Día da Patria Galega

Ou Día de Galicia, que tamén se denomina así esta xornada dedicada á exaltación dos nosos valores identitarios.

Por Xosé Glez. | Redondela | 20/07/2010

  • versión para imprimir

Foron as Irmandades da Fala as que institucionalizaron  ese día grande de Galicia, que chegou a ter moita forza  nos anos da segunda república coa escenificación do  mitin das arengas na praza da Quintana nas vésperas do 25 de xullo.

Lois Peña Novo, un dos articuladores máis vizosos do discurso  galeguista definía o sentido daquela data: “O sentimento da patria debe ser un sentimento dinámico. Os pobos que consagran a súa historia como un dogma definitivo matan  tódalas enerxías renovadoras. Por iso a veneración dos nosos antepasados, homes ou ideales ou dereitos que dormen nos fríos cemiterios ou nas bibliotecas enterradas baixo o pó dos séculos, ou nos incunables comestos, só nos deben servir de alento para superalos para preparar o camiño ao exército descoñecido dos nosos fillos”.

Unha reflexión moi atinada. Abofé que si. Porque unha cousa é lembrar o pasado, fundamental para coñecer as nosas orixes, e outra ben distinta,  pensar no futuro cunha estratexía eficaz para incardinar a tódolos sectores da sociedade no proceso de regaleguización, fuxindo dos reiterativos rituais inzados de ineficaces ideoloxemas. Así non avanzaremos. A regaleguización do País implica unha actualización constante do discurso da nación, superando esquemas e comportamentos que só poden servir para consumo interno dalgunhas organizacións políticas. Nós representamos a continuidade entre o pasado que nos empuxa e o porvir que nos atrae.

Non abonda con perdírmoslles ás institucións públicas que protexan o noso patrimonio, e que incentiven e dinamicen políticas culturais. Teñen  obriga legal de facelo. Pero hai decisións que corresponden ao ámbito de autonomía persoal dos cidadáns. De aí que os galegos, individualizadamente, deberiamos ter claras unha serie de medidas que aviven e revitalicen o espírito galeguista no ámbito das súas actuacións privadas. Vexamos algúns:

Primeiro. Apoiar ás empresas que se identifican coa nosa cultura. Se somos coherentes coa defensa dos nosos sinais de identidade, debemos consumir produtos etiquetados en lingua galega. Velaí están os agroalimentarios e os viños. Sen patriotismo económico, dificilmente podemos avanzar na galeguización do País.

Segundo.- Intensificar a transmisión da lingua galega no ámbito familiar e nas nosas relacións sociais. Con pedagoxía e paciencia debemos galeguizar aos nosos. Para liberar un pobo, primeiro deberemos liberarnos nós.

Terceiro.- Sendo como somos un país de minifundios, de pequenos propietarios, témonos que esforzar por incorporar a lingua galega aos actos xurídicos documentados que recoñecen a propiedade (escrituras públicas) e a súa transmisión (testamentos) nas notarías.
Cuarto.-Proceder á rehabilitación da memoria lingüística dos nosos antepasados que están soterrados baixo lápidas redatadas en castelán. Reemprazalas por outras en galego, máis acordes coa lingua que usaron en vida os nosos defuntos. Un dato revelador: só unha de cada mil lápidas e  un 2% das esquelas publicadas nos xornais  están redactadas en lingua galega.

Quinto.- Establezamos o costume de agasallar libros en lingua galega.

O Día da Patria Galega é unha boa data para a remuda de hábitos culturais e de consumo. Despois da celebración das manifestacións e actos institucionais celebrémos o Día cun brinde, pero que sexa cun viño etiquetado en galego, por favor. Fagamos Patria.

 

Xosé Glez.




Comenta

Se tes problemas ou suxerencias escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe


Comentarios

6 comentarios
5

Rafa

Otro radical más disfrazado de moderado. Pero ya está bien de dar la monserga con el gallego, hombre. Al final el problema de todos los nacionalistas es que estais muy acompljados

1 resposta
1

Por unha de aquí: radicais sodes os que non aceptades que Galicia ten un idioma de seu e unha singularidade propia, que non é sectaria, que non é excluinte, que é, sempre, algo a ter en consideración pola riqueza cultural que aporta a súa cidadanía e aqueles outros que queiran aceptala. Ver na defensa da nosa Patria, do noso idioma e da nosa peculiariedade algo a destruir é de "pequenos mentais" de "radicais polo centralismo" de "ignorantes e escuros". A diversidade no mundo é fundamental para aceptamos como cidadáns da "aldea global". Non podemos ser todos iguais, planos, repetidos...debemos estar no mundo coa diferenciación que cadaquén posúe, sen estridencias, sen complexos e aceptando os feitos diferenciais sen miralos como enimigos públicos. ¡que absurdo pensar en pequeno! ¡canta mediocridade!


4

fagámolo como galegos

no momento en que o galeguismo pase de ser unha posse esnob a un acto conscientemente militante, as cousas serán diferentes, e para iso deberemos de enterrar ós nosos na lingua deles, preocuparémonos de levar para a mesa nas datas sinaladas cando menos un viño etiquetado en galego, preocuparémonos de que as nosas hipotecas estean escrituradas en galego, etc, etc. Sería unha revolución silente, pero mil veces máis efectiva que andar a dar grandes golpes no peito.


3

dacolá

Pois que razón ten este home, abofé que si. Se todos os que se din nacionalistas, galeguistas de pro, defensores da Patria, galegos de razón e corazón...se todos eses e esas -como non- fixeran o que se propón e que debería ser o lóxico, o correcto, ¡outro galo cantaría!. Nestes tempos de crise económica que mellor que tirar polo País, tirar pola nosa economía, pola nosa industria, polo noso en definitiva... e quen mellor para facelo que aqueles aos que se lles abre a boca proclamándose galegos ¡pois que se note rediós! consumamos produtos da nosa terra etiquetados na nosa lingua! recordemos aos defuntos en galego nos cemiterios e nas esquelas! fagamos as escrituras dos nosos bens ou calquera acto xurídico privado en galego! se todos facemos isto a cousa cambiaria para ben, estou seguro. Noraboa pola lección, é todo un honor lelo.


2

Carlos Montes

Magnífico artigo, Pepe. A miña noraboa.


1

agrimensor

pois si, paréceme boa teima, unha teima que, se a levasen adiante todos os que se van manifestar en Santiago, tería un efecto multiplicador e beneficioso para o país. Por desgraza, moitos dos que van a Santiago só perciben a galeguidade na "misa".


Xosé González Martínez

Director da revista "Lingua e Dereito". Presidente da Fundación dos premios da Crítica de Galicia. É secretario da Asociación de Amigos do Couto Mixo. Colaborador da Enciclopedia Galega Universal e asesor literario da editorial Ir Indo. Fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e da Asociación de xuristas en galego. Fundador da Fundación "Galicia Empresa", entidade que persegue a normalización da lingua galega no ámbito socioeconómico. É, ademais, fundador da Fundación "Lois Peña Novo".