Evitando a difamación, a prensa e os medios en xeral deben gozar e de feito gozan, en calquera democracia seria e avanzada, de plena liberdade para dicir o que consideren sobre os políticos, as institucións e as suas actuacións, é máis, este labor de control ao poder non é só admisible senón que é imprescindible porque xera un incentivo máis para que os políticos sexamos honrados e competentes, cunha prensa libre o nivel da política sube e cunha prensa maniatada o nivel da política baixa de forma directa e proporcional, só hai que ver o penoso panorama actual da política española para deducir que non temos unha prensa suficientemente libre.
A correlación está clara, a menor liberdade de prensa, menor nivel de gobernación e a menor nivel de gobernación menor riqueza, liberdade e benestar; eis o papel crucial dunha prensa libre. Como sabiamente deseñou Montesquieu, e o mundo anglosaxon foi quen de plasmar con grande éxito na prática, para evitar abusos do poder, este hai que dividilo en tres: o executivo, o lexislativo e o xudicial. Ademáis e fóra da estrutura institucional de reparto do poder, que en España, como xa se referiu noutros artigos, non funciona demasiado ben, hai un cuarto elemento que nas democracias avanzadas debe ser completamente alleo ao control dos tres poderes institucionais, para así poder exercer unha fiscalización pública do labor das institucións, e nisto como en tantas outras cousas, lamentablemente, non podemos situar a España nen a Galicia dentro do grupo das democracias liberais avanzadas.
Para Reporteiros sen Fronteiras, España está ubicada, na clasificación máis recente disponible correspondente ao ano 2009, no posto cuadraxésimo sexto (46) do mundo en liberdade de prensa empatada con Cabo Verde e Eslovaquia e, non só detrás de todas as democracias liberais do centro e do norte de Europa senón, detrás tamén de paises como Trindade e Tobago, Surinam, Namibia, Ghana ou Xamaica. Ademáis da situación actual compre tamén valorar a tendencia, non só saimos mal na actualidade senón que no informe máis antigo disponible na web desa ONG - www.rsf.org - o do ano 2002, estabamos no posto vixésimo noveno (29), como diria o outro, grazas a deus, vamos a pior. Dos estados da Unión Europea, só a Italia berlusconiana e España perden postos neste ranking.
No caso específico galego a situación é ainda máis bochornosa, o goberno autonómico de Fraga deseñou no seu día un sistema de axudas a fondo perdido aos medios de prensa, esta gran cantidade de recursos públicos cuxo único obxectivo era e é limitar a liberdade de prensa, estaba e está revestida de todo tipo de excusas peregrinas entre as que chama especialmente a atención o subsidio para a promoción do galego que se lle da a editoras que non usan o noso idioma máis que dunha maneira marxinal, estamos diante dun comportamento propio dunha república bananeira xa que, desde logo, nada parecido acontece nen en norteamérica, nen nos paises do norte do noso continente ou en Australia ou Xapón.
Este comportamento que non podo máis que calificar como de ataque á democracia é transversal ás tres forzas políticas do parlamento galego, catro son as vias que os tres partidos con presenza no noso parlamento usan para limitar a liberdade de prensa no noso País e as catro son fixadas e utilizadas dunha forma plenamente discrecional, teriamos en primeiro lugar os convenios, as axudas á promoción do galego, os subsidios a empresas xornalísticas e a publicidade institucional. En definitiva moitos millóns de euros anuais que proceden do peto de todos os cidadáns e empresas que pagamos impostos e que xeramos riqueza e que PP, PSOE e BNG malgastaron, malgastan e malgastarán, mentres continuen no poder, alegremente en asegurarse un trato de favor por parte dos medios a costa dos cidadáns.
Facendo gala da absoluta discrecionalidade destes subsidios, o goberno de Núñez Feijóo pechou en seco a billa aos medios afins ao BNG, que se habituaran a vivir a corpo de rei durante o bipartito, medios de comunicación que sobreviviron e medraron durante todos ou parte dos dezaseis anos de Manuel Fraga na presidencia da Xunta agora caen como chinches, cando os seus corpos xa estaban habituados a ir xantar ao Restaurante Vilas todos os días o rexime espartano que lles receita Feijóo non lles senta moi ben; GZ Nación, Vieiros, Chuza e A Nosa Terra que renuncia á sua versión en papel, forman parte deste efecto dominó nos medios de querencia marxista do País.
Que isto aconteza é inxusto, ainda que tamén o era o ben que vivian, a costa dos cidadáns, durante o bipartito, e tamén o é que teñamos doce ou trece xornais que repiten, con poucos matices, as mesmas opinións e informacións e que misteriosamente non sofren a crise nen o cambio de goberno na Xunta. Obviamente o Partido Popular non está guiado pola sua suposta e autoatribuida austeridade cando decide estes recortes, están guiados polo seu atroz intervencionismo antiliberal e liberticida, sinxelamente porque eses recortes non afectan á prensa que lles é afín, ainda que realmente non sabemos se lles é afín porque cren en como fan os conservadores as cousas ou porque o que paga, iso sí, con diñeiro de todos os cidadáns, manda.
Creo nunha prensa libre onde os editores e xornalistas sexan completamente autónomos e portanto creo na necesidade da non intervención das institucións públicas na prensa, só os cidadáns e os anunciantes privados poden decidir se as empresas, neste caso xornalísticas, son viables mediante as suas decisións de compra e de publicidade, se nos rebaixasen os impostos aos cidadáns na mesma contía do diñeiro que desvian discrecionalmente para impedir a liberdade da prensa, se cadra os cidadáns decidian comprar prensa coa renda disponible a maiores, o que é moi probable porque seria unha prensa moito máis atractiva, e se baixasen os impostos ás empresas, incluindo ás xornalísticas, estas encontrarían a sua rentabilidade máis facilmente e ademáis contribuirían a calidade da democracia e ao progreso social no canto de contribuir á fosilización dun status quo político que dificulta o desenvolvimento do noso País.
Supoño que non se fai nen se fixo porque para PP, PSOE e BNG unha prensa libre sería un problema porque pasarían de “controladores da prensa” a “controlados pola prensa”, cada vez vexo con máis claridade que o que é bo para esas tres organizacións é, en demasiados casos, malo para o País.
Carlos Vázquez Padín
Se tes problemas ou suxerencias escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.
Grande Artigo Sr. Padín. Vexo que hai moito chupa-botes por aquí solto, senón non se alporizarian tanto. Por certo, tódolos medios citados pódense clasificar como marxistas, ainda que iso é o menos importante do artigo. Gustariame saber se algún de vostedes pode refutalo. Saúdos
Por Miau: O que é irrefutable é que o tal Padín e CXXI sí son uns mindundis da política
Por Auw: Wau, ao que sen dúbida se pode clasificar como marxista por aquí é a ti. Pero dos de Groucho, evidentemente.
Por Wau: O Sr Padín só denuncia as prebendas e o clientelismo, mal do noso País, mais non a nengunha opción política como algúns comentarios pretenden facer ver. Non ten sentido defender nengunha opción política que empregue ditas ferramentas, mesmo para o suposto "ben do país". Esa incoherencia é contraria ao interese último de mellorar a nosa sociedade.
Señor Padín, en primeiro lugar quero dicir que son un nacionalista que defendo a necesidade doutra forza que aglutine unha opción máis centrista. Un partido que sexa quen de coller en clave realmente galega a votantes que oscilan entre un espectro de centroesquerda e centrodereita. Agora ben, creo sinceramente que con artigos coma este vostede non pode liderar un proxecto deste tipo. Moita ignorancia a respecto dos medios de comunicación e unha serie de preconceitos máis propios dun astrounauta madrileño que dun home que quere imitar unha CiU ou un PNV para o noso país. Que decepción.
E cando fala de "querencia marxista" destes medios aí vostede xa se autodefine de vez. Eu non sei cales son marxistas ou non, e seguramente non todos o son, pero o que está claro é que vostede ten unha teima especial contra iso. Váiao mirar, ho, se cadra é só cuestión de que o deixou unha moza comunista e xa se sabe que iso marca para toda a vida. Desculpe a brindadeira. :) Fóra diso, na teoría coincido con vostede, só que o problema do liberalismo é que non todo o mundo parte da mesma situación. E na prensa igual: a Voz conseguiu a hexemonía no franquismo e o problema do galego xa sabe vostede cal é, que non é parvo. É o que se chama discriminación positiva. Pero iso vai quedar para outro día. Un saúdo de todo corazón.
Prezado Carlos: Este artigo deixa ben ás claras a súa soberbia e a súa indocumentación. Escoitou algo de ouvidas e non para de repetilo, señor Vázquez, como se por repetilo se convertera en verdade. Se soubera algo do que fala daría datos das axudas aos medios do PP e do bipartito. Dicir que "medios afins ao BNG, que se habituaran a vivir a corpo de rei durante o bipartito" é unha barbaridade e unha inxustiza a todos os niveis, pois a algún dos que nomea o BNG negoulle até o pan e o sal, e -sacando GZNación- o resto tivo moita vida antes do bipartito. [E tamén me pregunto por que non define á Voz de Galicia como "medio afín ao PP", por exemplo.] [continúa]
Sr. Padín... comecei com ilussão vendo o nascimento do partido liberal CXXI. Acreditei mesmo que poderia ser um verdadeiro partido liberal (onde também acubilharam os liberais radicais)... Porém, falar de democracias liberais do "norte de Europa"... de quais fala: Noruega, Suécia, Dinamarca ou Finlándia? Precissamente os paradigmas do socialismo democrático com o mais alto tipo impossitivo do mundo! E que dizer ao qualificar ANT como marxista!! Quando o seu proprietário (S.José) deveria ser o paradigma de empresário a defenderem vocês! Efectivamente está a cair em demasiado discurso fácil, imprecissoes e demais erros que desvirtualizam o seu papel. Não é momento de criticar ou descualificar o resto: faça propossiçoes!!
Com certeza é un anacronismo que um líder liberal-demócrata como o Sr.Padín fale de marxismo a estas alturas do século 21. Mais moito mais anacrônico é que na Galiza actual manden uns señores que s sua proposta sexa levarnos a um “feliz” pasado fraquista-centralista que tanto dano fixo a nosa terra, e que aínda por riba lle pagamos a sua propaganda. E fora de toda normalidade é que a suposta oposición nacionalista estexa discutindo que socialismo( o do 19,20 ou 21) é mellor para conservar as suas posicións electorais. Por elo ainda sabendo os desgustos que provoca na nosa particular dirixencia o falar claro de CVP ,parabenizo a laboura de converxencia21 e penso que xá é a casa de todos os galeguistas nom marxistas da Galiza.
O que repatea, á parte das subvencións, é o que fala acertadamente Padín, os subsidios do galego. é unha vergonza, e tiámos que sair ás rúas como tolos a protestar por que gasten os nosos cartos no galego de FAro e La Voz
Por duar: Os galegofalante pagamos para sermos insultados, miña madriña isto e de tolos, sorte de ter bon lombo galego para aguantar.
É unha pena que Carlos deixe de lado no seu artigo (imaxínome que intencionadamente) o papel dos accionistas de dita imprensa e os partidos españolistas principalmente. O papel dos accionistas da Voz e Faro con membros destacados do PP e PSOE, con negocios comúns. Tamén boto en falta que se fale do papel que xogan sobre un poder que dista moitos das clases traballadoras nos discursos. Mentiras reiteradas, falsas verdades e todo xirando o redor dun españolismo capitalista rancio.
Meu,o dinheiro da xunta já vai para essas empresas oh. O nível de corrupçâo na imprensa española e as subvençôes por parte do estado para com elas é tremebundo, inimagináveis em qualquer pais minimamente democrático.O impostos que vos paga , vâo para as españoladas e as camapnhas e insultos contra nossa naçâo. Galiza, e os galegos,com a sua relaçao privilegiada co mundo anglo-celta e o Brasil(que fala o mesmo idioma que nós) nâo deve ter medo a se abrirem a libertade e o mundo, o perigo e a pobreaça a representa o castizo e corruto estatismo atual,Sejamos e pensemos como galegos
Por outro_para_Nemesio: Ía para o companheiro nemesio. Trabuquei-me ao pôr aquí.
Amiguiños, aquí o que montou Chuza di claramente que basicamente se financiaba de diñeiro público: http://www.youtube.com/watch?v=fbWm...
Por outrooutravez: O final do video diz que o 90-95% da sua publicidade era pública, uma magoa mas certo....
Fundador e Secretario Xeral de Converxencia XXI. Nado en Tui en 1973, licenciado en Ciencias Políticas pola USC e Master en Dirección e Administración de Empresas (MBA) pola Escola de Negocios de Caixanova. Ocupou postos directivos en Pemes e na actualidade dirixe o seu propio negocio.
Galicia Confidencial 2011 | Contacto | RSS | Legal | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | BLOG | Co apoio técnico de dinahosting