"O florido pénsil" volve a Vigo

Antonio Durán ‘Morris’, Xosé Manuel Olveira ‘Pico’, Josito Porto, Alfonso Agra e Federico Pérez protagonizan unha obra sobre a escola franquista, escrita por Andrés Sopeña

Por Paco Gallego | Vigo | 24/02/2012

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

"O florido pénsil", o espectáculo de Emedous sobre a escola do franquismo que revolucionou o ano pasado o panorama teatral galego, representarase o venres 24 e o sábado 25 no Centro Cultural Novacaixagalicia de Vigo, ás 20.30 horas. As entradas están xa á venda en entradas.novagaliciabanco.es. A obra volve aos escenarios en 2012 tras pechar 2011 cun rexistro de 12.000 espectadores en 23 funcións, e está protagonizada por cinco dos mellores actores da escena galega: Antonio Durán Morris, Xosé Manuel Olveira Pico, Josito Porto, Alfonso Agra e Federico Pérez poñen cara ás vivencias entre cómicas, duras e tenras dun grupo de rapaces na escola do franquismo.

O cartel de aforo completo foi unha constante na primeira xira de "O florido pénsil", en funcións como a única que se puido ver en Vigo en 2011. A proposta, que adapta o galego un texto de Andrés Sopeña e dirixen Fernando Bernués e Mireia Gabilondo, tivo mesmo que habilitar datas suplementarias en varios teatros para satisfacer a petición do público. Para a súa produción Emedous contou coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e co apoio do Centro Dramático Galego. O florido pénsil conta as vicisitudes dun grupo de rapaces sometidos á absurda e ilóxica brutalidade do sistema educativo que dominou a España da posguerra. A través dos seus protagonistas descóbrese un fresco no que se suceden as tribunas desde as que o franquismo aleccionaba á poboación: en primeiro lugar, a escola, centro de operacións fundamental para a propaganda do ideario fascista; máis tarde, o cinema de barrio, a radio familiar, a igrexa e a prensa. Pola obra pasan heroes das películas, mestres casposos, mozos máis ou menos espabilados, Roberto Alcázar, o NO-DO, o Tebeo e os curas.

O texto foi adaptado por Sandra Romarís, Emilio Cao e Xocas López para Eme2 para a súa posta en escena en galego, acomodándoo tamén ás especificidades da época en Galicia.

Unha das imaxes promocionais desta divertida e paródica obra

O elenco

Para levar ás táboas O florido pénsil, Eme2 reuniu a cinco dos mellores actores da escena galega. Xosé Manuel Olveira "Pico" é un dos rostros máis recoñecibles da profesión, con vinte montaxes do Centro Dramático Galego (CDG), innumerables obras de teatro e a participación en series televisivas do éxito de "Mareas vivas" ou o "Padre Casares". No seu haber conta con tres premios María Casares. Pola súa banda, Antonio Durán Morris, coñecido en todo o país polo seu papel de Cuñado en "Pratos combinados" e de Alcalde en Padre Casares, dous dos seriais máis exitosos da historia da televisión galega, participou tamén en numerosos espectáculos teatrais, coma "O enfermo imaxinario" do CDG, nas súas primeiras temporadas. Federico Pérez, o máis novo, fíxose coñecido pola súa interpretación de Josito na serie "Padre Casares", e participou en películas como "18 comidas". Tamén coñecido polos seus traballos televisivos, nomeadamente en "Pratos combinados", é Josito Porto, que conta cun María Casares por Sexismunda. Mentres, Alfonso Agra participou en numerosas montaxes do CDG, múltiples espectáculos teatrais desde os anos oitenta, media ducia de longametraxes cinematográficos e series televisivas da importancia de "Libro de familia" ou "Mareas vivas".

A dirección

Fernando Bernués e Mireia Gabilondo son unha parella de directores vencellados á compañía vasca Tanttaka. Os dous teñen impulsado en conxunto ou por separado numerosas montaxes de xéneros ben distintos. Mais alá do teatro, Gabilondo destaca polas súas direccións dos espectáculos de danza da compañía Kukkai, renovadora da danza tradicional vasca. Bernués ten dirixido numerosas compañías e numerosos actores en todo o Estado, e a súa unión con Galicia vén a través de Manuel Rivas, de quen dirixiu "A man dos paíños".

A TÚA ACHEGA FAI QUE GC POIDA PUBLICAR NOVAS COMA ESTA. SÓ DEPENDEMOS DE TI.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe


Comentarios

1 comentario
1

Otero

A Vigo, A Ourense, A Ferrol, a Santiago, a Lugo, a Salceda de Caselas, a Val do Dubra, a Baltar, a Pontecesures, a Marín, a Vilagarcía... en fin, a toda Galicia e a todos os seus centros de ensino da man de Feijóo e do tal Susito Vázquez.


multiple image
 
quen somos button
introgcplus button