Proxecto xornalístico e proxecto político

Todo proxecto xornalístico é ontoloxicamente un proxecto político, en primeiro lugar porque todo é política e así debe ser reivindicado, pero sobre todo porque o xornalismo implica sempre unha toma de posición na xestión dos asuntos públicos e unha delimitación do punto de vista que se deita sobre a realidade. Porén, asistimos moitas veces a proxectos xornalísticos que sofren unha excesiva supeditación a unha función preconcibida de creación de marcos de significación ou de conformación da opinión pública ao abeiro dun proxecto ideolóxico.

Por Marcos Pérez Pena | | 13/08/2011

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

Matino nestas cousas a respecto dun fío de comentarios, punzantes coma adoito, de Arume dos Piñeiros falando do peche da edición impresa do Xornal. Arume pregúntame “non cres que tanta insistencia en ocupar un espazo político (esa cousa bourdieuiana case) impide ao tempo desenrolar un producto de eficacia probada?” e considera que no Xornal “era demasiado evidente o carácter de lobby ou think tank indisimulado que tiña: a creación dunha (medio) burguesía galega e galeguista capaz de vertebrar o país”. Considero, así o dixen en varias ocasións, que o Xornal era un bo produto xornalístico e que se ben é certo que no seu intento de representar de xeito coherente á maioría social que en Galicia vota a PSOE e BNG e á gran masa que pensa en clave de país nalgún momentos se lle vían as costuras, o discurso ideolóxico non era forzado, non máis que en El País, Público ou ABC.

Pero interésame o debate sobre a autonomía do proxecto xornalístico no que tamén entra Alberto Quián nun magnífico artigo publicado onte:

O que temos ante nós é un problema de xestión empresarial e xornalística, enmarcado ademais no contexto dunha crise económica global, dunha crise sectorial do xornalismo que vén xa de longo e do que algúns chaman a burbulla mediática, na que teñen moito que ver eses empresarios alleos ao mundo da comunicación que meten as súas gadoupas no sector para as súas intrigas políticas e empresariais (non hai pan para tanto chourizo, ou o que é o mesmo, non hai mercado para tanto traficante de información), e os partidos que auspician proxectos de comunicación sectario

E Alberto conclúe poñendo o foco no que tamén ao meu xuízo é a clave: o que conta é o proxecto xornalístico, a calidade do produto. E ninguén pode pretender que un medio de comunicación se sosteña con axudas institucionais; se chegan, benvidas sexan, pero no deseño inicial hai que concibir unha cabeceira sustentable á marxe delas:

Ningún xornal pecha por falta de subvencións e, no caso de que isto se producise, deberiamos entender que se trata dun negocio deficitario e unha fraude xornalística. Os medios pechan por falta de público, por falta de ingresos publicitarios, por malas xestións empresariais, por
operacións especulativas, por aburrimento dos seus propietarios... O ominoso é crear unha empresa xornalística privada coa idea de vivir das axudas públicas e de favores políticos.

Os erros do Xornal


Faríamoslle un fraco favor ao Xornal e a un posible xornalismo alternativo se agora creásemos nel un fermoso cadáver. Os cadáveres nunca son fermosos, morren despois dunha enfermidade ou teñen restos de metralla na pel. É obvio que á marxe das presións políticas ou da posible cicatería ou cegueira do que debería ter sido o seu público obxectivo, o Xornal tiña eivas xornalísticas que limitaban o seu atractivo perante os posibles consumidores, en boa medida motivadas polos sucesivos recurtes no cadro de persoal até chegar ao mínimo que podía sacar cada día unha cabeceira á rúa.

É importante ter unha visión clara da estrutura da prensa galega (singular e complexa polo dominio que seguen exercendo nos seus ámbitos locais ou provinciais cabeceiras históricas de propiedade familiar, coa conseguinte importancia das ligazóns políticas cos poderes territoriais. E ademais cunha competencia falseada polas axudas públicas aos medios afíns), e tamén os mecanismos sociopolíticos que determinan os hábitos dunha suposta comunidade lectora ideoloxicamente afín. Porén, a iso, que é importante, hai que sumar un algo máis, que determina o éxito ou fracaso dun proxecto.

Podemos discutir sobre a liña política, sobre a lingua empregada ou sobre a debilidade dalgunhas seccións (sigo pensando que nas outras cabeceiras galegas estas seccións se cadra máis febles: españa, mundo, deportes…, non teñen máis calidade cás do Xornal). Podemos falar tamén dunha sección de opinión confusa e inconsistente por momentos. Ou de erros clamorosos, coma a desaparición do magnífico suplemento cultural que incluía nos seus inicios. En calquera caso a pregunta que debemos facernos é que buscan os lectores nun xornal diario hoxendía, por que razón seguen pagando un euro diario? (os que o seguen pagando, claro).

Un estudo recente afirma que a principal razón dos norteamericanos para subscribirse a un xornal impreso de ámbito local é precisamente a información de proximidade (49,6%) e a segunda as promocións (21%). E só un 14% cita como principal motivo a información nacional ou internacional. Non creo que as razóns dos consumidores galegos de prensa impresa sexan moi distintas. Cómpre ter en conta, a este respecto, a importancia económica da publicidade local (e os clasificados) nos balances das cabeceiras galegas. E tamén, por exemplo, o peso que supoñen as gorentosas promocións de libros e dvds no crecemento de Público ou no sostemento das cifras de venda de El País, ABC e El Mundo. E dende logo, a información local (que é a máis custosa de producir) era a parte máis frouxa do Xornal; e as súas promocións eran moi pouco atractivas (Mediapro leva gastada unha millonada en repartir produtos con Público). Queiramos ou non, na actual etapa de agonía da prensa diaria escrita as cousas funcionan así.

Proxecto xornalístico vs proxeto político?

No xornalismo, cada vez máis (e na rede, coa multiplicidade case infinita de opcións) a clave está na calidade, na singularidade, nos contidos diferenciados. Tamén nisto que denominamos prensa en clave de país o que conta por riba de todo é a calidade. Creo que o Xornal facía bo xornalismo, o mesmo que Vieiros e o mesmo que A Nosa Terra nos seus mellores anos (sobre todo cando deixaba á marxe o seu compoñente máis sectario).

A representación social é unha interpretación da realidade que está destinada a ser interiorizada por determinados compoñentes dun grupo e en consecuencia sempre inclúe a presuposición de lexitimidade ante os membros do grupo a quen está destinada. Un proxecto xornalístico representa a unha comunidade de lectores que se identifica con el, que se identifica cunha maneira de ver o mundo e cunha maneira de contalo. O xornal adquire un compromiso con eles, que é sobre todo un compromiso coa verdade e coa honestidade intelectual. A credibilidade pode ser un valor conxuntural, pero os xornais necesítana cun carácter perdurable e constante e lles resulta imprescindíbel cando se introducen cuestións que poden poñer en entredito algún dos referentes esenciais. Os xornais establecen de xeito tácito un contrato cos seus lectores, un compromiso no que se sustenta a súa credibilidade. Os diarios, nunha estratexia de credibilidade, de autorrepresentación como pluralistas e de ofrecedores dun trato xusto e equilibrado dos conflitos que tratan, adquiren pragmaticamente un compromiso cuns lectores determinados (os seus). Con eles comparte unhas proposicións básicas como integrantes dun mesmo grupo (co lector-modelo, que diría Eco no seu Lector in fabula).

Interésame sobremaneira o debate sobre a función dos medios de comunicación como creadores de indentidades (nacionais ou grupais de calquera caste). E interésame o mecanismo polo que esta función lastra ou non o traballo xornalístico e limita a calidade ou a credibilidade do produto, como apuntaba Arume. Interésanme as costuras, polo tanto, e a súa visibilidade. Porque os proxectos políticos e xornalísticos están sempre ligados, queiran ou non, porque ambos os dous existen na sociedade, e as costuras existen inevitablemente. Todo movemento social implica un proceso de construción social da realidade, e polo tanto un conflito simbólico. os movementos sociais non son vistos simplemente como portadores de ideas e significados existentes que se orixinan en acordos estruturais, eventos non preparados ou ideoloxías. Pola contra, os actores dos movementos son vistos como axentes significativos activamente ocupados na produción e mantemento de significados para os participantes, os antagonistas, os espectadores ou observadores.

Creo, ademais, que a pregunta a respecto de que foi antes, o ovo ou a galiña, o movemento político ou a produción de significados (na que os medios xogan un papel fulcral), é pouco útil, xa que se trata do mesmo proceso e todos os seus elementos se retroalimentan continuamente. Neste senso, Para Polleta e Jasper, as identidades colectivas caracterízanse por xurdir dunha construción constante e dinámica froito de interacción cunha variedade moi ampla de actores: a identidade colectiva describe comunidades tanto concretas como imaxinadas, implica un acto de percepción e construción así coma o descubrimento de vencellos, intereses e fronteiras prexistentes. É fluído e relacional, agromando de interaccións cun gran número de diferentes audiencias (espectadores, aliados, opoñentes, medios e autoridades) en lugar de estar fixos.

A autonomía do campo xornalístico

Porén, como xornalista quero reclamar tamén a autonomía do campo xornalístico (aplicando aquí a terminoloxía de Bourdieu, como lembraba Arume). Non só por un prurito profesionalista, senón porque si estou convencido de que a dependencia que moitos produtos xornalísticos establecen cunha supostas funcións de construción social ou política (ou as dependencias con respecto aos intereses privados ou corporativos dos seus propietarios) merman a súa calidade e debilítanos diante da sociedade, fanos menos cribles e danan a súa lexitimidade.

Acordoume a magnífica obra de Antón Figueroa na que afirma que “a historia da literatura galega, como a de moitas outras literaturas, como a da literatura en xeral, é a historia dunha ambición permanente: a conquista da liberdade. Liberdade dentro do marco cultural, liberdade fronte aos seus deberes políticos…” e penso que o xornalismo debe reclamar tamén esa autonomía perante ao campo político. Figueroa explica que “a partir da segunda metade do século XIX os escritores dos espazos máis desprotexidos teñen, en realidade, que conquistar simultaneamente dúas formas de independencia: unha independencia política, para dar forma á nación política (…) e unha independencia propiamente literaria (…) participando coas súas obras no enriquecemento literario”.

Creo que en moitos dos proxectos xornalísticos concibidos en clave de país (os que houbo, os que non chegaron a nacer e algúns que se poden estar construíndo) pesou en exceso a consciencia da súa responsabilidade política. Antón Figueroa lembra que Antón Figueroa: “un nivel grande de consciencia e de politización tende a converter os produtos culturais nunha ferramenta de construción da identidade cultural e tamén política, aínda que esta identidade política non estea claramente definida nin deseñada”. A ese respecto Dieste escribiu que “unha cultura non se fai gabándoa”, é dicir, que unha cultura artística non se fai dende o campo político, senón dende o campo artístico. E penso ás veces que quizais ao xornalismo galego lle cómpre un Mourullo que leve a cabo unha renovación estética e formal, que reclame unha autonomía do xornalismo fronte ás función políticas e de construción nacional que se lle apoñen.

Non creo que este fora o principal problema do Xornal, pero si que creo que é unha recomendación que se lles debería facer a todos os produtos comunicativos e culturais que, entendidos en clave de país, queiran chegar ao país (a todo o país). O reto debe ser facer país sen falar do país. É máis complexo, pero é a única forma.

Marcos Pérez Pena




Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe


Comentarios

16 comentarios
4

Propositor

Propoño a Marquitos Pérez Pena como director in pectore dun magnífico e fantástico e moderno e atractivo e exitoso xornal dixital ou de papel ou de aire ou de pompas de xabrón.

2 respostas
1

Por saltom: Propositor: agradecería que utilizases o teu enxeño en ofrecernos unha proposta elaborada e non en sementar 4 ironías por metro cadrado

2

Por gafes non gracias: este barbitas é gafe, traballou en varios dixitais que foron o carallo, a ver se vai tamén La Voz que traballou nela, dise no expediente que está ca foto


3

Gamela

Alégrome de ver que vai chegando xente ao baile! Máis aló das citas eruditas coas que se pretende falar do INEFABLE o final do artigo pode ser merecedor das máis grandes pedradas por parte daqueles que sempre entenderon que facer pais = chorar polas corredoiras!

3 respostas
1

Por Gamela: Hai moitos aspectos EVIDENTES que calquera xornal debera cubrir sen demora (noticias locais, axendas culturais PRECISAS e OPERATIVAS, clasificados, e moitos máis servizos on-line que hoxe son posibles e NECESARIOS) En canto ao gueto mediático sen dúbida aínda teremos que aprender a sair del e mesmo a ser XORNALISTAS INDEPENDENTES (Que é iso?) = EURONEWS é un bo exemplo de xornalismo INFORMATIVO e á vez idependente i por riba EUROPEO en sete linguas simultáneas (oito co turco). Mentres aquí andamos buscando "esencias" e andamos de puntiñas para non dicir claramente que Jacinto Rey apostou un Xornal para tirar BENEFICIOS e punto. O demáis xa está dito en GCAberto e non quero insistir xa que ninguén fai comentario algún do que é EVIDENTE!

2

Por escangalhome: Eurone...ha ha ha ha ha Euro...ha ha ha ha ha ha ha Eu ha ha ha ha ha ha E ha ha

3

Por Gamela: Tí escangálhate canto podas, a min non me fai ningunha gracia que sexamos o único país da UE que non ten cobertura pública da canle de información europea ¿por que? ¿por aforrar 2 millóns de euros ao ano? http://gamela00.blogspot.com/2010/0... Non creo nada! E tamén deberamos falar a fondo desde "modelo de xornalismo profesional" e IN-DE-PEN-DEN-TE! http://gamela00.blogspot.com/2010/1... Outros seica andan a dar Conferencias pois quedaron no PARO técnico! Segue escangalhándote canto queiras pero fai favor de aportar argumentos... se podes!


2

Guillermo Rodríguez Fdez.

O autor do artigo escribe ben. Non sei se acertadamente. Pretende a cuadratura do circo sen dispor da fórmula máxica. Un xornal galego, para unha Galicia soberana, dona dos seus destinos e independente de grupos de presión, sen un grupo empresarial detrás, é unha utopía. Claro que puidera darse esa utopía se os galegos que nos laiamos da perda de Xornal, da Nosa Terra, de Vieiros, da Peneira, etc., estiveramos de acordo en apoiar directa e persoamente ese proxecto, dando independencia aos actores principais (xornalistas) esperando que ese goteo diario de información seria e comprometida fixera o resto.

5 respostas
1

Por Gamela: Guillermo, cal era o xornal que dirixiches 27 anos?

2

Por Guillermo rodríguez: Eu, como ti deberas saber como xornalista informado que te precias, dirixin, mal que ben, A PENEIRA dende o ano 1984 a 2011. Non sei a experiencia que tes ti, non só como xornalista, traballador dun medio, senón como empresario coñecedor das entrañas dese mundo. Tanto no aspecto económico como na independencia da liña editorial do xornal que se trate. Dígoche que un xornal galego para Galicia, para facer Galicia (ainda que a ti esta concepción do Pais che resbale, é posible, mantendo a calidade e a independencia. Só hai que querer facelo e, por suposto, non esperar poñerse rico ninguén.

3

Por Gamela: Xamáis dixen eu tal cousa, nin son xornalista e moito menos podo ser INFORMADO porque precisamente os MEDIOS en Galicia non informan, DEFORMAN a realidade á súa convenencia ata o punto de morrer de inanición. E tí penso que deberas de sabelo ben. Galicia non precisa que ningún medio a faga a constrúa... Galicia é a que é, o que sí precisamos con URXENCIA son medios que INFORMEN de xeito INDEPENDENTE E VERAZ do que acontence EN GALICIA! E isto é do que estamos a falar dende fai xa bastante tempo! Agradécese a túa participación pero o futuro non é REPETIR VELLOS ERROS!

4

Por Gamela: Guillermo, non quixera deixar morrer o conto sen recomendarte a lectura do meu comentario número 4 e se o estimas oportuno fagas as correccións oportunas ás miñas suxerencias de como debera ser o medio que precisa Galicia con URXENCIA! Gracias. http://galiciaconfidencial.com/nova...

5

Por GGuillermo Rodríguez Fdez.: Home, Gamela (ao mellor eres muller, quen sabe!!) se tes tan claro como se debe poñer en marcha un medio galego en galego, a que esperas? Dinos como facer e xa tes un que se apunta. Fala, non gardes esa fórmula máxica que coñeces:Recursos, procedencia dos mesmos, selección de profesionais, liña editorial, sistema de difusión , etc. Isto é o que moitos estamos esperando porque, segundo parece, somos uns neófitos no asunto ainda que estiveramos metidos no allo moitos anos. Adiante amigo e deixate de monsergas; vai ao meollo do asunto. O demais son bobadas e ganas de perder o tempo.


1

Manoliño

"maioría social que en Galicia vota a PSOE e BNG" Xa se viu nas autonómicas e nas municipais. Co cal o demais é un mero sofisma.

2 respostas
1

Por Guillermo Rodríguez : Manoliño, ti bebes demasiado, non sí? Maioría social que vota esquerda, pois sí; ainda que che foda.Ou é que non sabes contar os votos dos partidos nas eleccións. Dancho feito os medios, non tes m,áis que ler sen anteollos deformados. POr que esa maioria non é quen de ter prensa propia xa é viño doutra barril. Aí é onde está o problema. Por que esa maioria se deixa influir pola outra "cuais maioria" e non se dota de medios propios. Tal vez unha meiga no,o descubra algún día.

2

Por Manoliño: ¿E logo ti es dos que consideran válidos os votos da emigración? Porque descontando estes, cos votos que se deron en Galicia o PP supera a toda a esquerda(llada). Por certo, bótalle unha ollada a esta enquisa, que me sorprendeu: a mocidade vota PP. Hai que buscar argumentos un pouquiño mais pensados, que a evidencia desminte o teu sofisma ¿Subiu o SOE-BNG en concelleiros alcaldías nas últimas eleccións? ¿Entón?


Marcos Pérez Pena

Marcos S. Pérez Pena (Montevideo, 1980) é xornalista e investigador en comunicación. Doutor en Xornalismo pola USC con unha tese sobre os medios de comunicación galegos na Transición. Autor de "Milladoiro. A Galicia de Maeloc. Unha fotobiografía" (Galaxia) Marcos S. Pérez traballou en Vieiros, Gznación, La Voz de Galicia, Diario de Ferrol e a Sección de Comunicación do Consello da Cultura Galega, e colaborou con revistas como Tempos Novos, Murguía ou ECO-Revista del Eje Atlántico.