Sabido é que en tempos de crise, o artisteo flutúa entre a dura navegación por augas turbulentas e o abeiro agarimoso de portos seguros. Máis que de apocalípticos e integrados habería que falar de desbancados e reenganchados, pero nin sequera é nada novo que tras un cambio de signo político veña unha reestruturación do traballo do creador segundo o vento que sopre. Botando un ollo ao que se coce por Galicia semella factible agrupar certas tendencias creadoras. Por seren recoñecibles doutros tempos e lugares, máis ca nada. Dun lado, podemos destacar o artista-fungón, que tanto pode ser un músico estrafalario coma un pintor rabudo ou un “escritor do non”. Adoita bufar moito, pode chegar a rexeitar premios institucionais e con frecuencia amósase esquivo ante a crítica e o público. Ás veces, mesmo procura a fama de autor de culto. Pode buscar o exilio, físico e espiritual. Pero calquera Bartleby que se prece sabe que na autodesaparición e na burla displicente do panorama cultural actual vai incluído un irreprimible diferencialismo premeditado. A invisibilidade pode conceder aínda maior presenza: “Agora enfurrúñome e deixo de escribir, poño verde a todo o que se move e non participo en misceláneas, colectivas, antolóxicas, retrospectivas… Síntome incomprendido. A verdade é que preferiría non facelo”. (Epítome dos Bartlebys culturetas) Cando funga de máis entra na fase troll e daquela pérdese para sempre.
Pola lei do péndulo, e porque todo ten que ter o seu contrapunto, tamén florece (e como!) o artista-lambecú, o amigo das subvencións, de prebendas, favores e axudas, de cargos e de encargos, o artista do réxime -sexa este da cor que sexa- o que fala ben do xefe, o que unicamente pinta retratos dos seus mecenas. E, ai Deus!, volverá o NODO? É tan fácil seguir a marea do éxito, é unha auténtica tentación, unha falla tectónica que empuxa. Lean a prensa diaria! Hai que ir con coidado, semella que todo participa do mesmo disfrace intelectual antes de ir caer no institucionalismo máis casposo nun cadro de costumes moi visto: asimilación ou disimilación. Rien ne va plus.
Mariña Pérez
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.
Todos os artistas teriamos que ser funcionarios... Todos, e que a obra de cada quen fose xulgada por a súa valía e non por o bo marketing... Aquí so uns poucos poden vivir realmenta da arte. O mercado da arte non é o mesmo que a creación artística. Grazas por o teu artigo, como sempre encantame leerte
Mariña Pérez Rei é unha escritora amiense afincada na cidade de Santiago de Compostela. Licenciada en Filoloxía Hispánica e en Filoloxía Galego-portuguesa, actualmente exerce como profesora de Lingua e Literatura Galega no Ensino Secundario. Entre a súa obra publicada destaca a poesía e a novela curta. Tamén colabora en xornais e revistas con artigos de opinión. No ano 2005 acada o premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón polo libro Fanerógama e comeza a publicar. No 2006 obtén o Premio Manuel Lueiro Rei de novela por Canícula, editorial Sotelo Blanco. No 2009 publica o libro de poesía en edición limitada e artesanal: Apuntamentos para un cuarto confuso e cambiante, na editorial Bourel. Un ano despois publica o libro de poesía Paquidermo na editorial Bubela co que ingresa na corrente filosófico- poética do sentimental-ISMO, e nese mesmo ano obtén o premio de relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos coa narración Costa necrópole. Escenarios para deslembrar, publicada na editorial Toxosoutos. No 2011 participa nas antoloxías de poesía sentimental-istas da editorial Bubela e colabora co grupo musical Loaira.
Galicia Confidencial 2013 | Contacto | RSS | Legal | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | BLOG | Co apoio técnico de dinahosting