Núñez Feijóo, sindicalista

O presidente da Xunta, demostrando o seu pouco aprecio pola función pública, está a adoptar medidas que perxudican de maneira severa aos seus traballadores: reduce de xeito brutal os dereitos laborais e precariza o emprego. Semella estar entregado a unha misión: o desmantelamento dos servizos públicos e o desprestixio dos seus traballadores.

Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 01/03/2012

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

Non é doado conseguir un emprego público. É preciso estudar durante moito tempo temarios extensos e complexos, e hai que superar unhas oposicións esixentes, en competencia con milleiros de opositores. Debemos aceptar, se as cousas se fan ben, que as probas selectivas están ben deseñadas e que conseguen as prazas os que están mellor preparados e son máis idóneos para o traballo ao que se opta.

Pero Núñez Feijóo, cando era novo, comezou a traballar na Xunta como funcionario interino e despois fíxose sindicalista. Militaba no sindicato “Fica” (Funcionarios Interinos y Contratados Administrativos). Naquel tempo, cando principiaba a democracia, Alberto reclamaba “el acceso a la Función Pública de todos los interinos y funcionarios”, e que se lles asegurara “la estabilidad en el puesto de trabajo”. Tamén esixía “el reconocimiento de los interinos en la ley de los presupuestos generales y el 100% de las retribuciones básicas y complementarias”. En resumo: o xoven Núñez Feijóo quería un posto de traballo público entrando pola porta de atrás (sen facer oposicións) e coas mesmas condicións que os traballadores fixos.

Mariano Rajoy, aos dous meses escasos da súa toma de posesión como presidente do goberno, ven de impoñer unha Reforma Laboral que lamina os dereitos dos traballadores e deixaos inermes ante a codicia da patronal. Volvemos a unha situación de inseguridade e desprotección semellante á da primeira metade do século XX. O propio ministro de Economía calificou a reforma de “extremadamente agresiva”. Están a cumplir co prometido. Os empresarios non tardaron de expresar a súa satisfacción.

Aquí xa imos máis adiantados. Nos seus tres anos de mandato, Núñez Feijóo está a realizar un labor teimudo para desmontar os servizos públicos. O seu plan de recortes aos funcionarios vai ser aprobado no Parlamento galego dentro de poucos días por vía de urxencia. Aquel mozo reivindicativo, que quería un posto de funcionario sen presentarse ás oposicións, agora está a facer unha campaña de descrédito dos funcionarios e adopta medidas que deixan aos empregados públicos nunha situación precaria como nunca tiveran nos últimos tempos.

Hai un  testemuño gráfico do pasado do Feijóo, acompañado polo seu amigo Carlos Negreira, actual alcalde de A Coruña.pablovaamonde.blogspot.com

Pablo Vaamonde



Pablo Vaamonde

Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.