Este proceso debe darse de forma urxente: desprofesionalizar o exercicio da política, salvala dos “especialistas” e devolvela á rúa, ao pobo; e implantar a democracia participativa, para acabar co “desgoberno do público” (Alejandro Nieto), e confluír no bo goberno do público, que debera ser a máxima obriga do Estado.
Pero, nestes tempos, coa escusa da austeridade os que desgobernan o Estado cargaron contra toda a clase traballadora atacando os seus dereitos e coberturas. E, ao mesmo tempo, desde hai anos o inxenio capitalista aplicouse en ir recurtando competencias e en ir entregando pouco a pouco, sen moita publicidade, aspectos auxiliares dos servizos públicos a empresas privadas...cando deberan ser xestionados desde os funcionarios públicos.
A estratexia é ben sinxela. Primeiro, debilítase o servizo público para, cando estea en situación de degradación e ver que non pode cumprir co servizo, externalizalo e máis adiante privatizalo. Sen querer ser exhaustivos, podemos mencionar en Galicia aspectos da sanidade que caeron nesa dinámica (o servizo de cita previa; os procesos de rehabilitación de fracturas óseas; os servizos de radioloxía; etc.), da educación (os comedores escolares suplidos con política de cátering, o mantemento con diñeiro público dunha rede privada; o desvío de alumnado universitario á privada para a realización dos másters de profesorado por non querer asumir a demanda o sector público; ...), dos servizos sociais (eliminación dos plans sociocomunitarios; a xestión da dependencia...), por non mencionar as ETT’s, o transporte público, a xestión do lixo e da reciclaxe ou da auga. Unha boa mostra da privatización de dereitos.
Pero voume centrar nun absurdo que ten que ver co sistema educativo. Hai uns días tiven ocasión, unha vez máis, de escoitar que os nosos desgobernadores querían para Galicia o sistema educativo de Finlandia...Un auténtico absurdo que queda en palabrería carente de base, xa que o desexo non abonda. O sistema por completo debería cambiar para que iso fose unha realidade. E os que desgobernan o público, desde logo, non queren. Falan, nada máis, e posan para unha inmensa galería de fotos de salón.
Como sinala Melgarejo Draper un feito esencial ten que ver coa non identificación reducionista entre educación e escola. Isto quere dicir que en Finlandia as familias son conscientes de que elas son parte importante do proceso educativo (até un 55%, mentres que en España un triste 15% o pensa) e que o (sub)sistema escolar debe interrelacionarse de forma áxil e sana co familiar e co sociocultural. E todo debe ser “prestado” polo Estado: en Finlandia máis do 97% do sistema escolar é totalmente público. Non existe o criterio da rendibilidade económica cando se fala de educación. Nin se mercadea politicamente con ela. Está a salvo do mercado.
Todo está financiado de forma directa, en tanto que servizo público, co diñeiro que sae dos impostos directos. Unha recadación non sometida a amnistías de millonarias contas correntes en paraísos fiscais, senón que se aplica co criterio socialista da progresividade fiscal, onde quen máis ten máis contribúe, e o que menos, menos, pero absolutamente todas as persoas contribúen para que a gratuidade (até os lápices) da educación pública sexa realidade.
Non imos xa falar das enormes coberturas sociais existentes para conciliar vida laboral e familiar, ridículas ou case inexistentes en Galicia (xa que non se pode chamar conciliación laboral e familiar ao feito de recluír un meniño ou meniña durante todo un día nunha gardería de pago para que os pais e nais traballen durante todo ese día) ou das máis de 1900 bibliotecas públicas de acceso totalmente libre ou os 200 autobuses bibliotecas, ou o feito de que desde pequeniños se habitúen a ler na súa lingua ao ver a televisión xa que non se doblan as películas (así aprenden linguas estranxeiras ao mesmo tempo que desenvolven a súa competencia lectora).
Polo tanto, pedimos sinceridade: é imposible co que existe hoxe en Galicia e España chegar aos resultados de Finlandia no eido educativo porque antes deberíamos expulsar das nosas aulas ao mercado e a todos os criterios de rendibilidade económica. E aplicar medidas realmente socialistas para transformar os elos socioeconómicos que interrelacionan coa familia e coa escola.
Xabier Ron
Se tes problemas ou suxerencias escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.
Los políticos son muy malos malísimos... pero que sorpresa si el que habla pone la ficha que es de Izquierda Undida. Y además es todo un especialista en Filología románica... alea jacta est, gaudeamus igitur que cultura a tope con el Partido Comunista. Simplemente incoherente.
Por Partido Enchufar: hombre, para cultura a tope tenemos a los suyos del PP, no hay más que ver a Louzán, Baltar...especialistas en, en, en, bueno, usted ya entiende su especialidad (bueno, también entienden Feijoo y Maricónplejines, pero ese ya es otro tema)
Unha grande idea o da democracia directa, así poderiamos penalizar outra vez o aborto, o matrimonio homosexual e mesmo se me apuras penalizar o divorcio. Porque para que queredes decrocracia participativa se non ides a votar. Gañarían outra vez os de sempre que representan conservadurismo que nunha poboación envellecida é o que a maioría quere. Pero por sorte "de ilusiones vive el tonto de los cojones". Así que a soñar con ceos de 7 virxes para olvidarse dos problemas reais.
Moi nobres propósitos, Xabier, mais por que autolimitármonos apostando pola Democracia Participativa cando a tecnoloxía fai posible a Democracia Directa en todos os ámbitos?
Nado en Lyon (Francia), 16 de febreiro de 1970. Licenciado en Filoloxía Románica pola USC. Na actualidade docente de lingua francesa no CPI Pontecesures. Especialista na lírica dos trobadores románicos, sobre todo do cancioneiro galego-portugués, dos que versa a súa tese de doutoramente, en fase de elaboración. Activista político e social, milita no Partido Comunista de Galicia, sendo membro do Comité Central; é igualmente membro da executiva de Esquerda Unida, onde desenvolve a responsabilidade de Secretario de Movementos Sociais; coordinador comarcal de Esquerda Unida en Compostela. Vencellado ás reivindicacións do movemento migratorio de Galicia é membro do Foro Galego de Inmigración desde a súa creación.
Galicia Confidencial 2011 | Contacto | RSS | Legal | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | BLOG | Co apoio técnico de dinahosting