.

Don Benito Montero é un referente na historiografía da lingua galega. Participou en tódolos foros e congresos aos que foi convocado para presentar os seus estudos sobre o réxime xurídico das linguas; propiciou a publicación dos códigos penal e civil na nosa lingua por consideralos ferramentas imprescindibles para que os profesionais do Dereito se avezasen no uso da lingua; e respondeu con prontitude ás solicitudes que  lle fixeron para elaborar informes xurídicos para unha mellor comprensión do alcance da cooficialidade lingüística, e animou a outros a elaboraren propostas galeguizadoras.

A Corporación municipal de Poio atinou nomeando Fillo Adoptivo do Concello a este fiscal. Con tal distinción ráchase o vello costume de concederlle tales honores a persoas que nada teñen feito pola cultura galega e nomeadamente pola súa lingua. Don  Benito Montero ten ben merecida esta distinción, e o Concello de Poio hónrase por terlla concedida. O día 9 de xullo estaremos no Casal de Ferreirós para sumarnos á homenaxe.

Xosé Glez.




Comenta

Se tes problemas ou suxerencias escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe


Comentarios

3 comentarios
3

Xoana

¿e o correo da mañá?


2

Xoana

¿E o meu comentario?.


1

Xoana

É un loitador sen pausa, dende a súa persoa e dende o seu cargo, pola NOSA CULTURA, , e como fondo.......a bandeira azul e branca ó vento, loitando polo NOSO IDIOMA: O GALEGO.


Xosé González Martínez

Director da revista "Lingua e Dereito". Presidente da Fundación dos premios da Crítica de Galicia. É secretario da Asociación de Amigos do Couto Mixo. Colaborador da Enciclopedia Galega Universal e asesor literario da editorial Ir Indo. Fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e da Asociación de xuristas en galego. Fundador da Fundación "Galicia Empresa", entidade que persegue a normalización da lingua galega no ámbito socioeconómico. É, ademais, fundador da Fundación "Lois Peña Novo".