Santos de 1976: por que o conflito e que sucedeu realmente

O 4 de outubro, xa ceibados os militantes nacionalistas detidos contra o verán, xúntase o Secretariado Político da UPG en Compostela.

Por Xurxo Martínez | Vigo | 12/02/2011

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

Algúns dos presentes son Pepiño, Pedro Luaces, Francisco Rodríguez e López Suevos. Estes tres últimos redactan un documento titulado “Sobor da xuntanza da Secretaría Política do 4 de Outono” onde se afirma que en determinado punto da orde do día (o correspondente ao Consello e ao PSG) acéndese o debate deica chegar a suspensión da xuntanza con fortes acusacións e xestos virulentos. Escriben: “faise clara a actitude constante de autoritarismo, liberalismo e menosprecio ós seus camaradas de que constante e abertamente fai gala este individuo [Pepiño]” e sinalan “O compañeiro V. [Vicente, que é García Crego] é testigo presencial diste feito”.

As conclusións que sacan son: “é imposible manter unha relación orgánica mínimamente estable e fraternal cunha persoa [...] que incide na marcha orgánica do Partido de maneira negativa” pero a máis notábel que deixan para o final di: “este compañeiro presenta hoxe e dende hai meses un estado anímico, ó noso ver, perfeutamente clínico e anormal, o que se traduce na mistura dun suxetivismo exacerbado”. Engaden aínda máis: “Somentes un individuo nunha situación de anormalidade síquica ou con esprito individualista pequeno-burgués”.

Ante este panorama, Rodríguez, Luaces e Suevos presentan a súa dimisión do Secretariado Político ao secretario de organización (García Crego). Até aquí non hai discrepancias ideolóxicas, tan só queixas pola actitude dun camarada.

A resposta de Pepiño chegou nunha circular datada o 18 de outubro. Arranca co recoñecemento dun trato desconsiderado polo cal “seguiríalle, pola miña parte, a autocrítica correspondente”. Mais deseguido entra na cuestión política de fondo: o CFPG e a relación con PSG e MCG. A súa postura: había que agudizar as contradicións destas organizacións pero ter paciencia. Os outros tres compañeiros porfían e acaban por argumentar, segundo escribe Pepiño, que están fartos del, que está mal da cabeza e que controla o CC. Isto provoca a seguinte interpretación: “Esisten ó meu xuicio razós fundadas pra pensar que o motivo foi escollido, gratuitamente, como anillo ó dedo, pra catapultar outras ouxeciós, que correutas ou non, son de competencia dunha xuntanza do Cúmio Central”. Isto é, a crítica non nace no Secretariado senón que xa viña dun CC ao cal non asistiran nin Luaces nin Rodríguez e, que unha vez aprobado, pretendían reabrir o debate. Ese debate era o Consello, con todo o que hai detrás.

Ás acusacións de tipo persoal retruca a “sona de histérico” que ten Rodríguez (lembrando unha xuntanza en Madrid de Coordinación Democrática) e as actitudes agresivas de Luaces e Suevos na AN-PG.

Pero, contra o final, Pepiño pregúntase sobre estes ataques “hai acaso cámbios de liña?” e se “detrás de todo isto hai, no pior dos casos premeditación, e no millor, equivocación”.

Denantes da xuntanza do CC os tres camaradas opostos a Pepiño distribúen un documento titulado “Manifesto ó Cumio Central da UPG”, que posteriormente se ampliaría e publicaría coma Canle nº9. Tiremos retallos deste escrito.

Cun ton de misticismo histórico (“responsabilidade histórica”, “non se pode presentar a historia dun xeito lineal, negando o carácter dialéctico”, “A historia da UPG é unha longa historia de combate firme”…), inicia o manifesto solicitando aos membros do CC que discirnen a amizade, méritos ou fidelidade persoal da realidade (eles nunca din realidade política senón a realidade dunha percepción subxectiva a respecto doutra persoa) posto que iso “é nistes intres un liberalismo peligroso pra unidade do Partido e pra marcha do MNPG”. Tamén, dirixíndose aos camaradas, engade: “Moito máis grave é deixarse ir con ‘cantos de sirea’ seudoesquerdistas na percura dunha falsa ‘caza de intelectuais’ que somentes sirve para agachar, niste intre, o autoritarismo unipersonal, o caudillismo político”.

Deseguido hai un recoñecemento do traballo político da UPG (CFPG, AN-PG, mobilizacións de Xove, Quiroga, Monforte…) e unha certa “comprensión” dun “malentendido centralismo democrático” que permitía que as decisións fosen tomadas por poucas persoas que destacaban pola súa antigüidade e méritos. Pero neste 1976 xa non era aceptábel esa actitude que aseguran se volveu aínda máis agresiva e humillante cos militantes. Comezan os ataques a Pepiño.

O primeiro deles é “confundir, no nome do que il chama o seu ‘curriculum’, a súa persoa coa UPG, a súa persoal apreciación e actuación coa da UPG, as críticas que se lle fan como intrigas contra a UPG”. Xunto a isto súmase: “as súas actitudes, os seus montaxes teatrales e, tamén, desgraciadamente, o seu carácter dictatorial e absorvente e o seu ‘carisma’ entre certas persoas, impiden na realidade unha libre espresión das opiniós dos compañeiros”.
Chégase a dicir que membros do CC non votaban en contra das teses de Pepiño “pra non levar unha bronca tras dun ataque de histeria”. Máis adiante: “O Partido está diluido e ó mesmo tempo, tele-dirixido polo ‘jefe’, frente a un temor, abstención, plegamento ou concepción feudal […] de moitos de nós, de todos nós, do cal o CC debe facerse honestamente unha autocrítica colectiva”. A isto Pepiño contestaría con retranca preguntando se os camaradas “son tontos” para non retrucar as súas opinións. Mais dise que logo das actitudes agresivas de Pepiño había un “paternalismo (consultas, xuntas especiales, aceptación de certas críticas e respostas cando xa non tiñan valor de tales).

Continúa o ronsel: “Esta situación ven acompañada de práuticas liberales a nivel persoal ó marxen da propia discipliña. […] A isto vense acompañar unha clara situación de inestabilidade síquica aguda”. E segundo todo isto levou a “unha UPG paralizada, perdida a iniciativa política, desinformada, desartellada, mediatizada por iste compañeiro” (isto dise co Consello vivo e a construción da alternativa sindical a debate).

A Pepiño, o único militante nos tres organismos de dirección (CC, CE e Secretariado Político) defíneno como “o autoritarismo, o menosprecio, a soberbia enmascaradas con actitudes de seudosinceridade e paternalismo”, “o orgullo ferido” ou “o maquiavelismo intrigante”.

Chámase ao CC a tomar unha decisión firme fronte a Pepiño para evitar que se enquisten as eivas que produce a súa actitude na UPG. Por iso solicitan que se deixen á marxe os méritos, a recoñecida entrega e valía posto que por diante está o correcto funcionamento interno que “Oxe, con toda gravedade, a posición désta persoa é un oustáculo pra unidade da UPG. Divide e non xungue. Esclerotiza e non axiliza. Diluie ó Partido e non o consolida. A responsabilidade histórica do CC é moi grave”.

En defensa dun pluralismo e democracia internas e “cun esprito autenticamente comunista” propoñen veladamente (no texto nunca se cita a palabra) a expulsión de Pepiño. A proposta que faría García Crego de apartalo da dirección á espera da súa autocrítica e ‘”reeducación” non vale arestora porque, ao seu parecer, tivo tempo para facelo e non o fixo.

Pecha o manifesto con esta convocatoria: “O CC tén a palabra. E tén a responsabilidade histórica da súa decisión. A unidade real da UPG, o seu carácter marxista-leninista, o futuro do MNPG están en xogo. Tén que ser capaz de superar a tentación do esprito de ‘carisma’ e o feito do temor. Unha crisis, que non pode plantexarse en términos de diverxencia ideolóxica sobre LIÑA POLÍTICA [as maiúsculas son do orixinal]”.

Quixemos colocar nun parágrafo aparte algo que acabamos de ler. Reparemos con moito ollo nesta afirmación polo de determinante que se volve trala expulsión de Pepiño: “Non hai crisis ideolóxica no seo do CC; non hai discrepancia de liña política no seo do CC; non hai social-demócratas, niste intre, no seo do CC. Si hai crisis de orgaización no seo do CC e da UPG; si hai crisis pra manter o esprito marxista-leninista na estrutura da UPG, a posición ortodoxa no seo da UPG; si hai un combate sin cuartel contra o autoritarismo, o persoalismo, o monopolio político, o esprito ‘carismático’, a caricaturización dos cumios a nivel directivo; si hai loita contra un camarada que pretende encarnar á UPG”.

Con esta escena de tensión interna chega o CC do 7 de santos de 1976, celebrado en Vilagarcía de Arousa. Algúns dos temas a tratar eran o anuncio de reforma política de Adolfo Suárez e a redefinición que debía coller o nacionalismo, os campos de acción da AN-PG e do CFPG, creación de grupos de estudo que asistan aos organismos… Pero iso quedou á marxe para ir, devagar, provocando o debate arredor da figura de Pepiño.

Tras un longo debate, que tiña como principais actores a Rodríguez, Luaces (o fiscal protagonista) e Suevos fronte a Pepiño, votouse finalmente pola expulsión, feito que acabou aprobando o CC malia haber unha abstención (Porriño, Xoán Carlos Rodríguez, quen estivo tamén exiliado en Porto) e un voto en contra (García Crego). Pepiño retiraríase da xuntanza. García Crego queda para discutir outra alternativa á expulsión propondo o afastamento temporal dos organismos de dirección e a reeducación. Ao ser desestimada esa idea decidiu abandonar a sala.

Consumábase así o triunfo duns e a derrota doutros; o triunfo dun xeito de facer política vía ataque persoal e a derrota do debate ideolóxico.

PS. O último capítulo desta serie de artigos sobre a crise de 1976 na UPG, e por mor da súa extensión, pódese ler nesta ligazón:
http://omarmuriodaonda.blogaliza.org/2011/01/26/as-diferenzas-ideoloxicas-na-crise-da-upg-en-1976/

Xurxo Martínez




Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe


Comentarios

2 comentarios
2

Xurxo

Como está xa publicado o último artigo (pinchando nesa ligazón) calquera pode atopar coas conclusións finais. Coidei que era o último artigo (onde formulo varias diferenzas ideolóxicas entre uns e outros) moi extenso e non acaería ben nun formato de xornal dixital (e estes anteriores xa lle chegou). Por iso quen queira ler pincha na ligazón. O serial continúa, aínda que sexa no blogue. Obrigado


1

ferrolterra

"Consumábase así o triunfo duns e a derrota doutros; o triunfo dun xeito de facer política vía ataque persoal e a derrota do debate ideolóxico". Collemos de aquí. "Eis unha transformación histórica que puña fin a unha filosofía política. Comezaba unha nova historia na UPG, unha teorización diferente e unha progresiva sectarización que marcou a ferro o nacionalismo deica chegar aos nosos días". Anotamos de alí (omarmuriodaonda). Non entendemos os motivos da ruptura do serial, cando menos resume as conclusións. Reflexión final: 30 anos son moitos para un dirixente, chámese Mubarak ou dígase Paco Rodríguez. Xa non falamos de éxitos, só por decencia (a democracia aquí conta pouco).


Xurxo Martínez González

Xurxo Martínez González naceu no barrio de Coia (Vigo) en 1984. É licenciado en Filoloxía Galega pola U. de Vigo e publicou a tese sobre o xornal La Oliva (1856-1857). Publicou estudos de diferente materia (La Oliva¸ Martín Sarmiento, Villar Ponte, Luís Soto...) en revistas como A Trabe de Ouro, Grial, Glaucopis. Boletín do Instituto de Estudos Vigueses ou en Arraianos. Colaborou en Vieiros.com, dende 2006 até o seu peche, n´A Peneira, Novas da Galiza e Altermundo. En 2007 publicou Fuco Gómez (AGER) e en 2011 sairá do prelo Luís Soto. A xeira pola unidade (Edicións Xerais). Preside o Colectivo Cultural A Nave das Ideas (http://anavedasideas.blogaliza.org/) e é autor do blogue O marmurio das ondas (http://omarmuriodaonda.blogaliza.org/)