Logo de sementar Galicia enteira con alumeados máis que cuestionables, para os que ningún concello pedía proxecto nin utilidade, a Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), acaba de poñer en marcha un proxecto piloto de tecnoloxía eficiente en iluminación pública que permitirá aos concellos galegos reducir custos enerxéticos e económicos.
A través deste programa experimental, que se ensaiará en nove concellos galegos, desenvolveranse diferentes programas de actuación co obxecto de probar o comportamento da tecnoloxía eficiente de aforro enerxético en iluminación pública, permitindo dotar aos municipios dos sistemas más avanzados.
Pero a Xunta decidiu premiar con este proxecto piloto a concellos gobernados polo PpdeG. Na Coruña foron escollidos Boiro e Boqueixón, ambos con maioría absoluta do PP; en Lugo, Foz -PP en minoría pero gobernando- e Taboada -maioría do PP-; en Pontevedra serán tres concellos, a saber: Nigrán, onde tamén goberna o PP; Moraña, tamén con alcaldesa do PP, e Ribadumia, oh casualidade, tamén con alcaldesa do PP.
Tamén todos os concellos de Ourense son do PP: Arnoia -cun alcalde popular que leva 30 anos e tamén é delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez-- e Pontedeva.
Aforros de ata o 60% no consumo eléctrico
Este proxecto piloto contempla tres opcións distintas en función dos municipios: a instalación de reactancias electrónicas regulables, a substitución de puntos de luz por outros electrónicos de menor consumo, e a instalación de tecnoloxía LED. O desenvolvemento de cada un deles permitirá acadar aforros enerxéticos que oscilan entre o 30% e o 60%, coa súa correspondente repercusión na factura eléctrica.
O departamento que dirixe Javier Guerra continúa así prestando "unha especial atención ao fomento do aforro e a eficiencia enerxética nos concellos".
Nova do xornal colaborador Certo