Por Xurxo Ayán. Rotislav non puido saír do seu país, Chequia, até 1990. Montañeiro acérrimo, dende aquela adicouse á súa paixón agochada: viaxar. O seu pai xa fóra un cú inquedo, traballando na década de 1970 como instructor en Cuba, seguindo a máxima da colaboración entre pobos socialistas. Estudante de Psicoloxía e Económicas, veu a Compostela un cuatrimestre no curso 1999-2000. Os debates noitaregos con licor café daban para moito. Malia que era un neoliberal convencido (as súas razóns tería) nunha cousa non puiden levarlle a contraria porque a súa mirada de xenreira o dicía todo. Refírome ao seu noxo cando vía polas ruelas do campus ou nalgúns garitos o careto de Lenin, a fouce e o martelo, os pósters desgastados da loita comunista. Non comprendía como iso non estaba prohibido. Eu tentaba explicarlle que no franquismo o PC e afíns puxeron os mortos, que aquí foi símbolo da loita pola democracia na dictadura e que a nosa traxectoria pouco tivo que ver co devalar histórico de Checoslovaquia. Pero daba igual. Limitábase a dicir que eramos uns necios porque xogabamos con historias que non nos tocaran vivir, por sorte...