Rego (UPG) critica o papel de San José no peche da Nosa Terra

Nestor Rego, que foi tenente de alcalde no Concello de Santiago polo BNG, publica un interesante artigo en Terra e Tempo sobre a desaparición de A Nosa Terra en papel.

Por Galicia Confidencial | | 07/09/2010

  • versión para imprimir

Distanciándose en parte da versión ofrecida polo presidente d'A Nosa Terra Alfonso Eiré, que culpa a Xunta por reducir subvencións aos medios en galego, o militante da UPG sinala tamén á responsabilidade do feche que ten a dirección deste medio e o seu propietario, o Grupo San José.

Así, o político fai referencia a como entrada da empresa de Jacinto Rey no accionariado apuntando que "a vontade de 900 pequenos accionistas, que o eran en boa parte por compromiso político e por afán de contribuír á viabilidade do xornal e do proxecto editorial, ficou sometida ás decisións do novo propietario".

Rego tamén fai alusión as críticas lanzadas pola CIG e o Sidnicato de Xornalistas sobre a mala xestión da compañía. "De facto, a xulgar polo expresado por representantes dos traballadores, a decisión de cesar a publicación en papel podería terse evitado e talvez se evitase de corresponder adoptala ao conxunto dos accionistas que sempre impulsaron o proxecto". "En todo caso, unha operación que se presentou como garantía de afortalamento e continuidade do proxecto, acabou por resultar fallada", conclúe.

O ex-edil tamén critica o cambio de liña editorial do semanario tras a entrada en 2007 de San José e asemade critica a política de subvencións da Xunta de Galicia.

Os traballadores de A Nosa Terra levan máis de dous meses sen cobrar e a empresa anuncioulles a través da prensa a próxima presentación dun ERE.

Debido ao seu interese, reproducimos íntegro o artigo do ex-líder do Bloque en Compostela:


A situación pola que están a pasar as publicacións en galego ilustra ben as dificultades para manter medios na lingua propia do País, á marxe do poder, e que contribúan a unha pluralidade informativa tan necesaria como escasa.


Vimos de coñecer a noticia da desaparición -agardamos que temporaria- do semanario A Nosa Terra. Falar d'A Nosa Terra remítenos inmediatamente ao esforzo que historicamente fixo o nacionalismo por dar a coñecer a realidade de Galiza tal cal é, sen mistificacións nin manipulacións. Coñecérmonos é requisito fundamental para podermos axir politicamente, para conformármonos como suxeito político, mesmo para sermos capaces de exercer os dereitos que como nación nos corresponden. Non menos importante é a existencia de medios en galego para a normalización da nosa lingua. Aliás, nesta era de dominio do audiovisual, pola actitude activa que exixen do lector, as publicacións escritas xogan aínda un papel fundamental. Por ambas razóns é, portanto, unha moi má noticia o desaparecemento de xornais en galego.


En poucos meses foron cinco os medios na nosa lingua que deixaron de publicarse: a GZnación veu sumarse Vieiros, a rede social de difusión de noticias Chuza!, A Peneira e agora A Nosa Terra. Unha primeira reflexión, inevitábel, lévanos a constatar, máis unha vez, as enormes dificultades para manter medios na lingua propia do País, á marxe do poder e que contribúan a unha pluralidade informativa tan necesaria como escasa.


Céntrome n'A Nosa Terra polo que representou como cabezallo histórico, centenario, do nacionalismo galego e da defensa de Galiza e da súa lingua. Dicía estes días o seu presidente que nas súas páxina ficou plasmada a mellor Galiza da man do mellor da intelectualidade galega dos últimos 100 anos. E é verdade. Entre outras cousas, porque ANT foi ao longo da súa historia un proxecto colectivo, resultado do esforzo de moitas persoas. Foino cando naceu vinculado ao agrarismo e ao galeguismo. Foino como voceiro das Irmandades da Fala e despois do Partido Galeguista. Foino como portavoz da Galiza resistente no exilio americano. Foino tamén nesta última etapa, desde que botara a andar na rúa da Troia, en Compostela, aló por 1977.


Certo que neste período se formulou como un proxecto empresarial independente, mais mesmo así colectivo, concibido en función do avanzo da lingua e da consciencia do País. Como un medio comprometido coa causa patriótica, que contribuíse cunha información veraz e unha opinión crítica, contrastando coa información propagandística da imprensa do poder. Tratábase, aínda, de comezar a construír un espazo informativo propio, do que tan necesitada estaba a Galiza de entón e continúa a estar esta de hoxe. A ese proxecto dedicáronse recursos materiais e humanos. Dedicáronse inúmeros esforzos. O que aconteceu entón para chegarmos a este resultado?


A coincidencia na desaparición de cinco medios parece que nos debe levar a buscar en primeiro lugar causas xerais. De entre estas pega na vista a crise económica, que ten afectado de xeito importante a numerosas empresas de comunicación, mesmo das máis sólidas, un pouco por toda a parte. Tamén na Galiza. Na actualidade, grupos de comunicación asentados e que gozan do respaldo do poder están a pasar por dificultades económicas, quer que os reaxustamentos no cadro de persoal sexan feitos con toda a discreción posíbel e o brazo amigo non vaia permitir chegar a situacións límite. Parece evidente que a caída do mercado publicitario irá afectar en maior medida a pequenas empresas que xogan sempre no bordo das posibilidades económicas.


Unha segunda causa ten a ver coa volta do PP ao goberno e a adopción de políticas sectarias e antigalegas, tamén en relación cos medios que empregan a nosa lingua. O corte da publicidade institucional nestes medios e a redución ao ridículo da cuantía dos subsidios ás publicacións en galego tiveron, desde logo, un efecto negativo importante. Non se trata de asumirmos que medios de comunicación que son empresas privadas teñan que vivir do erario público, mais forma parte das obrigas legais da administración galega o apoio ao uso da nosa lingua, tamén na comunicación social. Aliás, é evidente que esta actitude contrasta poderosamente co xeneroso apoio económico que están a ter os medios en español afíns ao Partido Popular, especialmente aquel a quen debe compensar o contributo que fixo para recuperar o goberno, La Voz de Galicia.


Porén, Promocións Culturais Galegas, editora de ANT, semellaba unha empresa suficientemente consolidada como para poder resistir os embates conxunturais das circunstancias políticas e económicas. Talvez debamos fixarnos entón en decisións adoptadas non últimos anos, que mudaron o rumbo de ANT e con el a súa orientación informativa. A máis relevante, sen dúbida, a adoptada en 2007 -xusto no centenario- cando a Construtora San José se fai coa maioría das accións e asume o control da empresa.


De repente, a vontade de 900 pequenos accionistas, que o eran en boa parte por compromiso político e por afán de contribuír á viabilidade do xornal e do proxecto editorial, ficou sometida ás decisións do novo propietario. De facto, a xulgar polo expresado por representantes dos traballadores, a decisión de cesar a publicación en papel podería terse evitado e talvez se evitase de corresponder adoptala ao conxunto dos accionistas que sempre impulsaron o proxecto. En todo caso, unha operación que se presentou como garantía de afortalamento e continuidade do proxecto, acabou por resultar fallada.


Nada que dicir contra a aposta empresarial por medios de comunicación social en galego. Polo contrario, o problema do País é carecer dunha burguesía media comprometida co seu futuro que realmente aposte por construílo, tamén desde a información. Ora, o caso d'A Nosa Terra é un bocado diferente, xustamente por como foi concibido, xestado e desenvolvido, como resultado do esforzo colectivo, como a voz da nación en marcha. Por iso moitos lectores non entenderon -non entendemos- que se lle entregase o resultado dese esforzo colectivo, de tanta contribución altruísta, de tanto traballo -cantas veces militante- a un empresario, sexa quen for e por moi galeguista que for. E que con iso se entregase tamén boa parte da historia do nacionalismo exemplificadora do compromiso por levantar un espazo de información de seu.


Tampouco a nova orientación, encamiñada a alargar o número de lectores no ámbito do galeguismo, semella ter dado grandes resultados, entre outras razóns porque non hai campo real aí ao que se dirixir. En troca, boa parte dos lectores tradicionais, que contribuíran a levantar o xornal, sentíronse defraudados. Debilitouse, en boa medida, a identificación política e até afectiva que se ten con aquilo que é cousa de todos e por iso tamén responsabilidade de todos, fundamental para un proxecto destas características, que precisa de respaldo social, saír adiante.


Semella entón, que tería resultado máis útil, e tamén máis eficaz, que os esforzos por consolidar o proxecto e ampliar ámbitos de influencia e lectores se fixesen sen sacrificar os fundamentos do mesmo nin a claridade e coherencia da liña editorial coa que se refundara. E se fixesen, sobre todo, co espírito colectivo que informou o proxecto desde o seu nacemento.


En calquera caso, a situación dos medios en galego é ben ilustrativa da fraqueza do compromiso da pequena e media burguesía cun proxecto de futuro de seu para Galiza. Mais tamén das dificultades do nacionalismo popular por articular recursos e ámbitos de comunicación con capacidade de real influencia social. Porén, ese é un reto que o nacionalismo ten que continuar afrontando, na convicción de que a consolidación dun espazo galego de información e opinión é indispensábel para irmos asentando ao tempo un ámbito de decisión política que nos conduza a un futuro de liberdade.


É de esperar -e hai que traballar para iso- que as dificultades polas que están a pasar as publicacións en galego acaben por se resolver e vexamos recuperar nos quiosques ou no ciberespazo cabezallos que contribúan para a normalización da nosa lingua e para o coñecemento da nosa propia realidade. E aí debe estar A Nosa Terra, á que nos gustaría sentir novamente como un proxecto común da Galiza que non se resigna nin se rende.

 

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxerencias escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe


Comentarios

18 comentarios
8

DanielErreCe

Até onde eu chego, Eiré sempre foi un protexido e protector da UPG. Non creo que deixar ANT en mans de San José fose unha decisión individual de Pucheiro. O que pasa é que a UPG está empeñadísima en crear unha burguesía galeguista, está empeñadísima en converterse na Converxencia Democrática versión galega. Non entenden o marxismo, non entenden o capitalismo, non entenden nin o país que tanto din amar. Non se enteran de nada, por iso están levando o nacionalismo ao desastre.

5 respostas
1

Por Lobo: Non mezcles churras con merinas, ANT, efectivamente foi apoiada nun inicio pola UPG e moitos nacionalistas que non eramos de ese partido, pero dende a sua "nova" refundicion por D, Jacinto, Eire, etc. non ten ren que ver, que cada pau aguante a sua vela, pero neste caso como en moitos a UPG non ten culpa,

2

Por DanielErreCe: Se eu non lle boto a culpa, meu home, cada pau que terme da súa candea, si. Só vexo os resultados do control político da UPG. Pero estarán outra vez con tres deputados no parlamento e seguirán dicindo que a culpa é do imperialismo español, que os persegue nunha cacería implacable... Incompetentes.

3

Por Lobo: Home, pra competentes xa temos os demais, PPsoe estes si que valen, pois con un servidor que non conten, prefiro os "incompetentes " de direccion galega aos outros competentes, de direccion española, e con todo, saude

4

Por loba: moi ben, incompetentes pero nosos millor que competentes de fora... con dous coll***, "muera la inteligencia"

5

Por sorro: E seguen os discursiños parvos, ao estilo do Lobo manso, a facernos crer que os males veñen de Madrid e os españois, ou son obra do PP e PSOE toda desgracia que aconteza no noroeste ibérico, para así seguir engordando a catro trasvestidos que din ser patriotas e bla, bla, bla... Pois entre os catro están a UPG e o BNG de hoxe, os Eirés e os Pucheiros, como persoas distintas e un só deus verdadeiro. É evidente que a entrega de ANT ao grupo San José foi bendicida pola UPG, do mesmo xeito que venderon o vento a cambio do Xornal. E só poden dicir o contrario os que non coñecen como "traballa" a UPG, ou os que tratan de confundir (ladrando) para manter o chiringuito controlado pola farsa marxista-leninista que virou en dereita clientelar da UPG.


7

Confidencial españolista

Podíades ter a decencia de colocar un enlace co artigo orixinal. Que pasa como é unha revista da UPG xa non é da vosa corda pero si fóra da Coz de Galicia entón si que o poñedes. Sodes españolistas hasta la medula.


6

Corunhês

Mais do mesmo. Lamento que se fecha-se A Nosa Terra mas eu fui dos muitos que sempre esteve subscrito ainda que não a lia (não tinha nenhum interese). Porque a culpa é sempre dos outros é nunca se fala do pésimo jornalismo que se facia desde o dito jornal.Porque não estão caladinhos e deixam de dar que falar e se poem a trabalhar num meio riguroso de seguro que muitos voltaremos a comprar. O PP perdeu a Xunta e não fez victimismo para recupera-la. O BNG por meio do victimismo nunca a vai recuperar.

1 resposta
1

Por saña: Confundes amigo o victimismo de o director de ANT, co do BNG, que eu seipa nunca foi asi, o frente pode ter erros, pero de victima nada de nada,


5

perico

http://galizalivre.org/?q=noticia/0... Grande parte do galeguismo anda a botar-se as maos à cabeça pola desapariçom do centenário A Nosa Terra que chega trás a morte de Vieiros e Gznación. O presidente da editora Promocións Culturais Galegas, Alfonso Eiré Pucheiro, anunciou-na em declaraçons em numersos jornais como Públicoou Galicia Hoxe ( http://www.galiciahoxe.com/comunica.... De todas as entrevistas a Pucheiro desprende-se a mesma tese vitimista. ANT desaparece pola falta de apoio da Junta enquanto a empresa fará todo o possível para reflotar a cabeceira e defender os postos de trabalho. Este artigo demonstrará que Eiré mente.


4

Manu

É certo que a actual Xunta está traballando a favor da desaparición dos medios en galego, non se pode negar este punto en calquera análise que se faga. A parte disto, o caso de ANT é curioso, permitiu a entrada de capital dun grupo empresarial para así garantir a súa solvencia, e o que conseguiu foi perder a súa identidade, e o da solvencia económica... xa se ve.

1 resposta
1

Por Lobo: Estou pasoulle por arrimarse demasiado o CAPITAL, e chamuscouse


3

Pardo de Cela

No 2007 na xunta de accionistas de PCG non vin ao asinante do escrito. Si estaba o ex deputado do BNG Francisco Trigo, sendo o que máis se opuña a entrada do Grupo San José. Ao final, aprobouse a ampliación de capital. Onde estaban os que hoxe se queixan?


2

ocarallo29decompostela

os medios de comunicación tanto en galego como en castelan non deben estar pagados con cartos públicos, cando o estan perden o norte, e decir son teledirixidos po los que mandan nese momento e manexan os cartos publicos. o pp sabe de eso e aproveita a sua forza neste campo, mesmo o BNG estaba a facelo cando tiña poder na Xunta e o PSOE de Emilio intentouno, pero non supo presionar como fan os demais partidos, asi lle foi a el e a os seus. o BNG, como ben se di aqui tiña como minimo 5 medios mais ou menos afins, por o menos eran de corte nacionalista e supoño que apoiados economicamente desde a conselleria de cultura, creo que non digo nada que non se sepa, loxicamente o pp en canto pudo esmagounos, pero algune pensaba que o PP deixaria a maquinaria da esquerda lista para dando fixera falla.

1 resposta
1

Por Eden: Totalmente de acordo co seu posicionamento e ademais, se ANT sobreviviu tantos anos sen axudas da Xunta, agora non é desculpa para botarlle toda culpa ao PP. Tal vez sería mellor que moitos que se chaman nacionalista, se mirasen o embigo e pensen porque nin tan sequera estaban subscritos.


1

tordoia

No que concordo plenamente é no espazo que se lle ofereceu desde ANT a persoas do PP que non tiñan, nen sequer desde a sua posición partidaria, absolutamente nada que achegar a ningún debate. Un dos casos máis repugnantes, para min, era ver á co-responsábel do PRESENTE desmantelamento dos Servizos Sociais Galegos, a grande intelectual e polígrafa galeguista Susana López Abella, escrebendo panfletitos copiados-pegados da web FAES en ANT.

2 respostas
1

Por Eue: E tamén o espazo de columnista concedido a Luís Lamas, que se adicaba a insultar maleducadamente ao nacionalismo e socialistas, por resumir. É amigo de Eiré, e actualmente presidente de SOGAMA. Unha das burradas da nova ANT, que non lle valeron para gañar lector ningún, nen sequera un bo trato da xunta pepeira. Roma non paga traidores...

2

Por sara: Un que foi suscritor e puxo cartos do peto para manter ANT hai unha década, recomendaria ao Eiré que agora pida axuda da Susana, do Lamas, do Baltar junior, do Barreiro e de tantos outros da súa corda -pois non enganemos a ninguén: Eiré é a dereita, e os que se suman ao carro clasista, pura e dura-, e agora que o usaron xa non o queren. Un vendido, agora vai de vitima.