Galicia, Europa e as novas matrices culturais

Estou convencido de podemos construír unha reflexión colectiva e actual da cultura galega que podería ser plasmada recollendo o sentir de todos os galegos e galegas.

Por Óscar Lomba | Vigo | 21/02/2012

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

 

Esa cavilación agrupada, penso, ten que situarse dentro dunha nova Europa, mesturando lúcidamente valores tradicionais e actuais. Combinar as ideas avanzadas dos nosos devanceiros xunto ás ideas vangardistas das novas xeracións para poder construír unha Galicia orixinal, plural e avanzada inserida nunha Europa aberta ao encontro con outras culturas.
 
Galicia integrouse na CEE no ano 1986, ao integrarse o Estado español, e paralelamente sumáronse, tamén, os nosos veciños portugueses. E con todo podemos constatar, sen xénero de dúbidas, que a partir do xiro neoliberal e da asunción por parte de Bruxelas de competencias que se utilizaron para desmontar o estado social; o rexeitamento cidadán á Unión europea foi en aumento. Ademais, a ausencia dun imaxinario común europeo intentouse superar fomentado o medo ao outro e presentando á cidadanía a construción europea como a mellor garantía para a seguridade interna e externa, co fin de gañar lexitimidade. Europa debe oporse ás actitudes de excesivo proteccionismo e ao peche hermético de fronteiras. A idea dunha Europa-fortaleza, obsesionada cos seus propios privilexios e indiferente á sorte doutros pobos debe ser cuestionada.
 
A imaxe de “policía bo” da globalización proxectada desde a UE fende a medida que se intenta perfilar un maior poder político-militar para impor os intereses económicos da Unión no mundo, acceder aos recursos naturais periféricos e cimentar a confianza monetaria e financeira. Como esta deriva militarista é rexeitada pola poboación europea, inténtase vender a imaxe dun “poder brando”, baseado en razóns humanitarias, para aumentar a súa aceptación.
 
Por outra banda, o déficit democrático das institucións europeas acentúase. Se os dirixentes comunitarios valoraban como un gran avance democratizador o feito de que a Constitución Europea se sometese a referendo e se elaborase co método da Convención -formalmente participativo-, perante o fracaso da devandita constitución non dubidaron en volver ao sistema das opacas conferencias intergobernamentais para formular o Tratado de Lisboa. Actualmente o panorama segue sendo gris e non é de estrañar que a cidadanía europea senta cada vez máis afastada do proceso de construción europea e xurda a pregunta sobre cal é, en definitiva, a identidade sobre a que se está construíndo este proceso.
 
Nos anos 90, como parte da cuestión europea, ampliouse o debate intelectual, político e académico en relación á adhesión do Estado español (e de Galicia) á política continental e o que iso representaba (ou parecía representar), a saber: a suposta concreción dos ideais colectivos de progreso social e material, democracia social avanzada, unidade, solidariedade e irmandade europeísta... Porén, vivimos nunha Europa moi diferente. Como afirmou o escritor arxentino Andrés Neuman: “A Europa actual é un 'sálvese quen poida' permanente. Cada nova medida que se toma é apoiada ou rebatida segundo o interese particular desas nacións ás que se lles enche a boca falando de Europa”.
 
 
 
Se ollamos á cultura europea apreciamos que moitas televisións, radios, grandes xornais e unha parte moi importante dos medios de comunicación están ao servizo da manipulación dos contidos informativos e culturais, e a disposición dos intereses das elites que dominan o propio sistema político-económico. Fano con información adulterada, cunha cobertura xornalística terxiversada, cun informar só sobre determinados temas -que resultan máis rendibles- e coa sutil manipulación do pensamento colectivo. Ademais abren a porta a unha “cultura do coñecemento global”, unha cultura homoxénea, automatizada, tecnificada e mercantilizada...
 
E ven a conto todo isto porque estou a ler un interesante libro (editado por Galaxia) e titulado Globalización e imperialismo cultural, coordinado por Manuel Outeiriño e no que se defende que a “cultura de masas” ten afinidade con esa concepción baseada na difusión dalgúns elementos patrimoniais das culturas hexemónicas, pero desartelladas, desvirtuadas e descontextualizadas, “cultura de masas” que consiste na substitución ou representación alterada das culturas populares. Deste xeito, a cultura que se impón é a cultura do consumo, que conta para a súa imposición e mantemento (quere dicir, para funcionar hexemónicamente) cun modelo de medios de comunicación de masas no que destaca a televisión e que se apoia en determinadas grupos mediáticos con forte presenza nas industrias corporativas do audiovisual.
 
Creo que a comunicación e a cultura estanse reconfigurando nun espazo estratéxico achegado aos procesos de transnacionalización e á urxencia de diferentes suxeitos sociais e identidades culturais novas.
 
Por iso as perspectivas de Galicia e da nosa industria cultural, neste novo século, terían que estar centradas na indagación dos diversos procesos mediante os cales a conformación do masivo é desenvolvida a partir das transformacións das culturas de base e populares. O deseño dunha estratexia cultural expansiva (e o seu reflexo en futuros proxectos culturais situacionais) non deben centrarse só nos medios de comunicación senón tamén nas articulacións entre as diversas prácticas comunicacionais e os movementos sociais; é necesario, dunha vez por todas, tomar como eixo a pluralidade de matrices culturais.

 

Óscar Lomba



Óscar Lomba

Óscar Lomba Álvarez (Vigo 1966) Licenciado en Dereito-Económico pola Universidade de Vigo e Diplomado en Maxisterio pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi colaborador de Radio Piratona. Ex-vicepresidente da Cooperativa Árbore. Ten colaborado cos seguintes medios: Coiote, Diario 16 de Galicia, A Nosa Terra, A Peneira, Kalaikia, Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, A Trabe de Ouro, La Voz de Galicia, Atlántico Diario, El Foro Metropolitano, Pensamiento Crítico e Tribuna Socialista. Actualmente traballa como P.S.X. na Xerencia de Atención Primaria do SERGAS en Vigo. É asesor xurídico da Plataforma de Afectados pola Hipoteca – stop desafiuzamentos.