A reforma laboral

O informe feito público recentemente pola Fundación CEL – Iniciativas por Lugo con información estatística sobre a realidade socioeconómica das comarcas de Lugo, revela datos interesantes sobre o desenvolvemento de distintos sectores económicos e a evolución sociolaboral lucense.

Por Antón Bao | Lugo | 09/09/2010

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

Relevancia ten que dende 2007 a 2009 a taxa de paro en Lugo se incrementara nun 4%, situándose na marca máis alta nos últimos 5 anos. Relevancia ten que desapareceran 189 empresas. Relevancia ten que en 9 anos, de 2000 a 2009, se pasara de 56 mil persoas ocupadas na agricultura a 24 mil, un descenso de máis do 50%. 

Isto é salientable pois é exemplo paradigmático do fracaso flagrante do sistema de economía establecido. Ese sistema que dedicou os seus esforzos a ampliar sensiblemente os beneficios do capital, deixando ao pairo a estruturación dun sistema estable de economía baseada nos sectores produtivos e na creación real de emprego.

Os datos de Lugo indican como foi o sector servizos onde unicamente medrou exponencialmente o número de ocupados pasando en 9 anos de 60 mil a 82 mil. Isto non sería negativo, senón fora por que o crecemento do sistema foi claramente desequilibrado. Medrou o sector servizos, pero ao mesmo tempo diminuíu a actividade no medio rural, cando este forneceu historicamente os alicerces da economía lucense. Agora, nunha situación de desmantelamento xeneralizado, a ausencia dese piar fundamental delimita con maior gravidade o futuro. Ningún país desenvolvido desatende a produción agro – gandeira,  ningún país desenvolvido deixa en mans de terceiros a produción de alimentos.

Perante isto, o goberno galego debería ter reaccionado aplicando políticas de recuperación a medio e longo prazo, de xeito que se invertera esa tendencia no sentido de apostar decididamente por recuperar emprego nos sectores lácteo e gandeiro, base indispensable da economía lucense. Desafortunadamente non é así. Da Xunta de Galiza neste asunto, coma noutros, nin se sabe, nin se espera, cando tiña ferramentas creadas (chámese Banco de terras, UXFOR, etc.) polo anterior goberno galego e concretamente  pola Consellería de Medio Rural, que sentarían as bases de estratexias de futuro  para a nosa agricultura na produción e no emprego. Lamentablemente aí si estiveron rápidos para enterralas ou desmantelalas.
A reforma laboral: “outra vaca no millo”.

Permítanme a expresión coloquial para definir as consecuencias que a recentemente aprobada reforma laboral vai supoñer no futuro laboral lucense.
Os datos que ofrece o informe Lugo en cifras da Fundación CEL, indica que as modalidades de contrato no ano 2009 en Lugo foron fundamentalmente os eventuais e os de obra e servizo. En total de ámbolos dous, 43308 contratos. Se lle sumamos as interinidades e os contratos en prácticas chegamos aos 52 mil. Os indefinidos e os de fomento de emprego reducíronse en case novecentos. Este é o tipo de emprego que predomina en Lugo.

Conclusión: non era necesaria ningunha reforma laboral. Xa os modelos establecidos no mercado laboral camiñaban inexorablemente cara aos contratos precarios, cara a empregar fórmulas que facilitaban o despedimento, cara sistemas onde o protagonista non era para nada a creación de emprego estable.
E agora, máis e mellor, unha reforma laboral para debilitar a posición de traballadores e traballadoras e seguramente para que o próximo informe de Lugo en cifras, reflicta unha situación máis preocupante se cabe.

En definitiva unha ofensiva máis do capitalismo. A dereita europea, a dereita española (a real e a disfrazada) reconstrúen o edifico do capital sobre os ombros das maiorías sociais, das traballadoras e traballadores. Reconstrúen o edificio cos mesmos materiais pero aínda máis sólidos.

Velaquí por que as políticas de emprego reciben o nome de “mercado” laboral. Mercado convértese na palabra común para definir todo, mesmo a situación dos traballadores, transformados así en mercadoría. E a mercancía neste mercado tamén se transforma en diñeiro.

Velaquí que sen revolta dos e das traballadoras pódese, producir unha involución dos dereitos laborais logrados en décadas. Detrás dos recortes da reforma laboral oficial, a do goberno, irá a dos convenios colectivos das empresas. Aí está o perigo. Por iso, a folga xeral convocada debe ser un termómetro importante de cómo parar as políticas involucionistas e de cómo buscar alternativas máis xustas.

Antón Bao




Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe


Comentarios

8 comentarios
5

Pindo

Menos mal que aínda nos quedan as Deputacións para colocar ós nosos


4

paco

Ningún problema, en Lugo non hai que queixarse. Antes era Cacharro o grande colocador, os que se axoenllan diante da súa figura son recompensados. Agora temos un novo goberno provincial, onde o articulista ten parte, e se es sumiso a Gato Soengas -o señor de Monterroso- gañas beneficios, e se es da UPG que capitanea o Bao, comes quente e estas liberado do traballo. Seguimos igual de ben, o clientelismo é o dono de Lugo, e por riba non temos dereito a queixarnos (son os nosos os que gobernan). Felicidades Bao, mágoa que se está rematando a lexislatura e parece que non recuncades (mágoa para a vosa barriguiña, que moitos dos que hai catro anos apoiamos ao BNG non nos pillaredes de novo). Felicidades pola continuidade caciquil, e unha aperta para os asesores de cafetería aos que teredes que procurar outro choio.

3 respostas
1

Por cacharreiro: menos mal que en Ourense, A Coruña e Pontevedra non hai eses problemas de caciquismo

2

Por monte alto: Na Cruña repartense entre os biopartito os postiños, e cando se precisa mandan un asesor para lugo (de ferrolterra, para máis señas). E desde Ourense mandan, tamén para Lugo, a mesma irmá de Quintana "traballar" para a deputación. Estades emporcados, así que ide recollendo o que sementastes miserables aprendices de caciques do BNG!

3

Por Nambuangongo: Cala, Paco, que che vão chamar traidor e antipatriota. O sistema caciquil não o combatem (vivem dele), combatem quem o denuncia. Perderam o bipartito, e agora ainda continuam onde podem com a mesma merda, e sem fazer nenhuma oposição ao extermínio feijoísta porque acreditam que os imos sentar outra vez no poder como «mal menor» alternativo ao PP. Hoje estão no «quanto pior, melhor» colaborando com a destruição.


3

Cubano

A solución da UPG: chamar a Fidel para que arranxe isto...


2

Próculo

Ti si que non tes problema no mercado laboral á vista do teu currículo!


1

MacBert

O problema está precisamente na desmobilización das forzas produtivas. Dá a impresión de que, en xeral, xa lles vai ben o capitalismo selvaxe. E non descartemos que moitos empresarios favorezan o éxito da folga xeral con tal de sacar ao PSOE do goberno. É para que se faga mirar: cando o socialistas españois teñen que defender os intereses dos traballadores sempre optan polos intereses da patronal. Pero xa se sabe que a patronal prefire o PP. En fin, veremos os resultados da folga, pero vai ser moi difícil que o Goberno Zapatero recúe, porque a forza sindical tamén está en retroceso polos históricos cambalaches e renuncias. En fin, neghro, neghro.


Xose Antón Bao Abelleira

Casado con dous fillos. Viviu na súa infancia e xuventude en Cruzul (Becerreá). Afincado en Lugo dende os anos 90. Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa pola USC. Profesor de Ensino Medio. Comeza a súa andadura política en 1999 cando encabeza a lista do BNG na candidatura de Becerreá. Concelleiro dende 1999 a 2007. Formou parte da candidatura do BNG ao Parlamento Galego no ano 2001 No 2004 é elixido candidato número un para as eleccións ás Cortes Xerais pola provincia de Lugo. Portavoz do BNG na Deputación de Lugo dende o 2005 ao 2007. No 2007 forma parte da candidatura do BNG nas eleccións municipais no Concello de Lugo. Tras as eleccións obtén acta de concelleiro en Lugo e é elixido Deputado Provincial. Accede ao goberno da Deputación de Lugo como Vicepresidente Primeiro. Dende o ano 2007 é tamén responsable Comarcal do BNG de Lugo e membro do Consello Nacional, máximo órgano de dirección do Bloque.