Ademais, para celebrar a primeira década de existencia dun dos festivais máis festeiro do país a organización anuncia unha gran fichaxe. Manu Chao estará actuando non un senón dous días: o xoves 17 e o sábado 19. Serán as únicas actuacións previstas do músico galo nun festival da Península.
Manu Chao chegará a Allariz co proxecto Manu Chao La Ventura, logo de actuar nos últimos meses en países como Arxentina, Estados Unidos, Xapón ou Australia. Acompañado de guitarra, baixo e batería, a organización do Reperkusión asegura que "con La Ventura preséntase nun formato máis directo no que dá un novo xiro ás súas potentes actuacións cheas de enerxía e ideas frescas".
Máis confirmacións
Manu Chao non é a única confirmación para o cartel deste ano. No Reperkusión estarán tamén Russkaja, Funky Style Brass, Os 3 Trebóns e Festicultores Troupe.
Os 3 Trebóns é o proxecto co que Xurxo Souto, Antón Díaz e Fran Amil desatan treboadas sonoras nas verbenas e festivais de todo o país. E non faltarán no Reperkusión os incombustibles Festicultores Troup, a banda da casa. Ademais de música, haberá exposicións, teatro de rúa, pasarrúas, djs, obradoiros, mercadiños e o X encontro de Malabares e artes do circo.
Entradas xa á venda
As entradas para o Reperkusión acaban de poñerse á venda a través da web. Ata o 15 de marzo, os abonos para os tres días de festival poden adquirirse ao prezo de 40 € + gastos de distribución, e as entradas para un día por 20 € + gastos de distribución. Os compradores dos 3.000 primeiros abonos recibirán como agasallo no festival un cd recompilatorio con temas dos grupos que participarán nesta edición do Reperkusión. Se compras o abono, tamén podes reservar o cámping por só 5 euros máis.
Novo recinto
Ademais, este ano Reperkusión estrea novo recinto de concertos. A un quilómetro do centro de Allariz, o festival contará cun espazo amplo co que aumenta a súa capacidade para público. Este recinto estará permanentemente conectado co resto de espazos de programación situados na vila mediante un servizo gratuíto de autobús. O novo recinto de concertos conta con aparcamento e zona de acampada situados á súa beira.
¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511
Se tes problemas ou suxerencias escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.
Galicia Confidencial 2011 | Contacto | RSS | Legal | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | BLOG | Co apoio técnico de dinahosting