Da Real Filharmonía a Labordeta

Sitúense nun concerto da Real Filharmonía de Galicia. O público coñece exactamente o protocolo, sabe cando hai que gardar silencio, cando hai que romper en aplausos, os móbiles adoitan estar en off e ninguén se ergue no medio da interpretación a risco de sufrir olladas asasinas dun veciño de fila melómano.

Por Mariña Pérez | Ames | 14/02/2012

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

Despois de todo, Schumann meréceo e o violonchelo solista é admirado desde o máis absoluto respecto. Uns minutos despois, aquel hipotético individuo asistente ao acto xa volve ser un perfecto maleducado no párking (permítanme o anglicismo). Móvese pola présa, polo desexo de adiantar a outros conxéneres; abusa da bucina, da estatura e do improperio, talvez  meta o dedo no narís ( permítanme o seseo implosivo) e desde logo, xa non sente as mans de ouro do chelo no seu ouvido. Aí temos a  Robinson adaptándose ao medio natural, entramos de novo na xungla urbana, ou, en terra de lobos … (déanlle bo remate ao refrán).

No lado oposto, supoñemos que Venres interrompería a orquestra cun aplauso espontáneo, a destempo e fóra de compás, ou talvez o salvaxe bocexase tan ruidosamente que sería recriminado polos asistentes cultos. A cuestión é que non habería grandes diferenzas de comportamento cando fose recoller o seu vehículo, porque a súa educación é continua. Por iso, seguro que el metería o dedo no narís.

Hai  formalismos que están deseñados para un determinado momento no que se admira a exquisitez, a beleza puntual. Son as formas momentáneas. A boa educación pola contra é atemporal, obedece a unha lei de gravidade innata, continuada, perseverante en calquera circunstancia. Discorre paralela á civilización pero non  a toca. Ten que ver coa elegancia que imprime o latexo dun corazón, coa sensibilidade da pel.

Entre os formalismos absurdos temos os principais parlamentos europeos. Persoalmente quedo co show italiano porque se me asemella por momentos  á Commedia dell´Arte. Os ingleses representan encarnizadas liortas entre lores anticuados e indumentaria e mobiliario rancios. No Cáucaso chegan ás mans, é demasiado evidente. No panorama español abúsase do “Señorías” ( que xa parece un imperativo legal) para a continuación cravarse o aguillón sen tregua. Así debeu ser como viñemos caer na escenografía nacional da burla,  pornografía do que tiña que ter sido a educación e non foi: a gargallada do político corrupto que ri na cara de todo un país. En directo. Neste tipo de  perversións maquiavélicas, o taparrabos malamente disimula a conta bancaria en paraísos fiscais e a vulgaridade adquirida con tesón. Seguramente, a Venres, se lle ía cruzar un inspector de Facenda (que non somos todos)  ata facerlle a vida imposible porque- incivilizado el- non sabe usar ben a luva branca.

E sen querer, non me pregunten por que, veume ao acordo o día en que un Labordeta iracundo lle espetou aos cans de presa que o acurralaban no Congreso aquela frase, hoxe pódese dicir que premonitoria dun estado de ánimo nacional, igualatoria, catártica: “Váyanse a la mierda, joder!” Volvino ver en Youtube, sen máis sensacionalismos, e a min semelloume que en efecto, o home perdeu as formas, pero que considerado en conxunto e con perspectiva temporal, resultaba ben educado polo que tiña de coherencia cos seus principios, de sensibilidade e decencia, malia que o foro o desmerecese.
 

Hoxe vanme permitir que faga meu o berro de Labordeta, con toda a súa carga de indignación e de dignidade,  porque  nesta caste de mandrágora estupefaciente que nos fan tragar a diario, unha leva mal o silencio da resignación, o sixilo e a cautela  que provoca o temor a que  medre aínda máis a humillación, ese estudado estado de shock social. Digo que aínda prefiro que soe un móbil no medio e medio dunha aria. Digo que o improperio botado con clase pode estar do bando da boa educación, porque quere dicir que aínda circula o sangue, que hai vida, sensibilidade, valentía contra os merdentos burócratas das formas.

Mariña Pérez




Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe


Comentarios

6 comentarios
6

Gloria Alvarez

Es de justicia lo que has escrito. Alegrome moito esa reivindicación de Labordeta. Quiero aprovechar para decir que el hecho de ser legal, porque los políticos así lo han dispuesto, el que diputados y senadores tengan una paga vitalicia, del cien por cien, por !!tan sólo 11 años trabajados!!,digo el hecho de que este dentro de la ley, ¿nos impide acusarlos de ladrones? ¿de inmorales? .Si a cualquier practica corrupta se la legalizara ¿desaparecería por ello su naturaleza corrupta?


5

manuel perez

Pois sí¡ e ademáis é incríbel que nunha sociedade tan enbrutecida e simplona, onde o zapato de Beiras e o berro de Labordeta restan votos,o continuo sorriso apestoso e malicioso do Camps suma e sigue... Sopra o vento nunha soa dirección e as témporas non acaban de traer a necesaria chuvia...


4

Un sinvergoña

Estou de acordo. Cantas vces o que chamamos educación non é máis ca un corsé que nos puxeron de pequenos para que non molestaramos e así fomos facéndollelo caldo gordo aos que non teñen porque ser educados pero que nos esixen a nós non ser molestados polas verdades que nos gustaria dicirlle nos fuciños. Penos que unha cousa é a boa educación (cuestión de normas e culturas) e outra é ter que tragarse tanta borralla verbal como se escoita entre políticos, sobre todo, e homes de "grande cultura" cáseque sempre dineraria. Felicidades polo traballo: lúcido, limpo, refrescante...


3

Cristinagarcia

Grazas por expresar cunha linguaxe tan exquisita, correcta e rica o que todas/os sentimos día a día escoitando a radio, lendo xornais cada vez máis partidistas ou simplemente vivindo no mundo e no tempo que nos tocou.


2

Salgueiro

Da gusto ler artigos como estes. Elevan a categoría deste xornal. Noraboa


1

Comunista

Como decía o humorista ianqui a razón do patrimonio de senadores e congresistas: temos os millores parlamentos, os principais que o diñeiro poda comprar.


Mariña Pérez Rei

Mariña Pérez Rei é unha escritora amiense afincada na cidade de Santiago de Compostela. Licenciada en Filoloxía Hispánica e en Filoloxía Galego-portuguesa, actualmente exerce como profesora de Lingua e Literatura Galega no Ensino Secundario. Entre a súa obra publicada destaca a poesía e a novela curta. Tamén colabora en xornais e revistas con artigos de opinión. No ano 2005 acada o premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón polo libro Fanerógama e comeza a publicar. No 2006 obtén o Premio Manuel Lueiro Rei de novela por Canícula, editorial Sotelo Blanco. No 2009 publica o libro de poesía en edición limitada e artesanal: Apuntamentos para un cuarto confuso e cambiante, na editorial Bourel. Un ano despois publica o libro de poesía Paquidermo na editorial Bubela co que ingresa na corrente filosófico- poética do sentimental-ISMO, e nese mesmo ano obtén o premio de relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos coa narración Costa necrópole. Escenarios para deslembrar, publicada na editorial Toxosoutos. No 2011 participa nas antoloxías de poesía sentimental-istas da editorial Bubela e colabora co grupo musical Loaira.