Instruccións para un bo tertuliano

De pequeno quixen ser vaias cousas. Primeiro piloto. Logo, a miopía adiantou o segundo: xornalista. De terceiro pedinme padrino da Mafia. Sempre tiven problemas para escoller así que houbo un tempo en que quixen tirar polo camiño do medio: ser tertuliano. Non un calquera, un de verdade, un profesional deses aos que lle pagaban (e ben, segundo meu pai) por largar a tuti plen.

Por Diego E. Barros | Santiago | 29/12/2010

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

Pasa por xornalista, gaña tanta pasta coma un piloto traballando aínda menos e podes perdonar a vida dos demais sen correr o risco de acabar como Al Paccino, co traxe perdido de sangue nas escaleiras da ópera. Preguntei que carreira había que estudar para converterse nun deses señores capaces de solucionar a crise financeira ou recomendar remedio eficaz para curar a gripe de entretempo, todo polo mesmo prezo. Para ser coma o tío Paco nas comidas da familia mellor queda na casa, dixo miña nai.

Ao final, o máis preto que estiven dun tertuliano foi velos pola tele cando aínda tiña a manía de ler o xornal todos os días como quen agarda pola fórmula da pedra filosofal, na busca de algo novo baixo o sol. Apréndese moito. Cal universo Marvel, pódese dividir aos tertulianos en heroes e viláns. Entre os primeiros, o meu favorito era Doc (polo científico tolo de Regreso ao Futuro), un tipo máis ben maior, de melena branca con tendencia a alporizarse tanto que parecía que ía partir o espacio e o tempo para mudar de época. Perdinlle a pista a Doc. Entre os segundos destacaba unha tal Curri, máis que un nome unha carta de presentación, coma as etiquetas das vacas.  

Conven saber que os tertulianos son unha especie relativamente nova. Foron extendendo o seu hábitat e das radios, en horas nas que as rúas nin sequera están postas, pasaron a ocupar televisión co mediodía como horario de esplendor. Foi unha traslación da realidade, un exercicio de xornalismo a pe de rúa que diría algún. Basta con achegarse a calquera bar á hora do vermú e poñer a orella. Aparecen tertulianos en cada curruncho, facéndolle a competencia aos entrenadores de fútbol. Aí está a canteira. Os tertulianos comezaron a proliferar aló polos noventa, coa primeira ondada de canles privados. Tiveron certo punto de novidade, que mesmo un podería chegar a preguntarse de onde saira tanto xornalista se había nada que estreáramos eso de falar en liberdade.

Pero en España sempre fomos moi rápidos.
Os tertulianos resultaron ser especies invasivas e como estas chegaron para quedar. Política, relixión sexo, corazón, hai un amplo habano de posibilidades. Igual que o mexillón tigre cada certo tempo ameaza con acabar coa especia autóctona de auga doce polo simple movemento de quítate ti para poñerme eu, coa segunda ondada de televisión, o alumeamento das TDT, o tertuliano está a piques de fagocitar calquera outro contido que lle faga sombra. O exemplo máis palpable é esa canle que todos sabemos pero que ninguén ve (caso contrario dos documentais de natureza) aínda que todos sexamos quen de manter unha conversa sobre a derradeira saída (aquí hai preferencia pola escatoloxía) dalgunha das súas estrelas.

Cando as novas canles de TDT comezaron a aparecer escoitei a alguén dicir que sería bo para a profesión. Raro, pensei, tratándose dun oficio ao que as novidades estanlle a sentar coma un tiro no pe. Bo para a profesión, dícía aquel, porque suporía unha pluralidade de medios onde agora (por antes) non a había. Bo para a profesión, repetía aquel, porque vai haber máis postos de traballo para a cantidade de xornalistas que están sen nada.

Chegaron os resultados e a pluralidade viuse traducida en proliferación de trincheiras desde onde disparar ó enemigo atrincheirado na outra beirarúa. Canto máis lume, mellor. Sae barato e o espectáculo está asegurado. Nada que obxectar se a tele é espectáculo, o mesmo dá nunha mesa que baixo un edredón. Non sei se hai máis postos de traballo. Sei que hai máis postos de precarios, sobre todo nas novas televisións que puxeron en práctica a teoría que os vellos medios desenvolven coa política de becas de formación: xornalistas de facto (aínda que non o son) a prezo de saldo e eternamente reemplazables. Calquera pode realizar unha tertulia, o difícil é montar unha boa reportaxe.

Como boas especies invasoras, foron os tertulianos quen gañaron dos cambios no sistema. Moitos que antes eran invitados na tertulia de outro, agora, teñen a súa propia xa que será por canles. Sempre son ademais, os mesmos, só é cuestión de repartirse polas mesas.

O terceiro fenómeno estase a desenvolver arestora. Consumada a invasión chegou o contaxio sen necesidade sequera de introducir un parásito no novo hábitat. Se nas orixes, os tertulianos eran (ou semellaban) xornalistas agora canto máis loxe da profesión se atope o tertuliano, mellor. Escritores, toureiros, piratas (con parche mellor), etc. Ate un ex banqueiro condenado por baleirar un banco. Quen mellor para analizar o estado da economía actual. Sabios para todo, capaces de pontificar e de crear opinión igual que o crego o facía desde o púlpito.

Non pensé, leva tempo, escoite ou vexa unha tertulia. Se non lle gusta hai outra. Se non lle valen os meus argumentos, teño outros aínda que careza da graza de Marx, Groucho, non me vaia tomar por comunista. Barra libre para todos e, sobre todo, para todo. É a liberdade que dá cobrar por insultar, pola mañán aquí, pola tarde acolá e mañán desde un xornal. Hai que facerse valer para non correr o risco de seren substituidos por outro tertuliano sen mordaza. Nese caso convertirase en ex tertuliano, por aburrido.

Como converterse en tertuliano hoxe? Aí vai o caso práctico: ela é una guarra (léase puta, non prostituta, parece o mesmo pero non o é) porque fala de educación sexual aos nenos e el un ladrón ademais de asasino porque fala cos amigos dos asesinos.
Non esqueza que ela e el son intercambiables, como os tertulianos.   

Diego E. Barros



Diego Espiña

Diego E. Barros (Forcarei, 1979) é xornalista. É licenciado en Filoloxía pola USC e en Xornalismo pola Carlos III de Madrid e ten un master en Estudos Culturais pola Western Michigan University. Anda a voltas cunha a tese doutoral sobre Banda Deseñada e Xornalismo polo que, tras o paso por varios medios galegos, agora só escribe, o que nos tempos que corren, non é pouco.