Good bye, Fraga!

O fraguismo so se desmantelará en Galicia cando se de-construían un a un tódolos mecanismos, estruturas e ferramentas creadas durante esa etapa. Tanto se estiveron ao seu servizo como se foron contrarios ao mesmo forman parte dun modelo político-institucional pasado que, lamentablemente, aínda sigue vixente. A Galicia de hoxe é froito de múltiples factores antropolóxicos, económicos, sociais, culturais e políticos que de xeito transversal nos teñen convertido en algo diferente e poliédrico.

Por Xoan Hermida | Pontevedra | 22/01/2012

  • versión para imprimir
A Galicia político-institucional de hoxe, pola contra, é froito do esquema dun ‘conducator’, Don Manuel, con dous obxectivos claros e complementarios: construír un modelo político limitado e reducionista seguindo a súa teoría da maioría natural e do sistema de partidos bipartidista británico e de paso construír un neo-rexionalismo que destruíra a nación na que ás veces Galicia parecería querer converterse.
 
Moito se ten falado sobre o porque da obsesión de Fraga coa barreira electoral do 5% nas eleccións autonómicas. Que se era para impedir o xurdimento de futuras escisións na dereita galega. Que se ben era para destruír a esquerda galega moderna e impedir construír unha hexemonía alternativa. 
 
Fraga chegou a Galicia precedido pola fama de estadista e coa convición da necesidade dunha cobertura ‘galeguista’ se quería liderar unha maioría conservadora, que aínda que hoxe pareza incrible, pasárase a transición dividida e mesmo enfrontada.
 
Na primeira metade da década dos noventa o PPdeG coa entente Cuíña/Cacharro/Victorino a fronte e tutelados por Fraga tratou de culminar o proceso de galeguización que xa noutros tempos intentara Xosé Luís Barreiro; non exento de oposición no feudo máis tradicional - A Coruña de Romai – 
Iniciou unha serie de políticas destinadas a reforzar esa imaxe rexionalista, aprobando políticas de ‘galeguización limitada’ no lingüístico ou no cultural. 
Os seus conselleiros estrelas eran Xosé Cuiña, encargado de vertebrar e modernizar Galicia e ‘superar o seu illamento secular’, e Jesús Pérez Varela, técnico de agit-prop, autentico animador dos seráns estivais, impulsor do fenómeno Xacobeo e impulsor dun lobby de folclóricos que machaconamente nos recordaban que Galicia era ‘diferent’. Daqueles anos é o boom do ‘Luar’ que se ten convertido na imaxe da Galicia cultural do fraguismo.
Ata o propio Jordi Jujol chegou a loubar a proposta da Administración Única de Fraga, e este a súa vez copiou o modelo pactado de transferencias - mesmo aproveitando os resortes que o Estado ofrece o proxecto economicista e empresarial da Europa rexional - Eixo Atlántico/Países Cataláns ...
Esa primeira etapa galeguista-rexionalista deu paso, tras a defenestración do permanente ‘delfín’, Xosé Cuiña, a unha nova dereita onde o factor galeguista pasou a ser un compoñente máis, marxinal, dun grande entramado hexemónico.
 
Alguén podería crer que dada a inquina coa que o PP de Feijoo trata a Galicia, a etapa de Fraga é para botala de menos. Nada máis impreciso.
A Galicia política de hoxe está construída a imaxe e semellanza do pensamento e a acción política de Don Manuel. 
 
A anorexia política existente foi conscientemente deseñada desde os laboratorios de ideas da dereita na rúa do Hórreo e mediático do polígono de Sabón. Era unha anorexia construída non para liquidar a dereita galeguista ou a esquerda innovadora senón fundamentalmente para poñer de xeonllos ao pais e deixalo sen alternativa por anos.
 
O reducionismo institucional deseñado na administración única e cuxa máxima expresión é a última remodelación de goberno da Xunta de Galicia non tiña como obxectivo mellorar a eficacia do goberno e a eficiencia da administración pública senón situar a Galicia lonxe das realidade das comunidades nacionais catalá e vasca e incorporala no espazo uniforme da España rexional.
 
As posibilidades de construír unha dereita nacional evitounas Fraga nos seus decenios de goberno desmantelando, un por un, os sectores estratéxicos da nosa economía, a maioría das veces coa complicidade do goberno central e coa ‘escusa’ do mercado común europeo. O esperpéntico periplo da transformación de varias caixas de aforro nunca entidade bancaria en ruína é a guinda deste proceso.
 
As posibilidades de construír unha esquerda nacional hexemónica liquidounas por medio dun dobre xogo: favorecer o españolismo vazquista no PSdG e fomentar unha vertebración nacionalista dominada por un partido ‘marxista-leninista’ (por favor prego non confundir co pensamento de Lenin e moito menos co de Marx! ).
 
Ás posibilidades de crear un pensamento científico e crítico asestóuselle un golpe de graza cando se desmantelou a única universidade galega con posibilidades de campus especializados e departamentos con recursos e pasouse a construír tres universidades rexionais competitivas entre elas e cunha crecemento xeométrico de fondos para administración namentres que un estancamento de inversións para docencia e investigación. 
 
O fraguismo tivo en Galicia consecuencias moi perniciosas pero –quizais- a maior delas foi a construción dunha sociedade clientelar regada por subvencións que aniquilou a necesaria burguesía produtiva que levantase a nosa economía e vertebrara a nosa identidade nacional e que  adocenou a sociedade civil para que non puidera cohesionar a defensa dos valores materiais -sanidade, ensino, políticas sociais, recursos naturais,…- e espirituais – cultura, lingua, felicidade, cooperación.. -  do ben común.
 
Por iso, fronte aos falsos reflexos que o paso do tempo poida ter sobre nós, sen animadversión ningunha, so se me ocorre dicir “Good bye, Fraga!”, desexando infrutuosamente que con el se marche todo a súa negativa herdanza, e sobre todo lamentando que Isaac Díaz Pardo non o sobrevivira.

Xoan Hermida




Comenta

Se tes problemas ou suxerencias escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe


Comentarios

6 comentarios
4

jositodepoio

Só vou a sinalar un dos erros de este "artigo": a descentralización do SUG e a creación das universidades de Vigo e da Coruña foi decisión do goberno tripartito de Laxe. Anteriormente, o goberno de AP dirixido por Fernández Albor só plantexara a posibilidade de crear unha universidade politécnica de Galicia, non o cristo que montou o tripartito. A cada un hai que botarlle o seu, dende logo a Fraga non se lle pode botar a culpa diso, entre outras cousas que se lle achacan neste artigo. Fraga ese demo... ¡qué ben se vivía ocntra el!


3

Anônimo

O que realmente foi Fraga (Ybarra)Iribarne: http://ecorepublicano.blogspot.com/...


1

André

Seica en GC son moi "delicados" con insultos, pero vexo mensaxes insultantes a todas horas, e se pos a palabra m... xa cho borran. Por outra banda, o autor descoñece un dato ou non o pon, parte da estratexia elaborada desde a desaparición do bipartito procede da FAES de Aznar, que financiou até GB. Aí está o miolo da cuestión, unha fundación que pagamos todos e mesmo o Zapatero deulle moitos cartos. FAES, señores...


Últimas de Xoan Hermida

Xoan Hermida

Xoán Hermida González naceu en Pontevedra en 1965. Licenciado en Historia Contemporánea pola USC, Master en 'filosofia, cuestións actuais' e doutorando en Ciencias Politicas e Xestión Pública pola USC. Estivo ligado a diversos movemento sociais coma os Comités anti-Otan ou os CAF. Foi membro do Consello Confederal da CXTG, secretario de Organización de Esquerda de Galicia e coordinador do Grupo Parlamentar Mixto entre 1997 e 1999. Activista altermundista, participou no primeiro foro social europeo en Firenza. Foi Director da ONG AMARANTE desde outubro de 1999 a outubro de 2007. As súas reflexións poden consultarse tamén na bitácora galiziaecosocialista