O futuro dun asilo chamado BNG

O avellentamento da militancia do BNG deixa pouca marxe para a creación de novas forzas políticas por parte dos que se escindan desta organización.

Por Horacio Vixande | Vigo | 10/02/2012

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

 Que vai pasar co BNG? Con ánimo de molestar: ben pouco. Como non tiña que cubrir o evento e tampouco son militante, non fun á Asemblea Nacional do Bloque, aínda que mandei aos meus pais, que son septuaxenarios, como moitos dos seus afiliados. Non había máis que botar unha ollada ás fotos da prensa para saber que a noite do sábado 28 de xaneiro poucos clientes bloqueiros ían pechar o Avante: moi tarde para eles.

Seica as mocidades de Encontro Irmandiño e parte da rapazada de Máis Galiza andan latricando con que hai que marchar. Seguro que entre todos collían arredor da famosa mesa angarela do deostado Ramón Piñeiro, e con iso non quero dicir que sexa piñeirista. En tempos, gustei moito daquel lema que dicía “Fóra Heidegger da cultura galega”.

A día de hoxe, piñeiristas son case todos os do Bloque, incluídos Beiras e Paco Rodríguez. Non por culturalistas despolitizados, non: por vellos.

Que esperan que fagan ese fato de pensionistas cabreados coa U? Montar un partido político para a liberación social e nacional de Galiza? Ou crear unha forza galeguista e socialdemócrata conforme aos tempos que corren?, por empregar unha retórica un chisco máis aymerichiana.

Desde logo se o fan, pode que marchen algúns con eles. Irán aos mitins, pagarán a cota e os máis novos se cadra crearán un perfil en Facebook cunhas fotos a mar de monas. E todos, os que queden dentro e os que marchen, seguirán a verse porque coincidirán nos enterros. Deberían inventar os mitins-funerais! Canto gañaría así o nacionalismo galego!

Non sei se se fixaron, mais os do Bloque elixiron para representalos a un calvo e a un tipo co cabelo branco. Sorte que a última hora Aymerich decidiu marchar e cederlle a cadeira a Ana Pontón! A pobre muller vai ter que pintarse canas para que na organización non se mosqueen.

Agora que o deixou Baltar, a verdade é que se os do Bloque se traballan aos xubilados se cadra apañan algún votiño. Que volva Quin de Allariz cos seus bailes de salón e as súas excursións con parada en mitin do BNG!

Mais tampouco o país dá para moito máis. Só hai que ver a pirámide de poboación. Fraga entendeuno mellor ca ninguén, por iso non entendo a obsesión do PP por meter xente moza. Miren senón ao Goberno galego. Non vou dar nomes, pero a máis vella das conselleiras ten 53 anos e Feijóo 51, como Jorquera, mais cunha aparencia moito máis xuvenil.

No PSOE galego, outro tanto. Menos Pachi, que vai vello, pintan todos moito máis novos. E digo PSOE galego, porque xa se ve o que pasou en Madrid con Matusalén Rubalcaba.

Conste que non teño nada en contra dos vellos. Non gustaba daquilo que os de Galiza Nova lle cantaban a Fraga de “Hai que ir morrendo/ Manolo, hai que ir morrendo” coa música do Guantanamera. Pero parece que os do Bloque ben logo perden a memoria e non se aplican o conto ese de renovar un pouco os seus dirixentes. Polo menos así as súas liortas serían máis espectaculares.

Horacio Vixande



Horacio Vixande

Horácio Vixande, xornalista, traballou na correspondencia da TVG en Vigo nos 90, foi xefe de prensa do Real Club Náutico de Vigo e e durante máis dunha ducia de anos redactor d'A Nosa Terra. Na actualidade dirixe O Cartafol, a primeira revista en galego para Ipads e outras tabletas.