O problema e a oportunidade política de Tui

Pese a todos os esforzos do señor Louzán, na cidade miñota, seguiremos a ter tres candidaturas “populares”, é o que sucede cando unha organización política como é o Partido Popular se convirte nun conglomerado de intereses político-económico de índole persoal, no momento en que ese partido non responde aos intereses persoais dos seus integrantes estes non dubidan un segundo en irse do partido e competir aparentemente con él, en aras precisamente desa persecución de intereses persoais.

Por Carlos Vázquez Padín | Tui | 29/04/2011

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

En Tui temos un exemplo paradigmático de como ese comportamente se repite unha e outra vez, o señor Rocha e o empregado das suas promotoras, xenro e actual candidato do PP, Moises Rodríguez (1999), o señor Capón (2003, 2007 e 2011), o señor Diz Guedes (2007) e o señor Prada (2011) presentaronse en candidaturas independentes cando o PP deixou de ser un instrumento ao seu servizo persoal pero todos eles están desexando voltar ao partido sempre que os seus intereses volten a ser satisfeitos, o cal demostra ás claras que non existe diferenza ideolóxica ou de principios algunha, isto supondo que esa organización teña principios, xa que o feito de que os seus integrantes se vaian e volten con tanta facilidade é quizá a proba máis palmaria da falta de principios de calquera tipo de boa parte dos integrantes do Partido Popular. Nada se lles pode reprochar a Patricia Ricón ou a José Ángel Villaverde por cambiarse unha vez finalizado o mandato do PP ao grupo de Capón, no primeiro caso, e facer o camiño inverso no segundo, realmente eles non notan o cambio e os demais tampouco.

Outra característica deste problema é que pasadas as eleccións é seguro que, se precisan os seus votos, se senten a falar e que nesas negociacións o interese de Tui non apareza por nengures, neste sentido se votar ao PP ou ao señor Prada (que se presenta baixo o paraugas dunha das tres pachangas do “centro galeguista”) o 22 de maio é un suicidio para o noso concello, votar á candidatura do señor Capón é un deporte de risco por varios motivos, en primeiro lugar, a experiencia demostra que os concelleiros do señor Capón en moitas ocasións non lle son fieis, o cal non pode extrañar a ninguén porque siguen a lóxica “popular” do interese persoal, podemos lembrar o caso de “Rato” de Ribadelouro ou de Alfredo de Caldelas, en segundo lugar o grupo do señor Capón apoiou durante este mandato ao señor Rocha, aprobándolle os presupostos durante dous anos, que é a votación clave nun concello, ademais de votar tamén a favor do Plan Xeral que ataca frontalmente os intereses dos viciños do rural ao diminuir a edificabilidade de moitas zonas para aumentar a mesma nos terrenos que lle convén ao señor Rocha, o caponismo xustificase dicindo que negociaron contrapartidas pero a verdade é que ese apoio produciuse en temas moi pouco claros, como o caso Macoca (presupostar case 700.000 € e gastar realmente algo máis da metade), e que ese apoio só se produciu mentres Capón negociaba o seu reingreso no PP, foron portanto, unha vez máis, os intereses persoais, neste caso políticos, os que guiaron a actuación do señor Capón Rey.

Isto non pasaria da categoria de análise politolóxica se non estivesemos a falar do partido político que, polo de agora, logra elección tras elección o apoio maioritario dos tudenses, o que convirte este feito nun grave problema político para Tui, como demostra o noso evidente e grave estancamento político, social e económico; estancamento que despois de vinte anos de goberno ininterrumpido do PP ou dalgúnha das suas escisións (1991-2011) ten un culpable claro, vinte anos despois encontrámonos nunha situación moi deteriorada na que os gobernantes municipais usaron desde a moción de censura do 1998, a administración pública local como unha plataforma para fomentar os seus negocios privados, é dificil non ver que detrás da paralización urbanística de Tui están os intereses urbanísticos do señor Rocha e do seu clan político-familiar de negocios ou o clarísimo abultamento dos presupostos do Plan E ou que as obras fanse mal a propósito para que a mesma empresa volte a “arranxalas” cada poucos meses.

A situación é tan simple como dramática, o concello está en mans dunhas poucas persoas que conciben a política como un instrumento persoal, nomeadamente económico, e non como un medio para mellorar a calidade de vida dos cidadáns e de momento, os malos, os inmorais, os faltos de escrúpulos e principios, gañan por goleada, o 22 de maio teremos unha oportunidade de cambiar a situación, como me dixo unha persoa de moita fe hai uns días, “en Tui neste momento votar ao PP é pecado” e ainda que os votantes poderán escoller entre seis candidaturas duas son as opcións nitidamente diferenciadas, a opción do “clan” ou a opción da democracia, da liberdade e do progreso que representa Converxencia XXI.

Desde que dixemos que nos presentariamos en Tui son varias as cousas insólitas que aconteceron o que demostra o papel dinamizador e moi positivo que podemos chegar a xogar no concello cando sendo unha opción extrainstitucional xa provocamos acontecementos como por exemplo que a ata daquela inoperante oposición institucional comezase, ainda que timidamente, a facer o seu traballo, que por primeira vez na historia da democracia os tres lideres autonómicos de PP, PSOE e BNG presenten ao seu candidato en Tui, que o PSOE suspendese á sua agrupación local, sin razóns obxectivas merecedoras dunha medida tan drástica, suspendendo de dereitos (pero non do deber da cota) aos seus afiliados, que a Xunta aprobase un Plan Urbanístico case igual ao que non merecera a aprobación dos conselleiros Cuiña e Feijóo (PP) e Caride (PSOE), que despois de catro anos de paralización sin explicacións (como denunciabamos o verán pasado co reparto de 6.000 folletos) o concello concedese finalmente a licenza á operadora R e que despois de trece anos sin mover un papel o PP comezase a tramitar o Plan Especial do Casco Histórico.

Non é Converxencia XXI a única causa destes acontecementos cuxo mérito tamén se lle pode atribuir a outras instancias da sociedade civil como “Intra Muros”, “Tui Rogos e Preguntas” ou a “Asociación Arcebispo Lago”, pero como mínimo é unha das máis importantes, a candidatura dos señores Rodríguez e Rocha (PP) encarna o problema político de Tui e Converxencia XXI a sua grande oportunidade, o vindeiro 22 de maio a transformación que tanto precisamos en Galicia cara os estándares democráticos, de liberdade e de progreso do centro e do norte de Europa comeza en Tui, Vigo, A Coruña e Santiago e pasa pola entrada nos concellos dunha opción seria de centro liberal galeguista e europeista.

Carlos Vázquez Padín




Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe


Comentarios

22 comentarios
  • Páxinas
  • 1
  • 2
  • 11

    thats men

    Calros, e na tua lista levas a alguén ex po PP? Queridos lectores que vos parece iso? critica e logo resulta que vai na lista con EX PP, que por certo non foron nin a presentaçon da candidatura. Increibel, mais certo...

    1 resposta
    1

    Por Xan: Os mentireiros do diario El País que publicaron esa nova, xa pediron perdón por terse equivocado. Ten coidado do que lees e do que difundes. Apertas.


    10

    terminator

    saña, nom parece que o sintas muito. Em todo o caso, sem dar-che nem tirar-che a razom, isso vai depender mais do trabalho da gente de CXXI e da recepçom do eleitorado galeguista/nacionalista que está farto das posturas e imagem radicais do BNG que do que tu opines. O tempo dará ou quitará razons.


    9

    saña

    O sinto pero vades durar menos que un chupa-chups a saida dunha escola.


    8

    Porco Jones

    Parabéns e moita sorte Padín! Non son liberal, pero un feixe de galegos honestos e preparados poden ser un maná neste deserto de análfabetos e coruPPtos...

    7 respostas
    1

    Por CranioF: Ves como os liberais merecen a pena, Jones? Escoita a bastantes militantes do teu odiado PP e verás como non só os hai en CXXI. O problema de moitos que escribides aquí é que só vedes a parte mala, e metédelos a todos nese concepto. ¿P.ex., Xesús Palmou non che parece un bó politico?.

    2

    Por Porco Jones: Non, ninguma persoa que milite no PP é nin será un bó político. Non se pode ser un bó político e militar numa organización corrupta e antidemocrática que ademaís ataca con sanha toda cultura alhea a Madrid (especialmente a nosa). Hai que diferenciar, non hai nada malo en ser de dereitas, pero ser do PP é pouco menos que un delito.

    3

    Por CranioF: Xa sei que aquí, no foro, conta moito botar fora o malo leite, pero se aparcas tanta xenreira e pensas e escoitas, verás que sí hai bastante xente que merece a pena no PP. E decepcióname que creas iso de atacar a toda cultura non castelá. Hai moita xente no PPdeG que ama a cultura e o idioma galego. Creo que foi o anterior conselleiro de cultura cando Fraga que se queixaba de que en Madrid non entenden que defender o propio non se trata de ningún ataque ao común. Eu estou moi satisfeito de ver toda esta xente implicada, en Madrid que pensen o que queran. ¿Que tamén os hai tipo Gloria Lago, que por enriba de ter razón -na miña opinión- no da elección de língua, nótaselle claramente un desdén ou mesmo enquina cara o galego? Sí, pero nin son moitos nin van evitar que todos os demáis queramos igualar o nivel da nosa língua co castelán. Aí estamos.

    4

    Por Porco Jones: Espero que esteas no certo. De tódolos xeitos, agás con algún tolo (que tamén os hai) ata tendo as ideas maís afastadas, hai lugar para un debate sano e respectuoso, tí amosalo cada día. Uma aperta.

    5

    Por CranioEstrañado: De verdade non entendo... Un día son un tontarrán, un non-sei-qué-, non son claro, son errático e incongruente, e agora me louvas. Pois as miñas opinións xa as coñeces. É que non che entendo, omnívoro colega. Outra aperta de volta.

    6

    Por Porco Jones: Non ten que ver uma cousa coa outra, sigo a pensar que es errático e incongruente, pero tamén das argumentos (que mais das veces non comparto) e sempre de xeito respectuoso.

    7

    Por alf: Cranio, non creo que a cavernícola gl teña razón no da elección do idioma...os idiomas non se poden elixir así como así...son bens comúns e goste ou non aquí temos dous oficiais e hai que aprender os dous...non sei en qué porcentaxes...máis haberá que facer un esforzo polo Galego que é o propio e perde falantes de xeración en xeración. Saúdos!


    7

    Luis

    Parabéns polo novo proxecto. Son galeguista socialdemócrata. Votei a candidatura de Bugallo en Santiago. Nestas teredes o meu apoio. 300 votos serán moito mellores para que o verdadeiro galeguismo se consolide e anime que 200. O voso candidato en Santiago escoiteino en Santiago TV e pareceume un home moi competente e claro. E viva a nosa bandeira galega, que os bloqueiros rexeitan. Alégrome polo camiño que iniciastes.


    6

    Luguês

    Tui só terá futuro se os tudenses querem. Se votam C.XXI terá futuro. Se votam ao PP ficarám estancados no passado. E toda auga que apoza xa sabemos o cheiro que tem.

    1 resposta
    1

    Por Roel : Lugués. Ultimamente, e non tan ultimamente véseche pouco. En todo caso unha aperta.


    5

    Roel

    Moito ánimo e adiante! Galeguismo e nacionalismo,dende calquera esprectro político, pero defensores de Galicia e dos galegos. Duas ferramentas moi necesarias nesta Terra de galegos vasallos de todo o que veña de Castilla e renegados que prefiren vela morrer ca defendela. O camiño para o galeguismo de centro será difícil, pero si sodes honestos e perseverantes tedes un futuro prometedor. Non cometades o erro de vincularvos ou aliarvos co PP porque entón defraudaríades e estaríades acabados. Adiante galegos o porvir é noso, o amor á Mátria é o noso sino.


    4

    moscacojonera

    Demonicemos al rival, a ver si así pillamos algún voto miserable. Política-basura.

    2 respostas
    1

    Por xan: Home, eu non máis partidario dos que fan as súas propias alternativas que dos que falan mal dos demáis. Converxencia XXI fala mal dos outros e se cadra se pasa pero motivos ten dabondo, a diferencia cos demáis está en que fai propostas serias e non se adica unicamente a botar merda por riba dos demais.

    2

    Por Porco Jones: moscacojonera, non se pode "demonizar" a un DEMO, o único que fixo o Padín é exponher feitos que todos conhecemos. O governo da nosa terra está nas mans dun fato de GANGTERS


    3

    meurei

    Eu votareivos na Coruna. Todo un descubremento o novo Marcos Lema. Si senor


    2

    xan

    O cambio non é únicamente necesario no Concello de Tui. Converxencia XXI representa a miña derradeira esperanza na política galega. Animo a xente que lle interesa a política de centro galeguista que lle bote unha ollada ao seu programa e coñeza aos seus integrantes, todos xente nova e con formación universirtaria. Moita sorte.


  • Páxinas
  • 1
  • 2
  • Carlos Vázquez Padín

    Presidente, fundador e concelleiro en Tui de Converxencia 21. Nado en Tui en 1973, licenciado en Ciencias Políticas pola USC e Master en Dirección e Administración de Empresas (MBA) pola Escola de Negocios de Caixanova. Ocupou postos directivos en Pemes e na actualidade é autónomo. O seu blogue é http://carlosvpadin.blogspot.com