Dezaoito foron os alcaldes do BNG que este verán demandaron un cambio de rumbo na liña da fronte, dominada pola UPG, o partido con máis militantes. "Os dezaoito magníficos" chámase un durísimo artigo contra eles que publica Bautista Álvarez en Terra e Tempo, o dixital da UPG.
Alvárez nunca os nomea, pero é evidente que o obxectivo das súas críticas son os edís de Máis Galiza e Encontro Irmandiño (outro dous partidos dentro do BNG) que pediron publicamente que o BNG modernizase o seu discurso.
Ráchase a trégua?
Tal petición desatou unha espiral de críticas e contracríticas nos nacionalistas. Todos os colectivos do Bloque, por moi pequenos que fosen, tomaron posicións no debate ante unha Asemblea Nacional que decidirá a supervivencia do BNG e que parecía inminente.
Pouco despois ZP convocou eleccións e o Consello Nacional do Bloque, en consecuencia, adía a Asemblea até despois do 20N. As correntes chegaron ao pacto tácito de non alimentar máis a discusión pública. Mesmo Bieito Lobeira, deputado e militante da UPG, apelou publicamente ao "patriotismo" para non alimentar a liorta nos medios. Agora o artigo de Bautista Álvarez cuestiona esta tregua.
Os cualificativos do histórico líder da UPG aos alcaldes son dunha enorme virulencia. Lánzaos, iso si, mediante unha "parábola".
"Os que nunca foron nada"
"Antes no nacionalismo había esveltos lebreis e ningún caniche faldeiro. Dun tempo a esta parte apareceron os palleiros. Os que nunca foron nada e sentíronse alguén desde que lles puxeron na man un bastón. Ladran por fóra cando van en manda. Dálles pánico facelo dentro, nos órganos aos que pertencen e onde se dá o debate. Alí téñenlle medo ao caxato, a facer o ridículo, estes cerebros nos que priman sobre a substancia gris os niños de bubela", escribe no dixital que edita a Fundación que leva o seu nome. Unha das primeiras recriminacións da UPG aos alcaldes críticos é que deran o debate publicamente. Os alcaldes alegaron que tamén presentaron o seu manifesto nos órganos internos.
Pantallas xigantes para ver La Roja
Álvarez tamén acusa aos edís de falta de compromiso coa cultura. Por exemplo, critica que concellos nacionalistas gobernados polos asinantes do manifesto contrataran pantallas sigantes para seguir o trunfo no Mundial de "La Roja". "Comprobamos a bebedeira orgásmica dunhas masas narcotizadas polo campionato mundial de fútbol de hai un ano. E mentres nós, os seguidores dos vellos mitos, fixemos pedagoxía desalienante, outros actuaron de camelos do sistema, subministrando o opio en pantallas televisivas para que o pobo vivise colectivamente a orxía españolista".
"Mamá teta"
O histórico galeguista vai moito máis aló. Acúsaos de "redentores adventicios estaban aínda na incubadora, ou balbucindo "mamá, teta", cando paramos a cota empresarial agraria", de ter unha "vea reaccionaria", de ser incapaces de analizar a sociedade galega, de non ler agás o Marca e o Tebeo, de ser "farsantes de comedia", "disidentes", etc.
Que alternativa propón Álvarez para superar este enfrontamento entre os que queren que o BNG siga preto da ortodoxia comunista e os que apostan por centralo? O veterano político non se anda polas ramas e fala claramente de "depuración" e critica a "indolencia" do aparato do Bloque, que o seu partido goberna democraticamente, cos críticos.
Chamada á depuración
"Hai un cousa na que estamos de acordo. Na necesidade de introducir reformas que restauren o prestixio do nacionalismo. Cunha diferenza. O que para eles é revisión, así de cru, para min significa rexeneración e depuración. Sobra unto e falta cloro".
En definitiva, un chamamento en toda regra a desfacerse dos que supostamente non comparten o compromiso coa revolución e a cultura galega.
Desta volta é imposible culpar da lea interna a unha conspiración mediática. É a propia UPG quen mostra que a supervivencia do Bloque como proxecto común do nacionalismo pode pender dun fío.
¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511
Se tes problemas ou suxerencias escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.
Paco Rodríguez é o responsábel de colocar este artigo e neste momento no seu órgao de expresión. Goros non sexa inxenuo!!!
Guillerme Vázquez tiña que sair a desautorizar estas palabras. E a man que arrola o berce, Francisco Rodriguez, calado coma un caimán.
Pois a mim, esta intervençom do Bautista a um mes dumhas eleicons nom me estrana nadinha. Só é umha arroutada para consumo interno para que a sua gente se movilize nas eleiçons e logo ir esquecendo-o aos poucos coma sempre.
"Sobra unto e falta cloro".Este tio é profundo...e a situaçom da Upg e o Bng....vamos nem os Campos Elisios dos antiguos.Que eles se cozam na sua salsa...
Inda estamos a tempo. Boicot ás listas da UPG. Non apoiedes nas vindeiras eleccións xerais as listas encabezadas pola UPG (ou sexa, non votar a Jorquera na Coruña, e si ós demais en Pontevedra, Ourense e Lugo). E se Jorquera quere saír que se desmarque publicamente das babosadas do Bautista.
Nihil novum sub sole Entéranse agora os renovadores do BNG que dende hai máis de 30 anos o nacionalismo "medra depurándose"? eran descoñecedores desta práctica do nacionalismo cando se encadraron no BNG? Non coñecían antecedentes?. Infelizmente para os que profesan esa posición política, o nacionalismo galego sen a UPG non será nada. E algúns, que coñecemos ben o papel do nacionalismo na desmobilización deste país -máis alá da sistemática okupación de calquera manifestación coas súas bandeiras partidistas- (véxase o penoso papel xogado polo BNG desfacendo Nunca Máis/Burla Negra ou o desprezo do movemento 15-M), non sufriremos mágoa ningunha; agás por todos aqueles que xacen nas cunetas ideolóxicas, unha vez baqueteados pola súa traumática experiencia política no seo do MNPG e que poderían ter colaborado hoxe á necesaria masa crítica dunha auténtica esquerda en Galicia.
Son tan coherentes os da UPG que critican ós demáis polo coche oficial e o bastón e o señor Bautista foi membro da mesa do parlamento con coche oficial por 16 aniños¡¡¡, daquela non era pequenoburgués o coche oficial logo?... critican a política mediática co partido (eu tamén¡¡) e logo publican artigos na voz de Galicia ou van á entrega dos Fernández Latorre... en fin.. menos soberbia señores, máis humildade.. e a traballar polo pais, ninguén é imprescindible e vostedes, tampouco, inda que iso non o van crer nunca.
Coa UPG pasa como cos vellos galeguistas do Piñeirismo tan criticados por outro membro de "Brais Pinto" o señor Méndez Ferrin, tamén purgado por non ser puro. En "Retorno a Tagen Ata" a protagonista, vinda do exilio a tomar contacto co galeguismo do interior namórase do lider, fai o amor con el e logo mátao porque non era máis que un atranco para o desenrolo do nacionalismo do pais. Eu estou namorado da UPG, de Bautista e de Pacorro, faría o amor con eles dous, e logo mataríaos polo ben da patria...
Para criticar o bipartito coruñés do señor Tello Bautista Alvarez fixo un artigo sobre as gañas que tiña de arrincar un letreiro de "Plaza de Orense" na Coruña. (non falabamos de que as críticas había que facelas no partido, de portas adentro... en fin). Agora o candidato foi da UPG e ten 2 concelleiros menos que Tello, non goberna e o novo alcalde do PP non vería mal a reposición do topónimo La Coruña e faille as beiras a Millán Astray. Co candidato da UPG na Coruña, melloramos en algo señor Alvarez?. Por outra parte o rueiro coruñés ía a ser cambiado nos 70 como correspondería por un tal alcalde Domingos Merino de Unidade Galega e o mellor alcalde que tivo nunca A Coruña. Unha forza coruñesa daquela a AN-PG non fixo máis que boicotear a lexislatura de Merino... tras unha moción de censura xa nunca máis boicoteou nada, tanto a AN-PG como UG ficaron fóra da corporación por 10 anos.. mellorou algo a UPG o nacionalismo en Galicia co seu traballo político?.
Castelao nunca militaría ou calaríalle a boca a calquera persoa que dixese as parvadas deste señor Bautista Álvarez. Señor Bautista, ten algunha foto da súa xura de bandeira bicando a bandeira española co polo enriba, faría gracia...
Bautista Álvarez, histórico dirixente da UPG nunha imaxe de Terra e Tempo
Galicia Confidencial 2011 | Contacto | RSS | Legal | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | BLOG | Co apoio técnico de dinahosting